NOTICIA

----

A cidade de Lugo vólcase co Concerto das Letras Galegas

Música, poesía e palabra cun inequívoco sesgo lucense. O programa deseñado polo Consello da Cultura Galega (CCG) para o seu habitual Concerto das Letras Galegas tivo boa acollida entre o público. O CCG reivindicaba deste xeito o carácter lúdico, pero tamén conmemorativo do Día das Letras Galegas. O concerto celebrouse no Círculo das Artes de Lugo e un dos seus momentos máis destacados foi a estrea da versión para coro e orquestra realizada por Octavio Vázquez do poema “Penélope” de Xosé M. Díaz Castro

A proposta para o Concerto das Letras Galegas encheu o aforo do Círculo das Artes de Lugo. Unha cita á que acudiron numerosas autoridades e personalidades como o conselleiro de Cultura, Educacion e Ordenación Universitaria, Jesús Vázquez; o presidente do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, Miguel Ángel Cadenas; o presidente do Consello de Contas, Xesús Palmou; a Delegada Territorial da Xunta de Galicia en Lugo, Raquel Arias; a concelleira de Cultura, Turismo, Xuventude e Promoción da Lingua, Carmen Basadre; o secretario do Círculo das Artes, José María Vázquez Penas; o alcalde de Lugo, José Clemente López Orozco; o presidente da Sociedade Filarmónica Lucense, Antonio González Trigo; e o compositor, Octavio Vázquez, que veu expresamente desde Nova York, onde reside.

O concerto correu a cargo da Real Filharmonía de Galicia coa participación do grupo vocal Sólo Voces, fundado en Lugo en 1992, e o Collegium Compostellanum, creado en 1988 por Maximino Zumalave, quen exerceu de director do concerto.

Ademais, a Sociedad Filarmónica Lucense aproveitou a ocasión para entregarlle ao presidente do Consello da Cultura Galega, Ramón Villares, unha placa honorífica agradecéndolle esta proposta, que puxo de manifesto a colaboración entre ambas entidades.

A celebración do Día das Letras Galegas
Foron varias as actividades promovidas polo Consello da Cultura Galega para celebrar o Día das Letras Galegas. Unha delas é a organización deste Concerto das Letras Galegas que busca unir textos e música co obxectivo de subliñar a dimensión conmemorativa, reivindicativa e festiva da xornada. Unha iniciativa que cada ano explora formatos diferentes. En 2013, ao coincidir cos 150 anos da publicación de Cantares gallegos, o CCG convidou a Asociación Galega de Compositores a crear unha obra musical (dun minuto de duración para un máximo de nove instrumentos) para cada un dos poemas da citada obra de Rosalía. O resultado foron 36 composicións que doce integrantes da Asociación de Actores e Actrices de Galicia e da Escola Superior de Arte Dramática de Galicia interpretaron en San Domingos de Bonaval (Santiago de Compostela). Nesta ocasión, buscouse un programa enraizado en Lugo que serviu para ofrecer un crisol da creación musical culta galega ordenado cronoloxicamente: pezas de Pascual Veiga, Xoán Montes e Xesús Bal y Gay e Rogelio Groba sobre textos de Francisco María de la Iglesia, Aurelio J. Pereira, Xosé María Díaz Castro e Xosé Filgueira Valverde quen, malia non ser lucense, exerceu docencia en Lugo.

O concerto incluía, ademais, unha segunda aposta que foi a encarga da versión musical de "Penélope" que o CCG lle fixo a Octavio Vázquez (Santiago de Compostela, 1972).

Ademais, dentro da súa liña de traballo. O consello da Cultura Galega fixo unha edición limitada de Cartafol de traducións e outros poemas, unha compilación no que da conta da faceta de tradutor de Xosé María Díaz Castro. Armando Requeixo foi o autor desta publicación que pretende espellar a importancia que, no conxunto da escrita diazcastriana, tiveron sempre os traballos de tradución, ao que o lucense dedicou a maior parte da súa vida.