NOTICIA

----

O Consello da Cultura homenaxea a Díaz Castro e a creación lucense no seu Concerto das letras Galegas

“É unha cita coa poesía, coa música e coa palabra” asegurou Ramón Villares, presidente do Consello da Cultura Galega (CCG), na presentación do Concerto das Letras Galegas. No acto, que tivo lugar no Círculo das Artes de Lugo, estaban representantes das entidades que participan no evento: Maximino Zumalave, director do concerto, Antonio González Trigo e Julián Parga, presidente e vicepresidente da Sociedad Filarmónica de Lugo, e Fernando Gomez, director do grupo Vocal Sólo Voces. O concerto, que interpreta pezas de compositores e escritores relacionados con Lugo, celebrarase o vindeiro día 16 de maio e suporá a estrea absoluta dunha peza que lle pon música a “Penélope”, o poema de Díaz Castro.
O Consello da Cultura homenaxea a Díaz Castro e a creación lucense no seu Concerto das letras Galegas

O habitual concerto que o Consello da Cultura Galega organiza con motivo do do Día das Letras Galegas terá lugar este ano en Lugo, por ser o lugar de orixe do homenaxeado desta edición, Xosé María Díaz Castro (Guitiriz, Lugo, 1914 - Lugo, 1990). Na presentación, o presidente do Consello da Cultura Galega, Ramón Villares, destacou o “sesgo lucense do programa, xa que ofrece un crisol da creación musical culta galega da man de compositores e escritores nados ou relacionados con Lugo”. Isto plásmase na interpretación de pezas de Pascual Veiga, Xoán Montes e Xesús Bal y Gay e Rogelio Groba sobre textos de Francisco María de la Iglesia, Aurelio J. Pereira, Xosé María Díaz Castro e Xosé Filgueira Valverde quen, malia non ser lucense, exerceu docencia en Lugo.

A Real Filharmonía de Galicia será a formación encargada do concerto e contará coa participación do grupo vocal Sólo Voces, fundado en Lugo en 1992, e o Collegium Compostellanum, creado en 1988 por Maximino Zumalave. Foi este último, quen quixo destacar “o exemplo de traballo conxunto de diferentes institucións”.

Estrea absoluta da version musical de Penélope, de Díaz Castro
"Penélope" é o poema máis editado e traducido de Díaz Castro, incluído no Poemario Nimbos, no que o homenaxeado polo Día das Letras Galegas denuncia a pasividade do país. Sobre este coñecido texto, o compositor galego afincado en Nova York, Octavio Vázquez, creou unha obra para coro e orquestra. Unha peza que responde a un encargo do Consello da Cultura Galega e que se estrea neste concerto.

Octavio Vázquez (Santiago de Compostela, 1972) estudou no Conservatorio Adolfo Salazar e no Real Conservatorio Superior de Música de Madrid; e, posteriormente, no Peabody Conservatorio da Johns Hopkins University en Baltimore e na Universidade de Maryland, College Park. Desde 1999 reside na cidade de Nova York, pero mantén unha ampla relación con Galicia xa que recibe encargos da Orquestra Sinfónica de Galicia, da Real Filharmonía, do Xacobeo Classics 2010 e doutras entidades, ao tempo que participa en festivais internacionais destacados.

O concerto das Letras Galegas
Por cuarto ano consecutivo, o Consello da Cultura Galega organiza un concerto con motivo do Día das Letras Galegas. O Concerto das Letras Galegas busca unir textos e música co obxectivo de subliñar a dimensión conmemorativa, reivindicativa e festiva da xornada, aínda que cada ano explora formatos diferentes. En 2013, ao coincidir cos 150 anos da publicación de Cantares gallegos, o CCG convidou a Asociación Galega de Compositores a crear unha obra musical (dun minuto de duración para un máximo de nove instrumentos) para cada un dos poemas da citada obra de Rosalía. O resultado foron 36 composicións que doce integrantes da Asociación de Actores e Actrices de Galicia e da Escola Superior de Arte Dramática de Galicia interpretaron en San Domingos de Bonaval (Santiago de Compostela).