Na sesión da tarde os creadores visuais evidenciaron dun xeito práctico o que se entende por pintura. “Son os artistas os que, coas súas obras, amplían e cambian e transforman a pintura” incidía Almudena Fernández. Empezou a súa intervención Berta Cáccamo que se definiu “como pintura dentro do cadro, na pintura abstracta” e á que lle interesa “o como se fai máis que o que se fai”. Despois, tanto Miren Doiz como Manuel Eirís fixeron un repaso comentado polas súas obras máis recentes ao tempo que foron achegando claves para comprendelas.
A segunda sesión
As xornadas continúan o xoves con David Barro e Gloria Picazo reflexionado sobre o concepto a partir do seu traballo no eido do comisariado de exposicións que recolleron as tendencias contemporáneas deste xénero. No caso de David Barro centrarase na mostra “Skyshout, a pintura despois da pintura” feita no ano 2005, temática sobre a que volvería en 2011 con “Antes de ayer y pasado mañana. Lo que puede ser la pintura hoy”. Pola tarde, serán os artistas Daniel Verbis, Din Matamoro e Tatiana Medal os que exhibirán os seus traballos cos que se completarán novos exemplos de achegarse a esta categoría artística.
Un gran mapa actual da pintura
Con esta xornada o Consello da Cultura recolle o fío dunha temática iniciada en 1995 cando Antón Castro e Juan de Nieves coordinaron unha xornada “O lugar da pintura nos 90”no momento no que empezan a ser borrosas as liñas das grandes categorías artísticas como a pintura, a escultura. Agora, son Almudena Fernández e María Luisa Sobrino as que volven sobre este asunto nun contexto diferente marcado pola popularización dos programas de retoque fotográfico, a evolución da arte e a influencia da rede. “O que nos gustaría que quedase, explica Almudena Fernández, é un mapa da gran diversidade e da gran riqueza e enerxía que aínda ten a pintura”. As xornadas evidenciarán esa transformación tanto na representación como nos materiais e nos soportes.