
Santiago de Compostela, 17 de marzo. “A lingua galega en Cuba”, “Rosalía de Castro e Cuba” máis “Galegos que loitaron pola independencia de Cuba” son tres obras que viron a luz en épocas diferentes, con editoriais diferentes pero que comparten dous denominadores comúns. Dunha banda, son obras escritas por Xosé Neira Vilas, e da outra, teñen unha proximidade temática. Agora, o Consello da Cultura reedita estas obras de xeito conxunto no volume titulado “Galicia en Cuba” que permite trazar a historia común de Galicia e Cuba desde mediados do século XIX ata a actualidade.
A publicación, revisada e actualizada polo propio autor, insírese no marco de traballo fixado nun convenio asinado entre o Consello da Cultura Galega e a Secretaría Xeral de Política Lingüística no ano 2013.