----

O Consello da Cultura Galega acollerá en xuño un seminario internacional sobre “Migracións e memoria histórica”

Os primeiros resultados da investigación sobre inmigración e memoria histórica daranse a coñecer no curso do Seminario Internacional “Migracións e Memoria Histórica”, que se celebrará no Consello da Cultura Galega os días 13 e 14 do vindeiro mes de xuño. Medio millón de descendentes de emigrantes españois (só un 7 por cento de exilados), o cincuenta por cento galegos, solicitaron a nacionalidade española, acolléndose á coñecida como Lei da Memoria Histórica, explicou Antonio Izquierdo Escribano, catedrático de Socioloxía da Universidade da Coruña, director do proxecto de investigación e do “Grupo de Estudos de Migracións e Memoria Histórica” da Universidade da Coruña e co-coordinador do seminario xunto con Ramón Villares, presidente do CCG. Na organización do programa, ademais do grupo citado, participa o Arquivo da Emigración Galega do CCG.
O Consello da Cultura Galega acollerá en xuño un seminario internacional sobre “Migracións e memoria histórica”

Antonio Izquierdo Escribano e Ramón Villares presentaron hoxe o seminario, no que intervirán profesores e investigadores das universidades de Buenos Aires (Arxentina), Zacatecas (México), León, Valencia, Santiago de Compostela e A Coruña. Nas sesións de traballo abordaranse os aspectos xurídicos, institucionais e históricos da Lei da Memoria Histórica, avaliaranse as súas repercusións migratorias, identitarias e políticas e daranse a coñecer os resultados da investigación da Universidade da Coruña sobre as repercusións migratorias da lei.

As sesións de traballo abriranse coa conferencia de Aurelio Miras Portugal, Director Xeral de Migracións sobre “As institucións e asociacións dos españois no mundo” e concluirán coa de Javier Garciadiego, director do Colegio de México, sobre “O exilio español en México e as súas repercusións na cultura hispanoamericana”. Entre os relatores figura asemade Francisco Caamaño, catedrático de Dereito Constitucional, deputado no Parlamento de Galicia e exministro de Xustiza, que falará sobre “A xestación da Lei da Memoria Histórica en España”.

A inscrición no seminario é gratuíta e as prazas, cen como máximo, cubriranse por orde de inscrición en: difusion@conselloda cultura.org

Máis información en: www.consellodacultura.org