----

Os XV Encontros para a Normalización Lingüística acolleron duras críticas ao decreto de plurilingüismo “que converte ao galego en invisible e inútil”

Os XV Encontros para a Normalización Lingüística tomaron nota hoxe das duras críticas ao “decreto de plurilingüismo” a través das experiencias de diferentes docentes. A nova normativa converte ao galego “nunha lingua invisible e inútil” e favorece claramente a hexemónica posición do castelán. Así o expresaron todas as participantes nos dous paneis que analizaron a situación do galego no ensino. As sesións de traballo, iniciadas onte e organizadas polo Centro de Documentación Sociolingüística do Consello da Cultura Galega, concluíron hoxe con distintas propostas aplicables á tarea normalizadora e aos traballos colaborativos e de implicación social nesta tarefa. Os Encontros contaron coa participación de cen especialistas e eexpertas.
Os XV Encontros para a Normalización Lingüística acolleron duras críticas ao decreto de plurilingüismo “que converte ao galego en invisible e inútil”

As participantes nos dous paneis configuradores da sesión matinal dos XV Encontros para a Normalización Lingüística, centrada no galego no ensino, foron moi críticas co Decreto de Plurilingüismo (2010). Mariló Candedo (Nova Escola Galega) afirmou que con esa norma “pérdese a orientación normalizadora, logo da súa demonizaciòn ao asociarse á imposición lingüística”. Candedo participou no panel dedicado a analizar o marco normativo, xunto con Dalila Dopaz, maxistrada e os docentes Xosé Luís Janeiro e Bieito Silva. Moderou Concepción Cochón.

No panel orientado á exposición de experiencias da comunidade educativa, falouse de “docentes de mans atadas” (Belén Escariz) ou dun galego “cada vez menos presente nas aulas” (Ana Castro). A mesa, moderada por Valentina Formoso,.salientou que “o Decreto de plurlingüismo converte o galego nunha lingua invisible e inútil e favorece claramente a hexemónica posición do castelán e moi pouco o coñecemento do inglés”. Manuel García, Francisco Díaz e Begoña Villaverde subliñaron a necesidade de facer as cousas ben, considerar os criterios da comunidade educativa e procurar consensos básicos “que eviten tan forzados viraxes no ensino”.

Os Encontros, coordinados por Henrique Monteagudo e Susana Mayo, contaron coa colaboración da Secretaría Xeral de Política Lingüística e as Coordinadoras de Traballadores e Traballadoras de Normalización da Lingua e dos Equipos de Normalización e Dinamización Lingüística.

No breve acto de clausura participaron Valentina Formoso, da Coordinadora de Traballadores e Traballadores de Normalización Lingüística; Valentín García Gómez, Secretario Xeral de Política Lingüística, e Henrique Monteagudo, coordinador do Centro de Documentación Sociolingüística de Galicia, do Consello da Cultura Galega.


Outras noticias que che poden interesar