NOTICIA

----

FERNÁNDEZ-MIRANDA DESTACA O ALTO GRAO DE INTEGRACIÓN DOS INMIGRANTES EN GALICIA

Ordenar e racionalizar os procesos de inmigración, integrar a estas poboacións na sociedade española, disuadir a inmigración ilegal, loitando contra o tráfico e a explotación, e loitar contra a xenofobia e a intolerancia, son as metas cara ás que traballa o Goberno español no proceso de regularización da inmigración en España, segundo fixo público esta mañá o Secretario de Estado para a Estranxeiría e a Inmigración, Enrique Fernández-Miranda. Fernández-Miranda fixo estas declaracións durante a súa intervención no marco da xornada “Inmigración: un novo reto”, que o Arquivo da Emigración Galega organizou na sede do Consello da Cultura Galega.

Ó acto de presentación asistiron o conselleiro de Presidencia, Jaime Pita, o vicepresidente do Consello da Cultura Galega, Alfonso Zulueta de Haz e a directora do Arquivo da Emigración Galega, Pilar Cagiao Vila. Fernández-Miranda puxo de manifesto a posición do Goberno fronte á situación dos inmigrantes en España, explicando que a nova Lei de Estranxeiría, aprobada o 23 de xaneiro pasado, pretende romper o "círculo vicioso" que con frecuencia se establece entre inmigración e delincuencia.

"A chegada de persoas procedente de terceiros países de forma clandestina e irregular da lugar a una situación de explotación, que en demasiadas ocasiones conduce á marxinalidade, delincuencia e conflictos no seo da sociedade", segundo declarou Enrique Fernández-Miranda. Alto grao de adaptación Sen embargo, o Delegado do Goberno para a Estranxeiría e a Inmigración, aclarou que no caso da poboación inmigrante en Galicia, en torno a 30.000 persoas que sitúan a Galicia como a sexta comunidade autónoma en volume de recepción de inmigrantes, "o grado de adaptación é moi alto", xa que, segundo Enrique Fernández-Miranda, os inmigrantes que chegan a Galicia adáptanse rapidamente a unhas sociedade aberta, solidaria e tolerante", que evita problemas que si acontecen noutras zonas do Estado.

Precisamente para afondar nos procesos de adaptación da poboación estranxeira, que "deben asumir as normas de convivencia que rexen en España", dixo Fernández-Miranda, e disuadir a inmigración ilegal e a explotación laboral, elaborouse a nova Lei de Estranxeiría, da que estará listo o seu regulamento a finais do mes de xullo para a súa aprobación no último Consello de Ministros do semestre.

Capacidade de recepción limitada
Sen embargo, Fernández-Miranda aclarou que a capacidade de recepción da poboación estranxeira é limitado, aínda que, recoñeceu que España era un país de inmigrantes e na intención do Goberno é "que siga séndoo".

Moitas das afirmacións que fixo o máximo responsable para inmigración, foron respondidas desde o punto de vista da investigación, por parte do sociólogo da Universidade da Coruña, Antonio Izquierdo Escribano, quen tamén participou na xornada “A inmigración: un novo reto”. Izquierdo fixo un descrición da situación da inmigración en España, analizando tendencias e composición da poboación estranxeira e propoñendo unha visión de futuro.

"A política que se está a poñer en práctica non abre canais para a recepción legal de inmigrantes", asegurou o catedrático de Socioloxía, quen denunciou tamén a cultura da ilegalidade dentro da propia sociedade española.

A xornada sobre a inmigración organizada polo Arquivo da Emigración Galega completouse coa intervención da Directora Xeral de Familia da Xunta de Galicia, Teresa Rey Barreiro-Meiro, que se ocupou das axudas que o Goberno galego ten previsto para fomentar a acollida de inmigrantes no caso específico dos menores estranxeiros que chegan a Galicia sós.