NOTICIA

----

O CONSELLO DA CULTURA GALEGA EDITA O ORIXINAL DA OBRA DE CASTELAO OS DOUS DE SEMPRE

Coa pretensión de ofrecer un documento cun indubidable valor estético e filolóxico, o Consello da Cultura Galega acaba de publicar unha edición facsímile do manuscrito orixinal da obra de Alfonso R. Castelao, Os dous de sempre. A presentación da edición, coordinada polo secretario do Consello da Cultura Galega, Henrique Monteagudo, terá lugar mañá, martes 24 de xullo, ás 12h. na sede do Museo de Pontevedra.

A escaseza de orixinais literarios de Castelao foi un dos motivos polos que xurdiu a idea de editar este facsímile, que reúne o texto orixinal, co seu obvio valor estético, testemuñal e sentimental, e as ilustracións, que estaban no Museo de Pontevedra.

Ademais, a publicación deste orixinal permite a lectores de Castelao e estudiosos da obra do escritor facer un exame do orixinal e comparalo coa edición que en 1934 publicou a Editorial Nós e no que se basearon tódalas demais edicións posteriores.

Orixinal valorado nun peso
O manuscrito, que cando foi requisado polas autoridades en 1939 á familia Castelao foi valorado en cinco pesetas, percorreu un longo periplo ata chegar finalmente ás mans do industrial padronés X.M Cortizo. O seu actual propietario foi quen puxo a disposición da Fundación Castelao o orixinal para o seu exame, reproducción fotográfica e escaneado.

Este traballo contou coa colaboración do herdeiro da familia Castelao, Javier Baltar, así como o fotógrafo Jesús Martínez 'Xogaina', o director do Museo de Pontevedra, Carlos Valle Pérez e a Editorial Galaxia.