NOTICIA

----

PRESENTADO O INFORME DE POLÍTICA LINGÜÍSTICA E NORMALIZACIÓN NUN FORO EUROPEO DE LINGUAS

No marco do Ano Europeo das Linguas, Andorra acolleu o 2º Congreso Europeo sobre Planificación Lingüística, unhas xornadas que se viñeron desenvolvendo durante os días 14, 15 e ata a xornada do 16, xornada que se pechou coa participación dos coordinadores do Informe de Política Lingüística e Normalización (IPLN) en Galicia, Henrique Monteagudo e Xan Bouzada, e da coordinadora do Arquivo de Planificación e Normalización Lingüística, Susana Mayo, entre outros asistentes.

O Goberno de Andorra, a Generalitat de Catalunya e o Goberno das Illas Baleares foron os encargados de organizar este Congreso no que, ó longo de tres días e de 6 ponencias, 39 comunicacións, 16 paneis e dúas mesas redondas, tentouse fomentar a reflexión e o debate en torno á situación na que se atopan as políticas lingüísticas de linguas que polas súas características demográficas, sociais ou xurídicas requiran unha atención especial.

Do mesmo xeito, os organizadores deste congreso pretenden facilitar o intercambio de información e apuntar novas liñas de actuación en torno ós modelos teóricos e os instrumentos de planificación lingüística, analizando as experiencias prácticas máis interesantes para os especialistas que participan nestes encontros, procedentes do País Basco, Alemaña, Bélxica, Canadá, Gales, ademais de Galicia.

Situación actual do galego
A comunicación de Henrique Monteagudo e Xan Bouzada centrouse na presentación da metodoloxía, obxectivos e problemas cos que se tivo que enfrontar na elaboración do IPLN, que o Consello viña desenvolvendo desde 1998 en colaboración coa Unión Europea. Segundo os relatores o informe, que xa fora presentado en Galicia durante os V Encontros para a Normalización Lingüística, supón un instrumento de información, avaliación e reflexión sobre a situación social do galego nos últimos anos, traballo que fixo necesario solventar numerosas dificultades, “se queríamos facer algo máis alá da simple descrición de usos e coñecementos da lingualingüísticas, ofrecendo liñas de actuación”, asegurou o director do APNL, Henrique Monteagudo. Segundo Monteagudo, coa participación neste congeso, preténdese establecer intercambios e fomentar a cooperación entre organismos de investigación lingüística de Catalunya, Valencia ou Alemaña, co obxectivo de examinar os seus respectivos métodos de análise.

Pola súa parte, Susana Mayo interveu durante o Congreso para tentar achegar o traballo que o Arquivo de Planificación Lingüística (APNL) leva adiante en Galicia, facendo público os obxectivos desta entidade, os servicios e recursos que ofrece, así como o nivel de actividades que soporta, dentro do marco de defensa e promoción do galego que mantén o Consello da Cultura Galega.