NOTICIA

----

ALONSO MONTERO EXPLORA A FIGURA DE CURROS ENRÍQUEZ COMO AUTOR COMPROMETIDO

A recuperación da figura de Curros Enríquez, outorgándolle no 150 aniversario do seu nacemento un recoñecemento que ata o de agora se lle negou, centra a xornada inaugural do I Congreso Internacional "Curros Enríquez e o seu tempo", que se celebra na vila natal do escritor, Celanova, baixo a organización do Consello da Cultura Galega. O director do congreso, Xesús Alonso Montero, foi o encargado de ofrece-la primeira das conferencias, centrada nas ausencias que o nome e a figura de Curros sufriu durante a Guerra Civil e a posguerra.

Neste sentido, Alonso Montero destacou a pouca relevancia que tivo a conmemoración do centenario do seu nacemento, en 1951, cando tivo lugar un acto conmemorativo que foi cualificado por Alonso Montero como "mero ritual".

Segundo o relator, durante todo o franquismo houbo continuos intentos por silenciar a Curros, permitindo tan só aqueles actos que se consideraban "obrigatorios", como era a celebración dos 100 anos do seu nacemento. O profesor Alonso Montero incidiu en que, trala Guerra Civil, Curros Enríquez, que fóra un autor reivindicado polo republicanismo, comezou a ser cualificado como "un home torvo, malhumorado e amigo de disputas políticas" aínda que a súa figura como poeta foi salvada pero só como autor daqueles poemas máis románticos e moi lonxe da súa faceta de escritor satírico.

Novas perspectivas de estudio
Ó longo da xornada da mañá, máis dunha ducia de expertos na vida e obra de Curros Enríquez, completaron a primeira sesión do congreso cun detallado repaso pola súa biografía, cartas e relación con Cuba, así como o estudio de Curros como xornalista e traductor.

Deste xeito, abordouse o estudio das diferentes biografías que se fixeron do escritor celanovés co obxectivo, non só de lembrar grandes traballos bibliográficos feitos por Celso Emilio Ferreiro, Alonso Montero ou Carlos Casares senón de abrir novas perspectivas de estudio, aportando teorías innovadoras que expliquen feitos da vida de Curros tan pouco coñecidos como o proceso penal que sufriu o autor do Divino Sainete en 1880. Unha vida que tamén se adiviña na correspondencia, que será obxecto de estudio noutra das sesións do congreso, a través das cartas enviadas a Martínez Salazar ou o poeta Antonio Feijoo.

Aproximación ó Curros xornalista
A obra xornalística do poeta ourensán e as traduccións de Curros e da obra de Curros, centrarán as sesións da tarde. Respecto do seu traballo xornalístico, a súa magnitude fixo preciso un estudio centrado en aspectos moi concretos.

Por iso, tanto o decano da Facultade de Xornalismo, Xosé López, como outros profesores e investigadores da obra de Curros, van ofrecer as súas conclusións a través de relatorios centrados en épocas moi concretas como a de Curros Enríquez como correspondente da guerra carlista para El Imparcial ou un estudio da súa concepción xornalística durante a súa etapa en La Tierra Gallega, a penas dous anos da vida do celanovés pero que son moi significativas para facer unha aproximación ás modalidades xornalísticas do momento.