NOTICIA

----

O CCG ACOLLE UNHA MESA DO CONGRESO DE HISTORIADORES LATINOAMERICANISTAS CENTRADA NA EMIGRACIÓN GALEGA

O III Congreso Internacional de Historiadores Latinoamericanistas ADHILAC, que se ven celebrando en Pontevedra desde o pasado luns, trasladou hoxe as súas sesións científicas a Santiago. O Consello da Cultura Galega, xunto coa Universidade de Santiago, é unha das institucións que acolle hoxe estas xornadas, en concreto a mesa Galicia-América: balance de una relación histórica, baixo a coordinación da directora do Arquivo da Emigración Galega, Pilar Cagiao.

Membros das Universidades de Vigo, Santiago de Compostela, Caldas (Colombia) e do Arquivo da Emigración Galega fixeron as súas aportacións na mesa que tivo lugar esta mañá na biblioteca do Consello da Cultura Galega. O primeiro relatorio estivo a cargo de dúas persoas pertencentes ó Arquivo da Emigración Galega, Nancy Pérez e María Seijas, que espuxeron unha comparativa dos movementos migratorios que se producen no interior e na costa. Atendendo a aspectos tales como a idade, sexo e estado civil, as relatoras tomaron para o seu estudio dous concellos da mariña coruñesa, Oleiros e Bergondo, e outros dous do interior, Lalín e Vedra.

A partir da análise dos rexistros de emigrantes conservados nos concellos ou na Coruña, estas dúas investigadoras espuxeron que nas zonas de costa obsérvase unha maior variedade nos destinos escollidos para emigrar, feito que se debería "a unha maior información sobre outros países gracias ás relacións tan amplas que os mariñeiros estableceron ó longo do tempo, de aí que os emigrados das costa se estableceran en lugares como Nova Iorque". Do mesmo xeito, estableceron que, frente a unha emigración da costa claramente masculina, había que ter en conta a emigración das mulleres que se observaba no interior. Segundo Nancy Pérez, "isto deberíase a que a análise da emigración no interior fíxose nos anos 29-34, caracterizados por existir unha maior demanda de mulleres para o servicio doméstico e porque, naquelas datas, favorecíase moito a reagrupación familiar".

A desigual sorte dos galegos emigrados

A expansión económica dos galegos nas rexións cafetaleras de Colombia foi o eixo do relatorio de Mercedes Molina, da Universidade de Caldas (Colombia) quen fixo fincapé no impacto que os galegos tiveron nas rexións da Caldas e Pereira, nas que moitos dos negocios son propiedade de galegos ou lles pertenceron nalgún momento. "Os galegos se mimetizaron perfectamente cos colombianos a pesar de que as leis non favorecían especialmente a chegada de estranxeiros", asegurou a relatora.

Sen embargo, non tódolos galegos correron igual sorte e outros moitos, segundo puxo de manifesto Carolina García, do Arquivo da Emigración Galega, convertíronse en man de obra da Canle de Panamá. Baixo a supervisión dos americanos, contratouse moita man de obra galega. "A maior parte da forza de traballo española era galega e os españois eran, tralos antilláns, o grupo máis importante do traballo", asegurou Carolina García, quen insistiu en que ós galegos "valorábanse moitísmo e tiñan unha imaxe moi boa pola súa fama de homes duros e resistentes".