----

Anthony Pagden, da University of California, reflexionou sobre “os intentos fallidos” de reorientar e rendibilizar os afáns expansionistas españois en América

“Nunca existiu nin como denominación nin como realidade un imperio español e o afán expansionista conduciu á fragmentación e ao colapso final, á guerra civil e á independencia das colonias”. Anthony Pagden, profesor de Ciencias Políticas e Historia na University of California-Los Ángeles (UCLA) defendeu este argumento na conferencia que iniciou un novo ciclo do seminario interdisciplinar "O(s) Sentido(s) da(s) Cultura(s)", que o Consello da Cultura Galega puxo en marcha en 2006 coa coordinación do profesor Ramón Maiz. A sesión desenvolveuse nun salón de actos abarrotado de estudiosos da ciencia política.
Anthony Pagden, da University of California, reflexionou sobre “os intentos fallidos” de reorientar  e rendibilizar os afáns expansionistas españois en América

O profesor Anthony Pagden analizou na conferencia "Da monarquía católica á república virtuosa. O imaxinario político na creación do mundo iberoamericano" os intentos fallidos de reorientar os afáns expansionistas españois e a “maldición” que supuxo “o fortuito descubrimento dunha gran riqueza mineral” ao deixar a un lado o cultivo da terra e a produción de mercadorías. Non prosperaron “nin a defensa do libre comercio nin a liberdade de consideracións relixiosas” a pesar dos proxectos reformistas defendidos por economistas influíntes como Jerónimo de Uztáriz (1724), José de Campillo y Cosío (1741), Campomanes (1762), o conde de Aranda (1783) ou Jovellanos (1795).

Aranda observara que “o único xeito de salvagardar o “imperio” era fortalecer as tendencias federalistas que xa estiveran presentes na antiga “monarchía” ods Habsburgo. Tratábase de evitar a insurxencia, tal e como Adam Smith predicaba para as colonias británicas na América do Norte. Pero sucedeu que as dúas monarquías seguiron ligadas ao “espíritu de conquista” e a guerra civil e a independencia posterior resultaron inevitables. “A ruptura non só supuxo a fin da autoridade da antiga matrópoli sobre as colonias, senón que levou á creación de dous sistemas políticos diferenciados”.

As Cortes de Cádiz (1812) e a súa Constitucióon nova e “liberal”, termo utilizado por vez primeira no seu sentido moderno, permitiron a Bolivar apelar á “igualdade política”, pero os efectos da invasión napoleónica e o retorno ao pasado por parte de Fernando VII desfixeron algo que Pagden dubida que fose “viable a longo plazo para o mundo hispánico na súa totalidade”. Deste xeito, “as marcadas diferenzas en canto ás súas orixes culturais entre os británicos do norte e os españois do sur tiveron como reusltado a creación de dous tipos de proxecto republicano moi diferentes e cualificados como republicanismo “antigo” e “moderno” con máis puntos en común coa revolución francesa que coa norteamericana”.

Claro que, concluíu o profesor Pagden, “os experimentos hispanoamericanos de republicanismo como intentos de modernidade estaban condenados, o mesmo que os franceses, a fracasar. Pero ninguén podía sabelo daquela e como experimentos foron moito máis audaces que ningún dos imaxinados polos Pais Fundadores do Estados Unidos, dedicados firmemente a recrear a “revolución gloriosa” inglesa de 1868”.

Da man do profesor Ramón Maiz, membro do Plenario da institución e coordinador da Sección de Filosofía e Pensamento, o seminario “O(s) sentido(s) da(s) cultura(s)” forma parte da actividade períódica de debate e difusión cultural que, entre moitas outras, ven ofrecendo o CCG nun intento de debullar críticamente as plurais significacións da Cultura.

Un volume de setecentas páxinas, recén saído do prelo, recolleu xa as principais contribucións dos participantes neste seminario no seu primeiro cuatrienio baixo o título "O(s) sentido(s) da(s) cultura(s)".