NOTICIA

----

O Consello da Cultura inaugurou en Vigo a exposición “Un canto e unha luz na noite. Asociacionismo cultural en Galicia (1961-1975)”

A exposición itinerante “Un canto e unha luz na noite. Asociacionismo cultural en Galicia (1961-1975), ideada e organizada polo Consello da Cultura Galega en colaboración coa Fundación “10 de Marzo”, foi inaugurada hoxe na Casa Galega da Cultura (Praza da Princesa, 2) en Vigo. A mostra, comisariada por Ricardo Gurriarán, rescata e destaca en vintedous paneis explicativos e nove vitrinas o papel dinamizador e transformador dos axentes e das asociacións culturais en Galicia nos últimos quince anos da ditadura franquista. Arranca en 1961, ano de creación en Compostela da primeira asociación cultural galega “O Galo”. No acto inaugural interviron Ramón Villares, presidente do CCG, Ricardo Gurriarán, Alfonso Zulueta, presidente da Fundación Penzol, e o Alcalde de Vigo, Abel Caballero. A exposición, que conta coa colaboración do Concello de Vigo e o auspicio da Fundación Penzol, poderá visitarse ata o vindeiro 11 de novembro.

O Alcalde de Vigo, Abel Caballero, recordou que a sala que acolleu o acto de inauguración era o lugar onde sesionaba a corporación municipal viguesa no tempo da II República. "Foi aquí onde o alcalde Martínez Garrido presidiu a última sesión daquela corporación democrática nas vésperas do golpe fascista de 1936". Abel Caballero rendiu homenaxe a quenes traballaron e loitaron no asociacionismo cultural "unha ponte entre a década dos anos 30 e o actual Estatuto de Autonomía".
Previamente Ricardo Gurriarán falara da Casa Galega da Cultura como "un lugar emblemático para o asociacionismo cultural galego, creador de espazos de liberdade".
Alfonso Zulueta agradeceu o traballo de recuperación da documentación referida ao asociacionismo cultural, máis de vinte mil documentos agora dixitalizados polo Consello da Cultura Galega, a disposición de estudosos e investigadores, e considerou ese legado e a exposición "unha recuperación imprescindible para Galicia". Pola súa parte, Ramón Villares agradeceu a colaboración do Concello de Vigo e a Fundación Penzol e falou da exposición como "algo modesto e, ao tempo, ambicioso". Modesta polos esforzados traballos que revela, feitos con moi poucos medios. Ambiciosa "porque trata de reconstruir a fase pre-polìtica da autonomía galega". Villares expresou o recoñecemento do CCG para quenes aportaron o patrimonio colectivo, isntitucional, corporativo ou persoal como valioso legado para a memoria e a historia de Galicia.
No acto inaugural estiveron a concelleira de Cultura, Isaura Abelairas, a concelleira do PP, Teresa Cedrón, e persoas relacionadas co traballo das asociativo e cultural, nomeadamente en Vigo e Pontevedra.

MOSTRA ITINERANTE

Na presentación do libro-catálogo o presidente do Consello da Cultura Galega, Ramón Villares, salienta que a mostra “foi ideada para recoller, recoñecer e difundir o traballo das xentes e os colectivos pioneiros do asociacionismo cultural, rescatando ese seu legado da brétema do tempo, activando a memoria e incorporando eses activos a este tempo noso”. E engade: “Para cumprir ese obxectivo terá a mostra carácter itinerante pola Galicia que as entidades asociativas propulsoras da cultura converteron en argumento para o estudo e o coñecemento e en argumento para a reflexión e a transformación da sociedade”.

O comisario da exposición, Ricardo Gurriarán, chama a atención sobre o xeito de traballo das asociacións culturais daquel tempo, que resume nunha metodoloxía integradora e na súa penetración no tecido social. Subliña tamén o feito de que “co seu quefacer tenaz e unha metodoloxía de prudencia moi acaída, malia os numerosos atrancos que impoñía a ditadura, aquelas asociacións culturais dos anos sesenta e setenta e os seus axentes deron os primeiros pasos na construción dunha cultura nacional ao servizo dunha cidadanía de país, en constante pulso coas instancias do Réxime”.

MÁIS DE VINTE MIL DOCUMENTOS RECOLLIDOS

Gurriarán lembra que a mostra baséase nunha importante recolleita de material, ano e medio de traballo para xuntar máis de vinte mil documentos -xa dixitalizados e depositados no Consello da Cultura Galega a disposición dos investigadores- e en entrevistas con dúas ducias de persoas relacionadas con aquela dinámica asociativa. Elaborouse asemade un libro-catálogo no que 19 autores analizan outras tantas facetas daquel legado asociativo orientado á defensa e á promoción da lingua e da cultura de Galicia. Figuran aí as contribucións de Antón Santamarina, Henrique Harguindey, Camilo Nogueira, Xosé María Palmeiro, Xosé Luís Chao, Xosé Carlos Sierra, Lalo Gutiérrez, Manuel Lourenzo, Tino Caamaño, Alfonso Vázquez Monxardín, Antón Costa, Miguel Anxo Seixas, Manuel F. Rodríguez, Euloxio R. Ruibal, Elías Torres, Martinho Montero, Luís Álvarez Pousa, Xesús Alonso Montero, Malores Villanueva e Manuel Caamaño.

A exposición, conformada por 22 paneis explicativos e nove vitrinas con documentación orixinal, detalla e ilustra o contexto sociopolítico e cultural, os antecedentes do asociacionismo, o xurdimento asociativo, a organización do traballo, as relacións co exterior e o exilio, o asociacionismo como primeira fase da normalización cultural, “O Galo” (Compostela, 1961), “O Facho” (A Coruña, 1963), a Asociación Cultural de Vigo (1965), o asociacionismo en Pontevedra, Ourense e Lugo, a eclosión asociativa no exterior (1967-1968), a vida asociativa, a lingua, o teatro, o libro, a liturxia, a música, a cinematografía e a plástica, os medios de comunicación e a política. Un accionar polìtico que, pouco despois, se orientaría prioritariamente á dialéctica da conquista da autonomía e a recuperación das liberdades e os dereitos democráticos, nalgunha medida debedores deses e doutros esforzos e contributos anteriores.

Deseñada Por Xosé Díaz, a mostra puido verse nos meses de abril e maio deste ano no Museo do Pobo Galego, en Santiago de Compostela.