As xornadas significaron a importancia do "poder brando" nas sociedades contemporáneas e a súa influencia na calidade democrática, no desenvolvemento das industrias culturais e na imaxe exterior. As conclusións, presentadas por Xulio Ríos, director do IGADI, destacaron o feito de que "non é posible avanzar nese triple obxectivo sen prestar atención á diplomacia cultural, cada vez máis relevante nas políticas públicas". Salientaron tamén a necesidade de "estratexias específicas coherentes e sostidas" para aproveitar as oportunidades que abre a diplomacia cultural.
Galicia ten potencialidades importantes e posibilidades para desplegar unha "diplomacia cultural activa e positiva" pero precisa "saber comunicar mellor os seus obxectivos e proxectos, superar a fragmentación existente e aproveitar e proxectar os seus recursos na súa imaxe exterior. "Para cumprir ese obxectivo Galicia necesita crear os instrumentos axeitados para desenvolver unha diplomacia cultural activa, eficaz e sostida"
DERRADEIRA SESIÓN
Polo demais, na derradeira sesión e sobre a importancia da diplomacia branda ou versátil, falou esta mañá Edgar Montiel, director da Oficina da UNESCO en Guatemala, que describiu a "diplomacia cultural" como un proxecto "altamente participativo, atento ás produccións artísticas, culturais, intelectivas e científicas da comunidade nacional cunha relación fluída e democrática cos creadores". O relator defendeu a idea dos "mediadores culturais" e o seu papel nun escenario que aposta cada vez máis pola visión holística e no que as manifestacións culturais, artísticas, educativas, científicas, tecnolóxicas e comunicacionais forman parte dun "único paquete". Esa diplomacia cultural incorporaría un enfoque estratéxico de política exterior para a era intercultural e consideraría a cultura como "un recurso para a cohesión social, o diálogo entre os pobos, a paz social e o desenvolvemento compartido" á vista da importancia da cultura como factor dinámico da economía mundial.
Pola súa parte, Alfons Martinell, director da Cátedra UNESCO "Políticas Culturais e Cooperación" e profesor titular da Universidade de Girona, no seu relatorio "Política cultural e diplomacia pública" defendeu a idea dun goberno "facilitador e non director dunha política cultural exterior, definidor de marcos e canles e non de contidos, que son cousa dos creadores". Apostou por establecer relacións de confianza e diálogo e menos pola alta dependencia de centros ou institutos como o Cervantes e cuestionou a eficacia das accións gubernamentais en solitario para crear e potenciar unha marca-país. Chamou a atención sobre a dimensión multilateral de calquera acción cultural e sobre a esixencia de colaborar coas administracións autonómic as e cos entes locais.
No acto de clausura das xornadas participou xunto co Presidente do Consello da Cultura Galega, Ramón Villares, o Secretario Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia, Valentín García Gómez.