NOTICIA

----

Xornada “As coleccións sonoras de Galicia ante o presente dixital en rede”, organizada polo Arquivo Sonoro de Galicia do Consello da Cultura

O Arquivo Sonoro de Galicia, do Consello da Cultura Galega, organizou o venres 27 de abril unha xornada de reflexión e debate “V Encontro o son da Memoria” sobre “As grandes coleccións sonoras de Galicia ante o presente dixital en rede”. A xornada celebrouse, en sesións de mañá e tarde, no auditorio da Biblioteca da Cidade da Cultura de Galicia e ocupouse da situación dos arquivos sonoros na radiodifusión, nas universidades, nas institucións galegas e nos grupos de recompilación etno-musical. Consideráronse novas formas de coordinación e cooperación entre posuidores e/ou xestores de coleccións de gravacións sonoras ao abeiro das posibilidades abertas polo traballo en rede.

As sesións comezaron ás 10 horas co panel “Arquivos sonoros na radiodifusión galega”, no que participaron Xosé María Fernández Pazos, Paco Nieto e Henrique Sanfiz, responsables, respectivamente, dos arquivos sonoros da Radio Galega, Radio Lugo (SER) e das Emisoras Municipais Galegas. Moderou o xornalista Xosé María García Palmeiro.

Ás 12´30 horas o profesor Antón Santamarina moderou o panel sobre “Os arquivos nas universidades galegas”, no que interviron: Francisco Fernández Rei (Instituto da Lingua Galega), Lourenzo Fernández Prieto (Universidade de Santiago de Compostela) e Camiño Noia (Universidade de Vigo).

Ás 16´30 horas, chegou o turno para “Os arquivos nas institucións galegas” con Daniel Buján (director da Biblioteca de Galicia-Cidade da Cultura), Xosé Luís Foxo (Deputación de Ourense) e Concepción Losada Vázquez (Museo do Pobo Galego). Moderou: Afonso Vázquez-Monxardín, secretario do Arquivo Sonoro de Galicia.

Por último, ás 18 horas, Pablo Carpintero, do Arquivo Sonoro de Galicia, moderou o panel “Os grupos de recompilación etno-musical”, no que falaron Castor e Félix Castro Vicente (Aula de Música Tradicional Gomes Mouro) e Xoán Xil (escoitar.org).