Esta xornada atende ao inxente patrimonio portuario que existe en Galicia: de peiraos e pequenos varadoiros ao longo da costa, dos pequenos portos pesqueiros das vilas litorais aos grandes portos; dos portos romanos aos portos ligados ao desenvolvemento da pesca e da industria conserveira a partir da metade do século XIX e ao desenvolvemento industrial de Galicia no século XX.
Arrinca cunha mesa redonda moderada por Rebeca Blanco Rotea, arqueóloga do Lab2PT da Universidade do Minho, na que se falarán dos valores patrimoniais dos portos de Galicia. Nela, David Fernández Abella abordará o valor histórico e arqueolóxico destes espazos; Gael Sánchez Rivas atenderá aos portos nas paisaxes históricas urbanas, mentres que o economista da Universidade de Santiago de Compostela (USC), Xoán Carmona Badía, atenderá ao patrimonio industrial dos portos de Galicia. A mesa complétase coa intervención do historiador José Manuel Vázquez Lijó, que afondará no patrimonio documental e inmaterial dos portos galegos.
A segunda mesa redonda, moderada por Teresa Nieto, coordinadora desta xornada e da Sección de Patrimonio do CCG, atenderá á protección patrimonial e o marco normativo dos portos, máis concretamente á convivencia da actividade portuaria e a preservación do patrimonio. Nela participan Carlos Pérez González, doutor en Dereito; Ángel Carreira Díaz, de parte da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude; Óscar Fuertes Dopico, director do Plan de Cultura Marítima; Ana Isabel Calzadilla Bouzón, enxeñeira de Camiños, Canais e Portos de Portos de Galicia; e Alfonso Díaz Revilla, arquitecto urbanista da Oficina de Planeamento.
Pola tarde terá lugar unha sesión na que se abordarán intervencións sobre os espazos concretos. Comeza cunha intervención a cargo de María Fandiño, arquitecta e paisaxista que foi Premio CSCAE de Arquitectura en 2021 e Premio COAG en 2022. Após a súa intervención tomarán a palabra os protagonistas da reurbanización de dúas intervencións premiadas. Dunha banda a actuación sobre o porto en Porto do Son, de Creus e Carrasco e rvr arquitectos, premiada pola solución da convivencia entre as actividades portuarias e urbanas, que favorece o contacto directo entre a cidade e o mar. Da outra, a rehabilitación do estaleiro tradicional Ciprián en Outes, de Fuertes Penedo Arquitectos, que recupera a configuración orixinal do edificio, en estado de ruína parcial, para un novo uso cultural.
Sección de Patrimonio e Bens Culturais
Esta cita insírese nunha das liñas de traballo da Sección de Patrimonio e Bens Culturais do Consello da Cultura Galega que coordinada Teresa Nieto e que ten como membros a Nieves Amado, Carlos Amoedo, Paula Ballesteros, Rosa Bendavides, Rebeca Blanco-Rotea, Carlota Eirós, Ana Estévez, Olimpia Rodríguez, Daniel Lorenzo, Juan Monterroso, Francisco Xabier Redondo, Ángeles Pena e Hortensio Sobrado.