NOTICIA

----

Unha xornada reflexiona sobre o papel das librarías no futuro do libro galego

Cales son os retos do libro galego? Cales as súas apostas? Como de diversos os seus perfís? A que públicos lles falta por chegar? E, moi especialmente, que espazo teñen o lectorado e o libro galego nelas? Estas son algunhas das preguntas ás que pretende responder a xornada “As librarías, un ecosistema posible para o libro galego” que organiza este mércores (a partir das 16:30 horas) a Sección de Lingua, Literatura e Comunicación do Consello da Cultura Galega (CCG). A cita, coordinada por Montse Pena e Rosalía Fernández Rial, pódese seguir en directo desde o web da institución e a súa canle de Youtube.

A xornada parte, entre outras premisas, de que se o libro en papel sobreviviu ao impacto do libro dixital, foi tamén “grazas ás librarías, espazos que lles dan acubillo, que os fan medrar e expandirse e que tiveron que reinventarse e mudar a través da especialización, da proposta de actividades singulares e da dinamización de comunidades diversas”, segundo figura na descrición da xornada.

Arrinca cunha conferencia a cargo de Celia Fernández Clemente, libreira de Espazo Lector Nobel e secretaria da Federación de Librarías de Galicia, que leva por título “A libraría como refuxio e trincheira do libro galego”. Após a súa intervención terán lugar dúas mesas redondas. A primeira está moderada por Ana Luna e ten por título “Gromos singulares. Modelos posibles de librarías en Galicia”. Nela participan Cielo Fernández Fernández, libreira da Librería Bahía e presidenta da FLG; Juan Rodríguez Santiago, libreiro de Galgo Azul, e Mon Vilar Figueirido, libreira da Libraría Lila de Lilith.

A segunda mesa está coordinada por Montse Pena e amosa modelos de librarías que funcionan como espazos de cooperación. Nela participan María Pousa, coordinadora da Asesoría de Bibliotecas Escolares da Xunta de Galicia; Ángeles Pacoret, responsable da Praza dos Libros e concelleira de Bibliotecas, Arquivos e Normalización Lingüística do Concello de Carballo e Yaiza Peixoto, presidenta da Asociación Espazo Lectura de Gondomar.

Sección de Lingua, Literatura e Comunicación
Esta xornada encaixa dentro das áreas de traballo da Sección de Lingua, Literatura e Comunicación do CCG, coordinada por Dolores Vilavedra, que ten entre os seus membros a Renée dePalma, Elisa Fernández Rei, Rosalía Fernández Rial, Benigno Fernández Salgado, Ana Luna, Montse Pena, Marta Veiga e Nel Vidal.