A Organizacións de Nacións Unidas (ONU) creou o Día Mundial da Auga para concienciar a sociedade sobre a necesidade dunha boa xestión dos recursos hídricos para a sostibilidade do planeta. Nesta escolma de doce vídeos achégase a diferentes aspectos. Entre eles pódese ver un que fala da importancia da auga para a preservación da biodiversidade. Noutro, creado pola DOMUS, o museo científico coruñés, apunta o dato curioso de que se o 70% do noso planeta está formado por auga e o 70% do noso organismo tamén. Aproveita así para ensinar as principais característica da molécula.
O ciclo da auga, as súas propiedades así como a xeofísica da auga son obxecto doutros videos que se inclúen na escolma. Destaca tamén un protagonizado por Manuel Vicente e David Ballesteros que fala das diferentes cores que pode ter a auga e da información que estas cores nos ofrecen en relación ao seu estado.
Proxector
Proxector: audiovisuais en galego para a docencia é un espazo web dedicado a recompilar, clasificar e difundir recursos audiovisuais que sirvan de apoio á docencia en lingua galega de diversas materias de bacharelato e de ensino universitario.
O proxecto orixinal foi deseñado polo Servizo de Normalización Lingüística da Universidade de Santiago de Compostela e botou a andar no ano 2015 no portal educativo Didactalia. En 2018 o CCG, a través do Centro de Documentación Sociolingüística de Galicia (CDSG), sumouse á iniciativa e comezou a participar de xeito activo tanto na súa coordinación como na edición de contidos. Cumprindo coas competencias que lle son propias no eido da preservación e difusión do idioma galego, o CCG acordou asumir tamén a custodia dos datos recompilados ao longo destes anos e que, a partir de agora, estarán ao dispor da cidadanía no sitio web institucional.
Os vídeos están clasificados segundo a súa temática, o idioma no que foron gravados ou subtitulados e o nivel de ensino no que se considera que poden ser empregados. A maiores, ofrécese unha ficha descritiva coa información básica de cada recurso. Pódese acceder aos contidos a través da busca libre ou dos diferentes despregables, que permiten filtrar os resultados segundo os criterios de clasificación antes citados.