
“Neste texto queda de relevo a estreita ligazón que establece entre o estudo da historia natural e o da lingua galega, conectado polas súas indagacións arredor da etimoloxías” explica Henrique Monteagudo na introdución que se ofrece como avance desta obra. Nela dá conta da importancia deste texto inédito de Sarmiento que chega aos nosos días grazas a unha copia que se garda na Colección Medina Sidonia. Escrita polo frade con 67 anos, recolle as voces galegas coas que se denomina esta planta común, frecuente nos campos e nas beiras dos camiños e amosa as súas virtudes. “Es infinito lo que tengo que decir de la seixebra, cuya virtud específica es para las enfermedades del bazo. Quisiera saber los nombres y usos que tiene en Galicia. Sé muchos, pero quisiera saber más, y probaré que en sola la seixebra se tiene abreviada una botica” apunta Sarmiento na súa obra.
Neste Día do Naturalismo, que comezou a conmemorarse en 2023, tamén se difunde unha ilustración da seixebra feita polo escribán Pedro Alonso de Salanova y Guilarte que, tal e como apunta Monteagudo na introdución, probablemente traballou directamente co autógrafo.
A publicación verá a luz nas vindeiras semanas en versión dixital e impresa. Corre a cargo do filólogo Henrique Monteagudo, experto na obra de Martín Samiento e coordinador do proxecto. Conta tamén coas anotacións do latinista Xosé Antonio López Silva e cunha presentación contextualizadora da científica Mari Álvarez Lires.
Proxecto Sarmiento
O Proxecto Sarmiento botou a andar en 2002 baixo a coordinación do profesor Henrique Monteagudo, coa participación dun equipo de investigación interdisciplinario. Tiña como obxectivo editar a obra inédita de frei Martín Sarmiento, acompañada dun proceso de localización, recuperación, transcrición e estudo, ao tempo que se levaba a cabo a elaboración dun rexistro exhaustivo de fondos manuscritos. Nos inicios elaborouse o devandito rexistro e unha bibliografía de textos publicados por Sarmiento, traballo que deu paso á realización dun índice completo dos escritos.
Tras a localización, levouse a cabo a reprodución fotográfica dixital da totalidade da Colección Media Sidonia. Tamén se dispuxo da reprodución en microfilme da Colección Dávila (na Biblioteca Nacional) e en microficha da Colección Los Heros (da Real Academia de la Historia). Igualmente, dispúxose da reprodución en fotocopia ou fotografía (microfilme ou microficha) de todos os manuscritos autógrafos localizados e de numerosas copias de diferentes escritos.
No marco deste proxecto editouse De historia natural y de todo género de erudición. Obra de 660 pliegos, obra cimeira que contén o pensamento de Martín Sarmiento. Foi realizada en colaboración co Consejo Superior de Investigaciones Científicas (CSIC) e consta da transcrición íntegra dos tomos, acompañada da reprodución de debuxos e figuras do orixinal, así como dunha selección de láminas citadas polo autor. A edición arrincou en 2008 e rematou en 2022.
Sobre Martín Sarmiento
Martín Sarmiento (1695-1772) foi un destacado erudito e ilustrado galego do século XVIII, coñecido polo seu traballo en lingüística, historia natural, educación e economía. Monxe bieito e gran estudoso, acumulou unha vasta biblioteca e desenvolveu unha intensa actividade científica e intelectual, influída polo empirismo e polo pensamento ilustrado europeo. Viaxou por Galicia recompilando información sobre a lingua, a flora, a fauna e as tradicións, deixando obras fundamentais como Onomástico Ethimológico de la Lengua Gallega e Pensamientos Crítico-Botánicos. A súa visión progresista tamén o levou a formular propostas para a conservación ambiental, a reforma educativa e a mellora das condicións económicas de Galicia.
A pesar de contar cun profundo coñecemento en diversas disciplinas, Sarmiento decidiu non publicar en vida a maior parte da súa obra, o que dificultou a súa difusión ata séculos despois. Foi un defensor do galego e da identidade cultural de Galicia, promovendo o seu uso na ciencia e na educación. A súa figura segue sendo estudada e reivindicada, destacando como un precursor do pensamento moderno e un dos intelectuais máis avanzados da súa época.