A entrada do Álbum de Galicia destaca que Tucho Lagares dedicou a súa vida á interpretación, compaxinando o seu labor como actor co seu oficio de viaxante de reloxos. De formación autodidacta, perfeccionou a súa arte traballando con diferentes directoras e directores ao longo dos anos.
A súa paixón polo teatro levouno a participar en montaxes con grupos como Tespis, Gerión e Balea Branca, interpretando tanto comedias clásicas como textos contemporáneos. Ademais, tivo unha destacada participación na zarzuela e nos apropósitos carnavalescos, xénero recuperado por Antón de Santiago "Nito".
Malia a súa predilección pola escena, a maior notoriedade chegoulle da man do audiovisual. Foi un dos primeiros actores do cinema galego, con papeis en longametraxes como Urxa (1989), A lingua das bolboretas (1999) ou O lapis do carpinteiro (2002). Tamén participou en curtametraxes e series de televisión de gran repercusión como Mareas Vivas, Pratos combinados e Rías Baixas.
En 2015 a Academia Galega do Audiovisual concedeulle o Premio Mestre Mateo de Honra que recolleu a súa viúva, a tamén actriz, Fely Manzano.
Na entrada do Álbum tamén se poden ver algúns dos seus traballos audiovisuais así como novas de distintos xornais que deron conta dos seus variados traballos.
Álbum de Galicia
En xaneiro de 2020 o Consello da Cultura Galega presentou o Álbum de Galicia, unha colección dixital de biografías de persoas que destacaron en moi diversos ámbitos: a sociedade, a ciencia, a cultura ou a empresa. A idea é dar visibilidade e perspectiva de conxunto ás numerosas mulleres e homes, xa finados, que contribuíron de maneira significativa á sociedade galega ao longo da súa historia. En moitos casos, seguen a ser grandes descoñecidos para o público de todas as idades, de dentro e de fóra do país.
A día de hoxe, o Álbum conta con máis de 756 entradas, das cales as máis recentes son as de Eduardo Lence-Sartar, Avelino Cachafeiro, Lola Ferreiro, Aurora Sampedro, Jose Luis Pensado Tomé ou Tuto Vázquez. As biografías do Álbum de Galicia están enriquecidas con material documental, referencias bibliográficas e contidos multimedia que permiten coñecer a obra das persoas divulgadas, pero tamén a produción intelectual existente sobre elas. Os textos e materiais están producidos por expertos e son unha fonte rigorosa para acceder á vida e obra destes persoeiros. Ademais, o Álbum de Galicia permite explorar a presenza das persoas biografadas nos fondos documentais dixitalizados do Consello da Cultura Galega. O Álbum de Galicia é, xa que logo, o punto de acceso que ofrece a entidade para coñecer toda a súa produción divulgativa e investigadora ao redor de cada unha das figuras. É tamén o resultado da unificación das coleccións biográficas temáticas do Consello da Cultura Galega, nas que desde o ano 2005 se teñen publicado álbums sobre a muller, a ciencia ou a emigración, entre outros temas.