As galerías de arte atenden a unha múltiple perspectiva. En primeiro lugar achegan ao público diferentes propostas que permiten unha ollada múltiple sobre a realidade que nos rodea. En segundo lugar, potencian o traballo dos artistas, dinamizan o mercado da arte e contribúen a amosar experiencias culturais enriquecedoras. Segundo se describe na presentación desta actividade, as galerías de arte son “un modelo de negocio que navega entre un innegable amor á arte e un mercado da arte desnutrido, cambiante e inestable, sobre todo nos últimos tempos”. Nesta xornada preténdese facer un percorrido pola historia do galerismo en Galicia das últimas décadas e analizando o papel que desenvolven estes axentes clave, os principais fitos e os diferentes modelos de xestión, os perfís profesionais que traballan neste sector e os retos de futuro para conseguir, como levan anos facéndoo, sobrevivir con coraxe e convicción nun ámbito tan complexo como vocacional.
A xornada comeza coa intervención da súa coordinadora, Luisa Pita, que na súa dobre condición de presidenta de “Contemporánea. Asociación de Galerías de Arte Contemporánea de Galicia”, e de responsable dunha galería fará un percorrido histórico destas entidades. Após a súa intervención falarase da situación actual das galerías de arte en Galicia fronte a outros contextos, da man dos directores das galerías Metro e Dupla, Javier Blanco e Lucía C. Suárez respectivamente, máis Diana Llamazares, directora da galería Llamazares (Xixón) que tamén é presidenta da Asociación de Galerías de Arte Contemporáneo de Asturias.
Cinco citas coa situación da arte
Arte en tempo real é un ciclo de cinco xornadas organizado pola Sección de Creación e Artes Visuais Contemporáneas que pretende coñecer, en boca dos seus protagonistas, o estado actual da arte na nosa comunidade. No outono de 2024 analizouse a difícil situación que viven os artistas e o comisariado a nivel actual. Por diante quedan outras dúas xornadas para falar de museos, coleccións e publicacións.
Sección de Creación e Artes Visuais Contemporáneas
Esta xornada insírese dentro da liña de traballo de observación da realidade do sistema artístico actual que mantén a Sección de Creación e Artes Visuais Contemporáneas do Consello da Cultura Galega. A Sección está coordinada por Paula Cabaleiro e ten entre os seus membros a Rosendo Cid, Carmen Díaz Cacheda, Silvia García González, Javier Pérez Buján, Luisa Pita, Ramón Rozas Domínguez, Rosario Sarmiento Escalona, Eduardo Valiña, Manuel Vilariño Seco e Lucila Yáñez Anllo-Vergas.