NOTICIA

----

Unha xornada analiza o patrimonio de acubillo dos peregrinos

Hospitais e albergarías. Fitos nos camiños históricos e de peregrinación é o título da xornada organizada polo Consello da Cultura Galega (CCG) e o Museo da Terra de Melide que terá lugar este luns 2 de decembro (17:00 horas). Rebeca Blanco-Rotea e Cristina Vázquez Neira coordinan esta cita centrada na historia dos hospitais e albergarías vinculados aos camiños históricos e de peregrinación en Galicia, promovidos por figuras distinguidas da curia ou da nobreza dende o medievo. A sesión, que se celebra no Centro Sociocultural Mingos de Pita de Melide, non se emite en directo, será gravada e subirase ao sitio web corporativo.

Os camiños históricos, entre eles os Camiños de Santiago, son “un elemento vertebrador do territorio, ao mesmo tempo que un elemento patrimonial que garda as pegadas da mobilidade de persoas, mercadorías ou ideas”, tal e como recolle o texto de presentación desta actividade. Estes camiños non só conectan a paisaxe e as súas xentes, senón que tamén preservan a historia das infraestruturas asociadas á mobilidade ao longo dos séculos. Na xornada trataranse, cunha ollada transversal, os casos específicos dos centros destas características nas comarcas de Monterrei e de Melide, o hospital vello de Montouto na Fonsagrada e o Hospital Real de Santiago, hoxe reconvertido en Parador.

O programa
Ramón Yzquierdo Peiró, director do Museo Catedral de Santiago, abrirá o programa cun relatorio titulado “Relatos de hospitalidade xacobea a través da exposición Hospitalitas, a graza do encontro”. Seguiralle Nieves Amado, investigadora da Universidade de Vigo e membro da Sección de Patrimonio e Bens Culturais do CCG, que presentará “Hospitais e albergarías nos Camiños de Santiago na comarca de Monterrei”. Rebeca Blanco-Rotea, investigadora do Lab2PT da Universidade do Minho e tamén parte da Sección de Patrimonio e Bens Culturais, titula a súa intervención como “O hospital vello de Montouto (A Fonsagrada). Un estudo de caso arqueolóxico”. Despois, Cristina Vázquez Neira, en representación do Museo de Melide, presentará “Os hospitais de peregrinos e asistencia na Terra de Melide”. Pechará a xornada Patricia Cupeiro, investigadora do grupo IACOBUS da Universidade de Santiago de Compostela, coa charla “O Hospital Real de Santiago. Cidade e peregrinación”, seguida dun coloquio final aberto ao público.

Este acto é un máis que forma parte da colaboración entre o CCG e o Museo Terra de Melide. No ano 2022 tratouse o tema dos cruceiros góticos en Galicia; no 2023, o da pegada do Seminario de Estudos Galegos en Melide e, en decembro dese ano, o tema “Nas vilas cercadas da Idade Media: protección, control e poder”.

A Sección de Patrimonio e Bens Culturais
A Sección de Patrimonio e Bens Culturais do Consello da Cultura Galega (CCG) está coordinada por Teresa Nieto Freire e integra a Nieves Amado Rolán, Carlos Amoedo Souto, Paula Ballesteros-Arias, Rosa Benavides García, Rebeca Blanco Rotea, Carlota Eirós, Ana Estévez Lavandeira, Olimpia López Rodríguez, Daniel Lorenzo Santos, Juan M. Monterroso Montero, Ángeles Penas Truque, Francisco Xabier Redondo Abal e Hortensio Sobrado Correa.