A xornada comeza cunha conferencia do historiador e director do Departamento de Historia da Arte da USC, Federico López Silvestre, co título“Non é pintable a paisaxe en Galicia”; deseguido, será a quenda de Miguel Anxo Seixas Seoane, historiador e presidente da Fundación Castelao, que impatirá a conferencia “Enmarcar Galicia”. Pechará a xornada a xestora cultural, historiadora e coordinadora da xornada, Rosario Sarmiento, baixo o título “Francisco Lloréns, pintor das Mariñas”.
Llorens, pintor da paisaxe galega
O eixe temático fundamental de toda a obra de Llorens pivota entre Madrid e Galicia, dous lugares fundamentais da súa biografía. Nado na Coruña, Francisco Lloréns recibiu unha sólida formación na Escuela de Bellas Artes de San Fernando, onde foi alumno de Carlos de Haes, e posteriormente no taller de Joaquín Sorolla, de quen aprendeu o valor e a paixón pola luz na paisaxe. Alén diso, obtivo unha bolsa da Real Academia Española en Roma en 1902, o que lle permitiu coñecer un bo número de cidades europeas. Percorreu o norte de Italia, Boloña, Milán e Venecia, e desde alí trasladouse a París e aos Países Baixos. Logo, viviu en Bruxas case un ano, impresionado pola paisaxe belga, antes de volver a Italia. Todos estes lugares reflectiunos nun importante número de apuntamentos e bosquexos ao longo da súa traxectoria artística.
Desenvolveu unha extensa carreira profesional como profesor de debuxo e pintor, e expuxo a súa obra en repetidas ocasións en España e América. Ademais, obtivo importantes recoñecementos en citas como a Exposición Nacional de Bellas Artes (1907, 1908 e 1922). Tamén foi membro da Real Academia Galega, así como das academias galega e madrileña de Belas Artes, e relacionouse con intelectuais coetáneos como Ramón Cabanillas e Castelao. Lloréns converteuse en retratista de espazos como as Mariñas, Betanzos, a ponte da Pasaxe, Mera, Oleiros, Sada ou O Pedrido, cuxa presenza nos lenzos demostra unha riqueza de matices cromáticos.
O ciclo Revisando a nosa arte
A Sección de Creación e Artes Visuais Contemporáneas puxo en marcha en marzo de 2022 Revisando a nosa arte, un ciclo que pretende achegarse ás figuras máis representativas das artes visuais de comezos do século XX. Isto implica afondar no Movemento Renovador da pintura galega que iniciou Castelao, proseguiu Carlos Maside e secundou Arturo Souto, Laxeiro ou Manuel Colmeiro, e que se enriqueceu nas décadas seguintes con novas poéticas e tendencias. Estas xornadas tratan de poñer en valor e reinterpretar as obras destes e doutros artistas, a súa produción e as súas traxectorias. O ciclo comezou cunha análise da figura de Carlos Maside e Mon Vasco e Guillermo Monroy foron as últimas figuras homenaxeadas.