NOTICIA

----

María Teresa Fernández, primeira profesora da facultade de Farmacia, entra no Álbum de Galicia

A carreira investigadora de María Teresa Fernández Rodríguez (Chantada, 1913-1973) viuse truncada pola Guerra Civil. Sen rematar o doutoramento, regresa á súa vila natal onde tivo unha Oficina de Farmacia e desenvolveu a súa vida profesional. Foi a primeira profesora na facultade de Farmacia, xunto con Celsa Pérez Moreiras, nunha praza na que non percibían remuneración económica pola docencia. A súa biografía entra hoxe no Álbum de Galicia, colección de biografías do Consello da Cultura Galega (CCG), asinada por María Isabel Fernández García.

A entrada destaca que María Teresa Josefa Blanca Fernández Rodríguez, Meresa, quedou orfa de nena. Puido avanzar nos seus estudos grazas ao coidado e traballo de María Áurea Rodríguez Bouza, quen a preparou para ingresar no 1923 no Instituto General y Técnico de Lugo. A rapaza obterá, no 1928, o título de bacharel pola sección de ciencias, o que a levaría a matricularse, deseguido, na carreira de Farmacia na USC, no seu último curso “destaca polas brillantes cualificacións, especialmente en Análise Química onde consigue un sobresaliente con matrícula de honra”, remarca a autora da entrada. Despois de licenciarse, Fernández Rodríguez iniciou a súa carreira investigadora na mesma universidade, dentro do Laboratorio de Análise Química da Facultade de Farmacia, “materia na que destacara nos últimos cursos co profesor Aniceto Charro Arias”. Foi este científico quen propuxo a María Teresa Fernández para exercer como profesora axudante de clases prácticas de Análise Química, proposta que foi aceptada e que deu pé ao inicio da súa tese doutoral.

Fernández García foi da xeración das primeiras docentes de Farmacia na USC, foi, de feito, “a primeira profesora na facultade de Farmacia xunto con Celsa Pérez Moreiras, nomeada para a materia de Técnica Física durante o curso 1933-34”, incide a autora da entrada. Cómpre destacar que estes cargos non tiñan un soldo asignado, polo que dependían dos orzamentos da facultade no caso de que se decidise retribuílas. Daqueles anos de traballo predoutoral naceron tres ensaios científicos: en 1933, en colaboración con Aniceto Charro Arias, publica «Análisis de los mostos gallegos» no número 44 da revista La Voz de la Farmacia, de Madrid.; tamén participou na Anales de la Universidad de Santiago coas pezas «Composición química de productos alimenticios gallegos» e «Análisis de las aguas minero - medicinales de Galicia».

Guerra Civil e retorno a Chantada
Co estoupido da contenda civil, no cal trúncase a súa carreira investigadora. É desprazada da USC e retorna á súa vila natal onde tivo unha Oficina de Farmacia na rúa do Comercio na que desenvolveu o seu traballo ata os seus últimos días. Fernández Rodríguez foi, ademais, unha muller tamén pioneira na posguerra, xa que conseguiu unha praza de inspectora famacéutico municipal no seu concello, e non sen dificultades, xa que superou os seus exames de marzo de 1936 e non sería ata a saída do Boletín Oficial del Estado (BOE) de 11 de xuño de 1940 cando o seu nome xa figuraba no “Escalafón provisional de Inspectores Farmacéuticos Municipales”, despois dun preito que, incluso, tivera eco na prensa da época.

Foi unha farmacéutica “querida” pola súa vila, “e sempre tiña bos consellos para a saúde e os coidados de nenas e nenos”, remarca a autora da peza biográfica, que tamén incide no gusto desta farmacéutica polas viaxes polo mundo, ás que lle tiña grande afección. Ademais, coincidiu na súa faceta profesional coa médica pediatra Eloisa Rivadulla, “outra gran pioneira”.

Na entrada hai un vídeo sobre a vida de Fernández Rodríguez, xunto con ligazóns a pezas sobre ela na prensa e bibliografía complementaria.

Álbum de Galicia
En xaneiro de 2020 o Consello da Cultura Galega presentou o Álbum de Galicia, unha colección dixital de biografías de persoas que destacaron en moi diversos ámbitos: a sociedade, a ciencia, a cultura ou a empresa. A idea é dar visibilidade e perspectiva de conxunto ás numerosas mulleres e homes, xa finados, que contribuíron de maneira significativa á sociedade galega ao longo da súa historia. En moitos casos, seguen a ser grandes descoñecidos para o público de todas as idades, de dentro e de fóra do país. A día de hoxe, o Álbum conta con máis de 710 entradas, das cales as máis recentes son as Antonio Paz Valverde ou Xosé María Díaz Castro.

As biografías do Álbum de Galicia están enriquecidas con material documental, referencias bibliográficas e contidos multimedia que permiten coñecer a obra das persoas divulgadas, pero tamén a produción intelectual existente sobre elas. Os textos e materiais están producidos por persoas expertas e son unha fonte rigorosa para acceder á vida e obra destes persoeiros. Ademais, o Álbum de Galicia permite explorar a presenza das persoas biografadas nos fondos documentais dixitalizados do Consello da Cultura Galega. O Álbum de Galicia é, xa que logo, o punto de acceso que ofrece a entidade para coñecer toda a súa produción divulgativa e investigadora ao redor de cada unha das figuras.