NOTICIA

----

Proxeccións e conferencias celebran en Compostela o Mes do Patrimonio

Entre o 17 de outubro, primeiro Día internacional do Patrimonio inmaterial e o 16 de novembro, Día do Patrimonio desenvolvéranse en diferentes espazos de Compostela conferencias e proxeccións que conforman o Mes do Patrimonio. A presidenta do Consello da Cultura Galega (CCG), Rosario Álvarez, o presidente da asociación Ponte....nas ondas! (PNO!), Santiago Veloso; e o concelleiro de centros socioculturais, Xan Duro, presentaron esta mañá na sede do CCG o programa que remarca a importancia de conservar e compartir as prácticas culturais que forman parte da nosa identidade.

O pasado 17 de outubro, primeiro Día Internacional de Patrimonio inmaterial inaugurouse no claustro de Fonseca unha mostra do Ministerio de Cultura con fotografías dos 25 bens de Patrimonio Cultural Inmaterial (PCI) que España ten recoñecidos na UNESCO. Ademais do flamenco, o silbo gomero e as alfombras florais do Montseny, está o modelo Ponte...nas ondas, que salvagarda o patrimonio cultural inmaterial na fronteira luso-galego mediante a creación de espazos nos que este patrimonio poida ser practicado e transmitido ás xeracións máis novas. Con esta mostra abriuse a programación do Mes do Patrimonio que se estenderá ata o Día Internacional do Patrimonio, 16 de novembro.

Actividades na sede do CCG
Na sede do Consello da Cultura Galega terán lugar dúas xornadas especiais que convidan a explorar, recoñecer e valorar o patrimonio cultural galego e a súa relación coa cultura portuguesa. Estas actividades son abertas ao público e propoñen espazos para a reflexión, a proxección e o diálogo.

A primeira das actividades terá lugar o martes, 5 de novembro, ás 17:00 horas, cunha homenaxe a Florencio de Arboiro, figura representativa da tradición afiadora galega. Esta sesión incluirá a proxección do documental “A última viaxe do afiador”, de Aitor Rei, e contará cun coloquio posterior co propio director, quen compartirá detalles do proceso creativo e a relevancia de conservar esta tradición.

O xoves, 7 de novembro, tamén ás 17:00 horas, celebrarase un coloquio dedicado ao Patrimonio Cultural Inmaterial (PCI) galego-portugués e á súa proxección a nivel global. Neste encontro participarán destacados expertos como Guadalupe Jiménez-Esquinas, Cristina Sánchez Carretero, X.M. González Reboredo e Álvaro Campelo, quen abordarán a importancia e os retos de preservar as tradicións compartidas entre Galicia e Portugal e a súa repercusión internacional.

Actividades nos centros socioculturais
O luns, 28 de outubro, ás 20:00 horas, no Centro Sociocultural Maruxa e Coralia. Nesta ocasión, renderase homenaxe a dúas persoas portadoras do patrimonio cultural inmateiral de Santiago que participaron nas actividades de Ponte...nas Ondas!. Os homenaxeados serán Manuel Miramontes, coñecido como “Bartolo” e recoñecido gaiteiro, e Luz Fandiño, referente da tradición oral e da poesía popular galega. Ambos recibirán un recoñecemento pola súa contribución á cultura local e pola transmisión de saberes e prácticas que enriquecen a identidade da comunidade compostelá.

A programación continúa o venres, 8 de novembro, ás 19:00 horas na Sala Magán do Centro Sociocultural de Santa Marta, onde terá lugar a proxección do documental Florencio: o cego dos Vilares, dirixido por Pancho Álvarez. Esta obra audiovisual ofrece unha visión íntima e evocadora da figura de Florencio, un dos últimos cegos cantores de Galicia. O evento incluirá un coloquio co director, que compartirá detalles do proceso de creación do documental e reflexionará sobre a importancia de preservar e difundir estas figuras da tradición popular galega.