NOTICIA

----

Unha xornada analiza o legado musical de Risco e María del Carmen Fernández

Literatura, historia e música terán lugar mañá en Allariz, sábado 28 (10:00 horas) na xornada “A música ten ondas coma o mar”, organizada polo Consello da Cultura Galega (CCG) e a Fundación Vicente Risco Vicente Risco. Unha cita que versará sobre o legado musical do autor e a da súa dona, María del Carmen Fernández Gómez. A xornada non se emite en directo, pero será gravada para logo subirse a hemeroteca web do CCG. Samuel Diz e Xosé Rodríguez son coordinadores desta xornada que inaugura a presidenta do CCG, Rosario Álvarez; a presidenta da Fundación Risco, Celia Pereira; a alcaldesa do Concello de Allariz, Cristina Cid Fernández, e a directora do Teatro Principal de Ourense, Olga Mojón Costela.

O obxectivo desta actividade é dar a coñecer as relacións entre o legado literario de Risco e a súa vida, canda a de María del Carmen Fernández Gómez, a súa dona, en relación coa música, o universo literario de seu e o propio inmoble, residencia de ambos, e cuxas paredes acollen tamén o piano onde María del Carmen tocaba varias pezas, hoxe restaurado.

Legado musical e figuras a descubrir
A actividade permite mergullarse no legado literario e musical ao redor de Risco, principiando por “A música na época de Risco”, conferencia impartida por Lorena López Cobas, autora da Historia da música en Galicia (Ouvirmos, 2013) e asesora de música e artes escénicas da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional. “Achega de documentos inéditos: esbozos da música no proxecto Terra do Deza a través do epistolario de Filgueira Valverde e Bal y Gay conservado na Residencia de Estudiantes e no Museo de Pontevedra” é o título da participación de Samuel Diz, concertista e investigador; ambos despois conversarán nun coloquio moderado pola tesoureira da Fundación Vicente Risco, Elvira Carregado Pazos. “A música é creadora, coma o mar: celebración do legado musical da Fundación Vicente Risco” é o tema escollido por Xosé Rodríguez Díaz, secretario da Fundación Vicente Risco e “A mandolina REX da Fundación Vicente Risco. Proceso actual de restauración” será a intervención de Pablo Sánchez Otero, lutier artesán de Artesanía de Galicia; a figura da dona de Risco será o obxecto da presentación “O repertorio musical de María del Carmen Fernández Gómez: un estudo de xénero e caso comparado cos arquivos da Fundación VAC-AN (Lugo) e da Casa-Museo Delia del Carril (Santiago de Chile)” preparada por Samuel Diz, concertista e investigador; todos eles estarán moderados nun coloquio posterior por Xosé Fernández Fernández, padroeiro da Fundación Vicente Risco.

O universo musical de Risco
Xa na sesión da tarde os asistentes a esta xornada poderán asistir ás intervencións “A guitarra em Ourense: outra trave de ouro”, preparada por Isabel Rei Samartim, música guitarrista, profesora e investigadora, seguida de “Araceli Ancochea Roldán, máis de tres décadas compartindo con Vicente Risco o compromiso de formar as docentes ourensás”, impartida por Rosa María Cid Galante, profesora e investigadora; ademais, Miquel Badal, presidente da Fundación Frederic Mompou, fará a presentación de “Frederic Mompou, a súa participación nos cursos de Música en Compostela e a visita a Risco en Castro Caldelas, xerme da partitura Carros de Galicia”, moderará debate posterior o pianista e vogal da comisión executiva do CCG, Alejo Amoedo.


Música en directo e visitas
Como peche terá lugar o concerto Cántiga sen fin, coa soprano Belén Vaquero; Ramón Carnota á mandolina e Isabel Pérez Dobarro ao piano.
Ademais dos relatorios, hai un programa complementario. Pola mañá haberá un paseo guiado polos espazos da Casa Museo Vicente Risco e, xa na tarde, unha visita ao cemiterio de Allariz, onde descansan os restos do escritor e de María del Carmen Fernández Gómez.
A actividade terá lugar logo da estrea da a ópera Loba Branca, de Brais González, escrita por encarga do Festival delle Nazione de Città de Castello (Umbria, Italia). A composición está baseada na "lenda da loba branca" da Serra do Courel, recollida por Vicente Risco no traballo “Etnografía. Cultura Espiritual”. A obra narra a dificultosa relación entre unha manda de lobos e as aldeas veciñas. Será a primeira vez que esta obra se estree traducida ao galego dende o texto orixinal.

O CCG e a Fundación Risco
Esta xornada insírese no marco dunha liña de colaboración entre o CCG e a Fundación Vicente Risco que levan desenvolvendo diferentes actividades. Entre elas "Nós e o turismo cultural" ou "Os camiños de Nós polo mundo" en que, seguindo o ideario da Fundación Nós, analizaron o potencial turístico da cultura ou a internacionalización da cultura galega a partir das viaxes da Xeración Nós. En 2023, no marco da xornada “Do Bufón d’el Rei ata O porco de pé. Teatro galego en perspectiva”, abordaron o teatro galego desde o punto de vista da escena reflexionando sobre o esforzo da xente do Grupo Nós por crear un teatro galego en galego para normalizar a cultura do país (Risco, Castelao, Otero, Cabanillas…), ademais de analizar as vizosas fontes de creación actual.