NOTICIA

----

O Consello da Cultura Galega dedica unha xornada aos compositores Manuel Balboa, Enrique Macías e Xan Viaño

Balboa, Macías e Viaño. Creación musical galega a finais do século XX é o título da xornada que a Sección de Artes Escénicas, Musicais e Audiovisuais do Consello da Cultura Galega (CCG) organiza este mércores, 13 de marzo (16:30 horas), na sede da institución. Nela, diversos especialistas analizarán a figura destes tres compositores. Inaugurarán a cita a presidenta do CCG, Rosario Álvarez, e a coordinadora da Sección de Artes Escénicas, Musicais e Audiovisuais, Cristina Domínguez Dapena. A actividade é presencial, pero poderá seguirse en directo a través do sitio web e das redes sociais corporativas.

Manuel Balboa (A Coruña, 1958-2004), Enrique Xerardo Macías (Vigo, 1958-1995) e Xan Viaño (Ferrol, 1960 - Vigo, 1991) consolidáronse como tres figuras esenciais da escena musical galega de finais do século XX. Malia os seus temperáns pasamentos, desenvolveron unha prolífica traxectoria artística, na que experimentaron con linguaxes rompedoras e abertas ás innovacións técnicas e estéticas do momento. Conseguiron, deste xeito, abrir camiños que ata aquel entón poucos compositores galegos transitaran e acadar, coa súa obra, un significativo impacto xa non só entre o público, senón tamén entre varias xeracións de músicos.

Concibida como unha homenaxe, a xornada ten o obxectivo de analizar as traxectorias destes tres compositores, tanto dende o punto de vista da súa obra musical como dende a plenitude das súas personalidades e das conexións compartidas entre eles.

O programa
A cita comezará coa palestra “Creación musical galega a finais do século XX a través das figuras de Balboa, Macías e Viaño”, na que participarán tres persoas especialistas nos compositores. Así, María del Carmen Lorenzo Vizcaíno, responsable do arquivo da Real Filharmonía de Galicia e profesora da Universidad Internacional de La Rioja, falará de Enrique Macías; Lucinio Medel Iglesias, investigador e profesor de Música no IES Breamo de Pontedeume, fará o propio con Xan Viaño, e Javier Ares Espiño, catedrático de piano do Conservatorio Superior de Música da Coruña, centrarase na figura de Manuel Balboa. Após as súas intervencións, terá lugar a mesa redonda “Balboa, Macías e Viaño: poemas, cantigas e antístrofas”, que contará coa participación do director de orquestra Maximino Zumalave Caneda, do escritor Miguel Anxo Fernán-Vello e do percusionista e investigador Roberto Oliveira. A actividade concluirá cun concerto de Javier Ares Espiño, que interpretará ao piano obras dos tres compositores homenaxeados na xornada.

Sección de Artes Escénicas, Musicais e Audiovisuais
Esta actividade está organizada pola Sección de Artes Escénicas, Musicais e Audiovisuais do CCG. Coordinada por Cristina Domínguez Dapena, entre os seus membros figuran Eduardo Alonso Rodríguez, Natalia Balseiro, Montserrat Capelán, Carlos Vizcaíno Fernández, Beli Martínez, Ramon Pinheiro Almuinha e José Manuel Sande García. Entre as actividades da Sección, cómpre destacar a organización da xornada Intérpretes galegas na emigración e no exilio, que terá lugar o próximo 15 de marzo, así como a produción dos proxectos audiovisuais Memoria do teatro galego na Transición e O que pode a danza.