RESUMO

S'homos
Ano 1991, n. 7 ( 6/ 1994)

A ilustración da portada é unha reinterpretación gai do cadro Adán e Eva, de Durero. A campaña de apostasía do CGC é o tema do editorial e a revista inclúe unha postal-folla voandeira dirixida ao bispo. As críticas á igrexa católica tamén están presentes en “Novas Rosas”, onde, ademais, se trata a legalización do matrimonio homosexual en Grecia, a posibilidade de que gais e lesbianas se inscriban como parellas nas oficinas de rexistro dalgúns concellos do Estado español, e as agresións de grupos da ultradereita contra gais, lesbianas e travestís. A “Colaboración” vai asinada polo Colectivo Coruñés de Gais e Lesbianas. Os artigos céntranse no sexo entre homes e na reivindicación de igualdade na sanidade pública. Recóllese ademais o texto da “Resolución do Parlamento Europeo sobre a igualdade de dereitos dos homosexuais e das lesbianas” e as reaccións que provocou nos países membros. As direccións da COFLHEE e dos comités antisida en Galicia protagonizan a contraportada.