RESUMO

Fluxos
n. 1 ( 1998)

A sección de artigos ábrese cun traballo de Buxán Bran sobre arte, SIDA e homofobia na obra de David Wojnarowicz e Félix González-Torres. Xosé Santos Solla reflexiona desde a xeografía urbana feminista os conceptos de sexualidade, espazo, turismo sexual, sexilio e as particularidades que presentan en Galicia os modelos urbanos de relación homosocial, incidindo nas diferenzas que se detectan nas formas de socialización de lesbianas e gais. Carlos Valcárcel realiza un estudo das publicacións LG, que inclúe a explicación do termo queer, para demostrar a existencia dun sociolecto da “comunidade lingüística homosexual”, sinala diferenzas nos usos entre lesbianas e gais e engade un glosario. Na sección de notas abórdase a homosexualidade na literatura de fin-de-siècle, a representación da afectividade LG na ópera e un comentario da exposición do fotógrafo Félix González-Torres no CGAC. Na sección de recensións fálase de Mapping Desire, editado por D. de Bell e G. Valentine e de conCiencia dun singular desexo, editado por Buxán Bran. Péchase o número con recomendacións para un uso non sexista da lingua.