PROXECTO EPÍSTOLA

----

TEMÁTICA: 1954: A condesa de Ximonde ofrécese a vender as esculturas do Mestre Mateo




O cinco de marzo de 1954, María Concepción Carrasco Verde, condesa de Ximonde, escríbelle a Chamoso Lamas coa intención de vender as esculturas dos profetas do Mestre Mateo que quedaban na súa posesión e que foran ofrecidas ao Estado cinco anos atrás, sen que se producise daquela unha resolución a esa oferta.


Chamoso contéstalle á condesa agradecido xa que hai un “enorme” interese en adquirilas “para evitar que salgan de Galicia”. Ese mesmo día envíalle unha carta a Francisco Javier Sánchez Cantón na que lle informa dos avatares sufridos pola colección completa das esculturas procedentes da desmantelada fachada mateana que pertencían ao conde de Ximonde. O comisario menciona os episodios do intento de venda ao Museo Arqueolóxico Nacional, a súa retirada do Museo da Catedral e o envío da policía para fixar a súa localización, e a adquisición de dúas delas polo Concello de Santiago, “quedando ahora solamente dos para adquirir”.


Conclúe Chamoso dicindo que xa lle escribiu ao comisario xeral de zona, Francisco Íñiguez Almech, para determinar en que situación quedara o intento de venda ao Estado, e que falará con Filgueira Valverde xa que o Museo de Pontevedra podería ser o seu destino final para evitar “que se nos vayan de Galicia las dos piezas”.

Reiniciouse así o proceso de compra por parte do Estado que culminará en novembro de 1956 e que está detallado nos informes incluídos no Expediente de Adquisición conservado nos fondos da Dirección Xeral de Belas Artes.

Compleméntase esta documentación coa do arquivo do Museo de Pontevedra, onde se atopa o certificado de depósito das esculturas. Entraron na sección arqueolóxica, con sede nas ruínas de San Domingos o 6 de setembro de 1955, como paso previo á súa compra polo Estado. O contrato coa Administración asinouse en 1956.


Epístolas
2
Data Relación Remitente - Destinatario Orixe Destino [ O. ] [ T. ]
Data Relación Remitente - Destinatario Orixe Destino [ O. ] [ T. ]
1954-03-05
Carta de Manuel Chamoso Lamas a Francisco Sánchez Cantón
Santiago de Compostela
Madrid
Orixinal
1955-11-28
Carta de Francisco Sánchez Cantón a Xosé Filgueira Valverde
Madrid
Pontevedra
Orixinal