PROXECTO EPÍSTOLA

----

TEMÁTICA: Versos para cantar en feiras e romaxes

Epístolas
2
Data Relación Remitente - Destinatario Orixe Destino [ O. ] [ T. ]
Data Relación Remitente - Destinatario Orixe Destino [ O. ] [ T. ]
1969-08-28
Carta de Pereira Caamaño a Seoane. 1969
Montevideo
Transcrición

Transcripción da epistola Carta de Pereira Caamaño a Seoane. 1969 en 28/08/1969


Montevideo, 28-VIII-69

Benquerido Seoane:

Acaba de chegar ao Patronato unha carta de Manuel María, da que necesito enteralo (particularmente) axiña. Nela, entre outras cousas, dinos que o multaran con 75.000 pesetas (setenta e cinco mil pesetas) pola conferenza que dera en Madrid no mes de xaneiro pasado na Facultade de Ciencias Políticas i Económicas sobor poesía del. Dito aito, estaba comenentemente autorizado.
O Patronato, oficialmente, xa lle contestou ofrecéndose a facer unha campaña púbrica eiquí, sempre e cando el o coide oportuno, positivo. Ademais dos cartos obtidos pola venda de Versos para cantar en feiras e romaxes, trataremos de axudalo dun xeito máis material.
Tamén estamos moi inquedos, posto que o departamento (que aínda non o rematou de pagar) quérenllo embargar si non abona dita multa. Na misiva, moi emotiva por certo, desfaise en gabanzas deica vostede polos debuxos, e por todo. Pregounos o seu enderezo, cousa que fixemos.
Persoalmente, penso que as inxustizas debemos enfrentalas en conxunto (México, Caracas, Bos Aires, Montevideo) ¿vostede que nos suxire? ¿Está ben esa ideia?
Adxunto retratos do xantar. E nada máis por hoxe. Saúdos prá súa muller, que deixou, como vostede, un ronsel imborrábel.

Unha aperta irmán:

Pereira

[Escrito na marxe esquerda:] P.D. Non me pareceu oportuno falarlle por teléfono.

1970-06-26
Carta de Pereira Caamaño a Seoane. 1970
Montevideo
Transcrición

Transcripción da epistola Carta de Pereira Caamaño a Seoane. 1970 en 26/06/1970

Montevideo, 26 de xuño de 1970

Estimado Seoane:

Novamente, estamos amolando, co gallo da próisima saída de Bajo la doble águila. Galicia en el reinado de Carlos v.
Adxunto un folletiño que fixemos á maneira de pre-suscriución, e no que hai un pequeno erro, xa que debe figurare Galicia en el reinado... e non Galicia en el reino, etc. Tal como faláramos por teléfono, pregámoslle que nos faga a tapa ou carátula do libro, que debe tere as mesmas dimensións de Versos pra cantar en feiras e romaxes, de Manuel María. Non así o lomo, posto co númaro de páxinas vai andare polas 300 (trescentas). O seu traballo é de certa urxencia, xa que queremos pubricar o libro en xulio.
No día de hoxe, sacamos as cerámicas da aduana (viñeron unhas 150). Os debuxos pedidos a Patiño da Estampa chegaron nantronte (a maioría sen firmas e sen precios, séndonos praiticamente imposibre facer un catálogo axeitado; vostede dirá). Como estabamos no aire con todo, (o devandito, ademais da Mostra Bibriográfica adicada a Castelao) o 25 de Sant-Yago. No mesmo subte, faremos a Mesa Redonda de que lle falei. O tema será: Castelao artista, político, home, tomando parte, ademais de vostede (na parte correspndente a artista), o Dr. Cancela e o profesor Vidart. En fin, xa lle confirmaremos a data, anque xa lle adiantamos que no xantar de confraternidade, o domingo 26 queremos telo con nós (e, por suposto, á súa moi apreciada dona).
Acaba de saír nos xornales de eiquí a sentencia por dous anos pra Méndez Ferrín. O Patronato xa remesou unha nota ao Ministro de Xustiza e ó Presidente da Suprema Corte, dándolle logo espallamento. Agora estamos matinando levare o asunto ó Senado do Uruguay, onde temos algunha influencia. E quizaves algo máis...
Adxunto tamén os recortes e conseguintes do caso.
Polo de hoxe nada máis, como non sexa decirlle que tan pronto teñamos o programa das XV Xornadas de Cultura Galega (invitamos a Basilio Losada pró 27 no Paraninfo da Universidade; por certo que sería bo que me dera datos ideolóxicos de el), mandarémoslle un feixe. Reciba (cun saúdo garimoso prá súa compañeira) unha aperta irmán.

Pereira

P.D. O meu novo enderezo é: Cebollati, 1744. Apartado 903
Montevideo.
O teléfono é o mesmo, ou sexa: 40.20.08