PROXECTO EPÍSTOLA

----

TEMÁTICA: surrealismo

[arte]
Epístolas
1
Data Relación Remitente - Destinatario Orixe Destino [ O. ] [ T. ]
Data Relación Remitente - Destinatario Orixe Destino [ O. ] [ T. ]
1978-03-02
Carta de Palmás a Seoane. 1978
Londres
Transcrición

Transcripción da epistola Carta de Palmás a Seoane. 1978 en 02/03/1978


Londres, 2.3.78

Benquerido Seoane:

Levo xá un mes vivindo aquí, mais non lle escribín denantes pois non tiven casa hasta antonte. Non remataban nunca as obras dentro dela. A pesares diso fun arranxando todo o meu traballo para o boletín do que son correspondente e, tamén, para a revista na que colaboro. Precisamente, onte fíxenlle unha longa reportaxe a Lindsay Kemp, un actor británico que estivo hai pouco en España cunha obra del Flowers, pantomima para Jean Genet. Eu non a puiden ver, mais sei que tiveron un éxito enorme en Madrí e Barcelona. Agora marchan ao Canadá e logo a seguir van a Bs. As. Non deixen de vela, coido que alí tamén farán a Salomé de Oscar Wilde.
Supoño que xa estará a traballar de cheo nos grabados sobre a paisaxe galega –eran grabados ou debuxos?– e para as próximas exposicións. Eu, de momento, ainda non teño nada en marcha. Espero coller material gráfico sobre os santos, que lle mandaréi cando o teña. Estóu matinando nunha carpeta de homaxe a Sir John Moore. Qué lle parece a idea? Ocurríuseme o outro día cando por acaso lín o poema que lle fixo o poeta inglés Wolfe. Non é o que fixo Rosalía, quero decir non ten a calidade poética do texto en galego, mais foi unha composición imensamente popular aquí, pois todo escolar inglés adeprendéuna de memoria. O proieto sería así: unha edición bilingüe galego-inglesa cos dous poemas en cada unha destas linguas e dous prólogos un para galegos e outro para británicos. Naturalmente, que pensei en vostede para toda a cuestión gráfica e ilustracións. Espero que lle resulte interesante.
Nestes momentos hai en Londres unha exposición monstro sobre o dadá e o surrealismo. Ainda non puiden ir vela, mais faláronme dela mui ben.

Bon, unha aperta funda e lembranzas para Maruxa

Ricardo Palmás

[Escrito na marxe esquerda:] PS.: Meu enderezo é: 8, Southbrook- London 5E. 12