Transcripción da epistola Carta de Piñeiro a Seoane. 1960 en 08/10/1960
Compostela, 8-X-60
Sr. D. Luis Seoane
B. Aires
Meu querido e lembrado amigo:
Recibín a tua carta e con ela a fonda alegría de saber que o voso recente paso pola nosa terra deixou en vós un calco perdurábel de impresións gratas. Pódovos asegurar, porque é certo, que o voso itinerario por Galicia deixou un ronsel de cordial simpatía en todos, tanto nos vellos amigos coma nos conocidos de novas. Polo que a Isabel e mais a min se refire, estade seguros de que non poidemos esquecer os brevísimos días que pasamos xuntos.
Nistes días celebrouse en Lugo o 1º Festival do Miño, un de cuios números foi un certamen literario galaico-portugués. Pra o Premio López Cuevillas, de teatro galego, presentáronse nada menos que dez obras. Premiaron ó Cunqueiro e déronlles accesit a Franco Grande, Cortezón e máis Manuel María.
Mañán elixirán presidente da Real Academia Gallega a Sebastián Martínez Risco.
Saúdos nosos a Maruxa. Pra tí, unha aperta moi forte do teu amigo certo
Ramón