PROXECTO EPÍSTOLA

----

TEMÁTICA: Galicia 2002

[libro] Recompilación de ensaios onde colabora Luís Seoane publicado en 1977 pola Universidade de Santiago de Compostela. O libro Galicia 2002 recolle o debate organizado por M. Díaz y Díaz entre 1976 e 1977.
Epístolas
7
Data Relación Remitente - Destinatario Orixe Destino [ O. ] [ T. ]
Data Relación Remitente - Destinatario Orixe Destino [ O. ] [ T. ]
1977-04-22
Carta de Fernández del Riego a Seoane. 1977
Vigo
Bos Aires
Orixinal Transcrición

Transcripción da epistola Carta de Fernández del Riego a Seoane. 1977 en 22/04/1977

Vigo 22-abril 1977
Sr. D. Luís Seoane
Buenos Aires

Meu querido amigo:
Recibín a túa carta do día 5 dos correntes. Dóeme moito a situación do teu estado de ánimo. Ben comprendo as razóns que te asisten pra te sentir defraudado. Pero penso de todos xeitos que non debemos renunciar á loita. Tí, pesie a todo, estás nas mellores condicións pra poder esixir, porque ninguén desconoce a xenerosidade dos teus esforzos ao servicio de Galicia, desentendéndote sempre de beneficios persoáis. Claro que hai cousas que doen, ben o comprendo. Noustante, paréceme que a inhibición túa sería unha verdadeira pena pra todos.
No tocantes á política galega xa te supoño enterado do ocurrido ultimamente. Constituíuse a Xunta cos compoñentes previstos. Porén, nela figura Marino Dónega, a proposta dos Senadores, como único extraparlamentario. Confía en poder facer algo dentro dela en orde ao galeguismo. Certamente, a Xunta non terá tempo de actuar con transferencia de facultades antes de que se aprobe a Constitución. Pero ten o significado ao meu ver de representar un reconocemento de persoalidade política de Galicia. Despóis, cando chegue o proceso autonómico, veremos si as cousas cambean como deben cambear.
Isaac pediume un traballo sobre o labor do Seminario de Estudos Galegos como empresa de cultura, e xa llo mandéi. Debéu interpretar que o que tí lle indicache referíase á política cultural do Seminario, e non ao período entre o 36 e o 76.
Eu ando amolado esta tempada cunhas dóres de columna. Seguramente teréi que someterme a tratamento durante dez días no Policlínico da Rosaleda. Tamén Cunqueiro está mal a consecuencia dunha úlcera penetrante nun pé, e como é diabético é moi probable que llo teñan que cortar.
Remata de saír do prelo o libro Galicia 2002 no que ti colaborache. Mándoche un exemplar por correo aéreo.
Por aquí as cousas siguen cheas de complicacións e de problemas. Confío, nembargante, en que as dificultades iranse superando de a pouco e en que non volveremos a ser víctimas de novas regresións na conquista da democracia.
E nada máis por hoxe. Con garimosos saúdos a Maruxa e de Evely pra os dous, mándache a cordial aperta de sempre
Paco

1978-02-07
Carta de Seoane a Piñeiro. 1978
Bos Aires
Santiago de Compostela
Orixinal Transcrición

Transcripción da epistola Carta de Seoane a Piñeiro. 1978 en 07/02/1978


Buenos Aires, 7 de Febreiro de 1978

Sr. D. Ramón Piñeiro
Santiago

Querido Piñeiro:

Poucas verbas pra che agradecer os recortes que me remitiches encol da preautonomía. Na prensa de eiquí non se publica nada sobor Galicia, ou moi pouco. O que se publica son noticias de moi pouco interés, o que non ocurre cos problemas bascos e cataláns. A xente está, en xeral, informada da eisistencia da preautonomía de eses dous países, mais non se dou a noticia da referida a Galicia, a pesares de que a axencia Efe está chea de periodistas galegos, e é da que se nutren nas referencias a España os xornaes arxentinos.
Cheguei mal a Buenos Aires, con unha gripe collida en Madride e pola que estuve mal uns dez días, mais xa estou traballando, aínda que non coa intensidade que acostumo, en parte, penso, polo clima déste mes de vran, calor, tormentas, inundacións, fresco, ao mellor nun mesmo día todo. Estes dias inicio os grabados dun libro de cen estampas de grabados en madeira adicados a Galicia para unha editorial arxentina. Esto é todo hoxe.
Unha gran aperta pra Isabel e pra tí de Maruja e miña. Tamén para Sara

Nota: Ao finar esta carta chegáronme as probas de Galicia 2002 que foron remitidas a Coruña o 24 de Xaneiro. E da Coruña aquí uns sete dias. Na imposibilidade de poder comprir co plazo que sinalaba o Vicerrector pra entregar as probas correxidas, pregaríache que ti ou Ruibal, ou García Bodaño, ou quen dispuxeses, as correxisen, suprimindo as miñas intervencións, mal recollidas polo aparello grabador e transformadas adiviñando o que eu dixen por quen interpretóu, coa mellor intención, o que eu dixen. Por exemplo, en unha delas fanme decir que os italians viñan a Arxentina en millores condicións de alfabetismo que os galegos, facendo o eloxio da escola primaria en Italia. E esto é inexacto, os italiáns viñan a este país en condicións similares aos galegos, resto dos españoles e portugueses. Penso que nos primeiros trinta anos déste século con maior proporción de analfabetos que os galegos. Por eso penso que deben de borrarse as miñas intervencións verbales. Eu sinto moito todo esto, non me importan demasiado as erratas cando non alteran o que se escribe. Mais estas non son erratas, senón malas interpretacións do que o aparello grabador recolleu mal polo que fose.
Nunca me pasou nada similar a esto. Perdóademe, mais eu non quixera que a xente matinara que non sei o que digo.

1978-06-13
Carta de Seoane a García Sabell. 1978
Bos Aires
Santiago de Compostela
Transcrición

Transcripción da epistola Carta de Seoane a García Sabell. 1978 en 13/06/1978



Buenos Aires, 13 de Xunio de 1978

Dr. Domingo García Sabell
Santiago

Querido Domingo:

Por unha carta de Isaac tiven noticia de que ves a Buenos Aires invitado polo Centro Galego con motivo do Dia de Galicia. Non sabes canto me alegrou a noticia, ainda que eu esté persoalmente moi lonxe de todo o que ocurre na colectividade dende que fun aldraxado por un grupo de persoas fai uns oito anos, instigados por Valentín Fernández, sin que esa institución e as outras lles contestase, como terían de facelo, por todo o que eu fixen para elas en tantos anos, dende o 37 ó 70. Dende entón deixei de frecuentala e non concurrín endexamais a un acto dela. Mais este é un caso particular. A realidade é que non se ten de ningún xeito de deixar de lado a importancia que ela ten, sobre todo que tivo no pasado, cando non envellecera por falla de emigrantes novos. Das tuas conferencias e de ti persoalmente lémbrase moita xente. Foi moi importante a imaxe que deixaches dunha Galicia nova, inqueda, descoñecida para eles, a maioría, que lles anunciaba a esistencia de uns valores dos que non tiñan apenas noticia. Nos alegrámonos moito de que veñades. Eu por egoísmo persoal. Verás o meu traballo feito en Buenos Aires, o que estou facendo, algúns dos murales mais importantes. E poder ver xuntos algúns espectáculos. Buenos Aires é con seguranza a cuarta, ou quinta gran cidade musical e teatral do mundo. Hoxe, un dia calquera do outono anúnciase, soio en teatro, Cyrano de Bergerac de Rostand, Anna Christie de O´Neill, Lorenzaccio de A. de Musset, El Abanico, de Goldoni, Romeu y Julieta de Shakespeare, xuntamente coa obra dos mais novos, como El Desperfecto de Dürrenmat, Ceremonia para un negro asesinado de Arrabal, ou Requien para un viernes a la noche de Rosenmacher, do teatro universal. Do teatro en castelán estase repoñendo Los intereses creados e La casa de Bernarda Alba, aparte do teatro arxentino. De ópera, Otelo de Verdi e Gisell de Adam-Coralli, etc. Enmais dos ballets nacionales e estranxeiros, concertos, e en este intre traballan sete circos en distintos bairros da cidade. Non vou a reproducirche as páxinas de espectáculos dun xornal, La Nación, nin referirme ó teatro experimental que se fai, nin ós cafés-concerts, etc. Douche noticias de este aspecto de cidade descoñecido en España, para animarte a que veñades. Para nos serán dias inolvidables, estou seguro.
Non sei nada do que pasou co libro de Galicia no ano 2000. Si tivo críticas, etc. O vicerrector nin tan siquera me remitíu o exemplar. Teño un que me envióu Del Riego. A Xulio Maside fíxenlle un traballo sobre Carlos, pra un libro que tiña de se editar axiña, enviéillo fai meses, e tiven noticias por Piñeiro de que o recibíu. Xulio nin siquera me acusóu recibo, é moi posible que non lle gustara. Esquénzome traballando. Traballo.
Non escribo mais. Esta carta é simplemente consecuencia da ledicia que sentimos polo voso viaxe en Xulio. Unha aperta moi grande ora vos os dous de Maruxa e miña:

1978-07-03
Carta de Díaz Pardo a Seoane. 1978
Sargadelos
Bos Aires
Transcrición

Transcripción da epistola Carta de Díaz Pardo a Seoane. 1978 en 03/07/1978

3 de julio de 1978

Sr. Don Luis Seoane
Buenos Aires

Querido Luis:

Al recibir la tuya 14/6, cruzada con otra mía de parecida fecha, te envié el libro de Galicia 2002 y alguna nota de prensa que salió en torno a él.- Disculpa a Díaz y Díaz. Posiblemente las cosas te las está enviando a tu casa de Coruña y no todo el mundo, ni siquiera la Universidad, [tiene] presupuesto para enviar a América libros por correo aéreo, que cuesta más que los libros. Así como esos otros libros, estudiando cosas concretas, que tienes en cartera, serán importantes y bien recibidos por todos, ese Libro de quejas no interesaría o todos diríamos: “no me cuente las suyas que todos tenemos también las nuestras”.
Te van documentos de “Sargadelos”, balance, etc.- (se celebró la junta el 30/6 y no pasó nada). Va también una fotografía de tu tapiz de Santiago y unas notas cruzadas sobre la antología Nordés. El Molina ese parece que fue periodista del Ideal Gallego, ahora parece que va a publicar un libro de poesía en castellano y reproduce algunos poemas, traducidos al gallego por otro señor, la revista Galiza del PCG.
Estas son más o menos todas las cosas que hay por aquí. Sé que José Luis y Dónega te escriben con frecuencia y te informan de otras cosas que por economía de tu tiempo no repito.

Un abrazo muy fuerte a Maruja y otro a ti

Isaac

1978-07-18
Carta de Seoane a Fernández del Riego. 1978
Nova York
Bos Aires
Vigo
Transcrición

Transcripción da epistola Carta de Seoane a Fernández del Riego. 1978 en 18/07/1978

Montevideo 1985-13º Dto. 68 1021-Bs Aires

Buenos Aires, 18 Xulio de 1978
Sr. D. Francisco F. Del Riego
Vigo

Querido Del Riego:
Acompaño a estas liñas unha nota que fixen respondendo a crítica que fixo Cesar Antonio Molina á Antoloxía de Nordés. Non sei quen é Cesar Antonio Molina, pero, no que escribe ao se referir a min, teño a impresión de que non quería quedar mal conmigo, e teño a necesidade de decir o que penso do que fago sin me importar o que din os críticos. Si me tivese importado fai tempo que tería que deixar de traballar nas miñas cousas. Quixera publicala no Faro de Vigo, na páxina literaria dos domingos, si a ti che parece ben, pois por razóns que sei comprendes non podo facelo na Voz de Galicia.
Estes dias chega Domingo. Estou desexando velo e falar con él. Pra nós será unha festa. Non sabemos nada de Galicia dende fai moito, e desexamos escoitalo. Estamos soios logo de marchar pra esa Lorenzo Varela, e non teño vínculo algún coa colectividade. Soio con Prada, a quen vexo pouquísimo por razóns de saúde de Manolita.
Si me publican esta nota pregaríache que me enviases o recorte. Tamén gostaríame moito continuar facendo “Figuracións”, a sección que fixen tres ou catro anos seguidos na Voz de Galicia, quixera que consultases tamén esto no Faro, non sei de quen depende. Nos non sabemos que facer, si voltar a Galicia pra nos quedar a vivir nela, ou quedarnos eiquí, onde teño unha vida feita, unha gran biblioteca que tería que desfacer e unha cantidade moi grande de cadros, grabados, tacos de madeira, dibuxos, etc. Non sabemos que facer. Teño medo a voltar. Penso que Maruja ten menos. Mais calquer decisión nosa é común. Teño ganas de traballar ahí. Mais logo do meu fracaso co Museo o meu traballo ten de sere individual, ou con xente que pense en Galicia non dende o punto de vista industrial.
¿Cómo foi acollido Galicia 2002?. Eu non sei tampouco nada de esto. Dime o teu parecer, o dos amigos. A parte miña foi moi descoidada e, en mais, incorporeime tarde ó grupo. Escríbeme, preciso de comunicación con vos, teño necesidade de noticias de todos vos. E procura que se publique a miña resposta a La Calle, si a ti che parece ben.
Unha gran aperta de Maruxa e miña pra Evelina a pra ti.
Seoane

1978-10-20
Carta de Seoane a Fernández del Riego. 1978
Bos Aires
Vigo
Transcrición

Transcripción da epistola Carta de Seoane a Fernández del Riego. 1978 en 20/10/1978

LUIS SEOANE
Buenos Aires, 20 de Outubro de 1978
Sr. D. Francisco F. Del Riego
Vigo

Querido Del Riego:
Escribinche fai meses, a mediados de Xulio, pedíndoche que me dixeras o teu parecer sobor da nota que me enviaba respondéndolle a un señor Molina, e tamén encol da posibilidade de continuar a sección que facía para La Voz de Galicia, no Faro de Vigo. Remitícheme a nota encol do xuicio de Molina sobre a miña obra e prometías escribirme unha carta mais adiante. Non chegou, e gostaríame que me escribises. Eu estou moi lonxe de todos vos e cada vez mais de Galicia, pois aquí non chega ningunha clase de noticia referida a ela, soio os vascos e cataláns teñen ese privilexio. Aparentemente non existimos, e a xente está descorazonada, pois non saben que conqueríu Galicia en todo este tempo, dende que se anuncióu a preautonomía.
Nos matinamos que iremos en febreiro, non sabemos ben, aínda, si pra sempre ou novamente por un ano. Eiquí pensan facerme unha gran exposición retrospectiva de homenaxe, que agradezo moito, con motivo de que en 1980, cumplo setenta anos. Non tiña conciencia da edade, eles, os que propoñen a gran mostra retrospectiva, fixéronme rememorar a xente da miña xeneración, os compañeiros de fai pronto meio século nas nosas primeiras loitas, das nosas esperanzas pra unha Galicia que tiña de vir, etc. Mais todo frustrouse e temos traballado mais en peores circunstancias que os de algunhas xeneracións atrás. Os que chegaron despois noso non parecen ter en conta canto afectóu o noso traballo esas circunstancias. Alá eles. Son fillos, ou netos, ou familiares dos que diron lugar a elas. Mais non quero falar desto, nin escribir encol delo.
Neste intre quero pensar mais ben no libro de grabados que está a aparecer, con prólogo en galego e castelán. Faise por unha editorial arxentina, con él quero voltar, aínda que sexa soio con grabados, aos temas de leendas e históricos, nunca utilizados, que sepa eu, en Galicia. Refírome ás leendas, ou utilizado moi pouco no XIX en canto ao histórico. Trátase dun libro con setenta e dous grabados e tidoase Imágenes de Galicia.
Recibín o libro que me remitiches Galicia 2002 mais non sei si tivo eco algún. A min trocáronme algunhas verbas para poñelas en portugués ou en castelán. Continúo matinando que o vocabulario fíxose logo dun uso constante do idioma e, pola miña parte veño notando que verbas que son arcaísmos do castelán que se din na Arxentina, e que producían risa en España, voltouse ó uso delas como por exemplo ubicar, a forza, seguramente, da lectura de traduccións feitas polas editoriales en Buenos Aires.
Mais non é eso o máis importante, o que a min impórtame, senón saber si tivo o efecto que esperaban os orgaizadores e do que eu fun mais ben escéptico.
Escríbeme, por favor; por ti e dous ou tres amigos mais, síntome vinculado a Galicia.
Recibide Evelina e tí unha grande aperta e moi garimosa de Maruxa e miña:
Seoane

1978-10-30
Carta de Fernández del Riego a Seoane. 1978
Vigo
Bos Aires
Orixinal Transcrición

Transcripción da epistola Carta de Fernández del Riego a Seoane. 1978 en 30/10/1978

Vigo 30-outubro 1978
Sr. D. Luís Seoane
Buenos Aires


Meu querido amigo:

Recibín a túa carta do día 20 na que te laias de que non cumplira a miña promesa de che escribir. Pero o meu silencio está xustificado, pois estóu atravesando días moi doorosos. Cando apenas se cumplira un ano da morte dun irmán meu, agora remata de se finar aos 61 anos, outro: Domingo. Sin mal ningún, deitouse como decote ás once da noite, e ás nove da mañán seguinte apareceu sin vida no leito. Xa podes figurarte a forte impresión que nos abanéou e que aínda non puiden superar. Por si fora pouco, mañá operan en Madrid a outro irmán de 54 anos do corazón. Teñen que lle poñer unha nova válvula, e non sabemos como irá a cousa.

Tamén ando amolado con Artes Gráficas, pois temos fallidos de case seis millóns de pesetas, que non hai xeito de recuperar. Esta situación vén gravitar aínda máis sobre o meu estado de ánimo.
De todos xeitos, non deixei de me ocupar da túa posible colaboración en Faro de Vigo. Pero con tan mala sorte que cando encetaba xestións con Landeira, éste cesóu como director do xornal. Agora ocupóu o seu posto un tal Armesto co que non manteño relación, e nin sei siquera por onde vai encamiñar os seus pasos.
Celebro moito, como podes supoñer, ese proiecto de che facer a gran exposición retrospectiva de homenaxe, que tanto mereces. Aquí, nestes días, está aberta unha exposición antolóxica de Colmeiro, que abrangue desde o ano 1929 ate hoxe. É realmente interesante, e os cadros están moi ben escollidos.

Estóu desexando coñecer ese novo libro de grabados Imágenes de Galicia. O importante é a obra que ún deixa, e pouco significa que a xente nova hiperpolitizada queira prescindir do labor esforzado e valioso dos que a precederon. Estamos en momentos revoltos e desacougados. Pero as cousas, si a democracia se asenta, volverán ao seu canle, e os que veñan despóis terán necesariamente que valorar o que se fixo en situacións ben difíciles. De calquera maneira, tí e nós sabemos que cumplimos unha misión histórica, e eso val por todo o resto.

O libro Galicia 2002, inda que non tivo proiección popular, conseguíu un eco positivo nos medios minoritarios.

Por aquí todo sigue máis ou menos como cando tí te fuche. Estase a traballar nunha reactualización do Seminario de Estudos Galegos, coa incorporación de homes novos especializados nas diferentes materias. Xa te supoño enterado, tamén, da inauguración da nova planta do Museo Maside. Eu non puiden asistir, polas razóns que che indicaba ao comezo desta carta, pero dixéronme que concurrira moita xente, e que o Museo quedóu moi ben.

E nada máis polo momento. Garimosos saúdos a Maruxa, de Evely pra os dous e pra tí a cordial aperta de sempre, coa esperanza de te poder abrazar moi axiña.


Paco