Juan Carlos Castagnino (1908-1972)Aparece en 1 epistolas
Arquitecto graduado na Universidad de Buenos Aires, estudou pintura na Escuela Superior de Bellas Artes Ernesto de la Cárcova, onde foron os seus mestres Torcelli e Ripamonte.
Logo dun período de estudo ao pé de Spilimbergo, participou, en 1933, no equipo dirixido por Siqueiros que pintou o Ejercicio Plástico na quinta de Natalio Botana e que está hoxe no Museo do Bicentenario, adxacente á Casa Rosada en Bos Aires. A partir dese momento, pintou numerosos murais e participou na creación do Taller de Arte Mural xunto a Colmeiro, Spilimbergo, Urruchúa e Berni (1944), executando en conxunto a cúpula das Galerías Pacífico de Bos Aires.
Castagnino viaxa a Europa e, en 1939, en París acode ao taller de pintores como Bracque, Picasso e Leger, e asiste en Italia ao taller de Carrá e Sironi. A súa viaxe remata en España, onde é repatriado a causa da guerra.
Participou activamente nos salóns nacionais. Alí gañou o Terceiro Premio en 1943, o Segundo en 1944 e o Primeiro en 1948. Tamén obtivo premios significativos nos salóns de Santa Fe, Córdoba e a provincia de Bos Aires, o Gran Premio de Honra do Ministerio de Educación y Justicia en 1956 e o Gran Premio de Honor del Salón Nacional en 1961.
Efectuou numerosas exposicións individuais no país e no estranxeiro. Así, en 1949 presentou os seus traballos con éxito en París e interveu en mostras do conxunto levadas a cabo nesa capital, Washington, Lima, Varsovia, Bucarest, Leningrado, Moscova, Quito, Nova York, México, Río de Xaneiro, São Paulo e Saigón.