PROXECTO EPÍSTOLAS

----
Epístolas
Mencionado/a [3]
Data Relación Remitente - Destinatario Orixe Destino [ O. ] [ T. ]
Data Relación Remitente - Destinatario Orixe Destino [ O. ] [ T. ]
1971-03-03 Mencionado/a
Carta de Seoane a Palmás. 1971
Bos Aires
O Castro [parr. Osedo, conc. Sada]
Transcrición

Transcripción da epistola Carta de Seoane a Palmás. 1971 en 03/03/1971


Buenos Aires, 3 de Marzo de 1971

Sr. D. Ricardo Palmás
El Castro

Querido amigo:

Recibín as suas cartas, a de Barcelona e a do Castro, que non respondín por acumulación e desorden do meu traballo e polo disgusto que me ocasionóu o ataque estúpido de A Nosa Terra, que ten coma oríxen o ter saído en defensa de Dieste. Non sospeitei endexamáis tanta vileza disfrazada de patriotismo nesa xente. O meu xeito respondinlle con unha carta aberta que remito hoxe a Díaz Pardo, na que respondo a algunhas das aseveraciós déles e, naturalmente, non podo responder a eso de que teño que acercarme ó pobo, pois aínda sen sabere ben que [é] o pobo, dende logo sei que non é unha “patota” que se reúne todolos días a beber unha chiquita no Centro Ourensán, ou no Centro Pontevedrés, ou en calquera dos centros onde cinco ou seis matinan como gobernare a coleitividade, entre malidicencias e noticias encol dos precios por exempro, das roupas de home ou do calzado, en xeral do mercado porteño. Todo esto tróuxome mal, e renuncio dende logo ó Instituto Arxentino de Cultura etc., do Centro Galego, e a todo o que teña que ver coa coleitividade. O autor do artigo máis inxuriante de A Nosa Terra, “Olimpo de palla”, é Cupeiro, con quén non teño falado duas verbas seguidas dende que o coñezo. Galeguista porque nasceu loiro. Mais detrás déles está, sospeito, a man de Valentín, Val Capone, coma lle alcuma Vilanova. De calquer xeito dinlle o meu plan a Martínez Lamela e Prada para que o fagan seu.
Alegróume moito de que teña atopado material pro seu traballo e que lle tivese sido útil o coñecemento de Martínez Barbeito, pra mín o estudoso mais serio do século XVIII galego e de menos prexuicios. Conviña que esas noticias se unisen ó estado económico e social de Galicia nese século, e vive na Cruña un profesor, cuio nome non me lembro neste intre, amigo ou coñecido de Díaz Pardo, que ten pubricado algún libro encol destes probremas. Chámase, penso, Meijide Pardo, ou algo eisí. Eu traballo bastante e o día seis de abril inaugúrase no Museo de Arte Moderno unha retrospeitiva de grabados meus, 200 grabados, unha afición burguesa. Supoño que a xente que vai coñecendo e que son amigos meus protestarán pola miña falla na correspondencia. Gostaríame, de calquer xeito, que vostede trouxera a versión encol da miña aitividade nesa coma testimuño. De todalas cousas a que renunciéi por lealtade ás miñas ideias e por temor a non ser comprendido eiquí. Que o leven a Elviña a ver o sitio onde queren que faga un mural ó Auntamento de A Cruña, logo de renunciar a facelo no Pazo dos Deportes.
Un saúdo de Maruja e meu pra todolos amigos. Pra Mimina, Isaac e Xosé, e unha aperta pra vostede:

Recibín a súa adhesión, que lle agradezo e, xunto con unha de Díaz Pardo e outra carta que me remite dende o Castro onde me escribe encol dos seus traballos. Non sei si coñece o libro La población de Galicia de Javier Ruiz Almansa editado polo Instituto Balmes de Sociología, “Consejo Superior de Investigaciones Científicas” de Madrid. É moi importante. Ten moitos datos referidos ós séculos XVI e XVII, que poden estenderse ó XVIII. Tamén conviña buscare traballos sobre as amortizaciós dos bés da Igrexa na época de Carlos III. Mejide Pardo ten un libro encol da emigración galega intrapeninsular. Apertas:

[Seoane]

1971-03-17 Mencionado/a
Carta de Seoane a Pereira Caamaño. 1971
Bos Aires
Montevideo
Transcrición

Transcripción da epistola Carta de Seoane a Pereira Caamaño. 1971 en 17/03/1971


Buenos Aires, 17 de marzo de 1971

Sr. D. Fernando Pereira
Montevideo

Meu querido amigo:

Supoño terá recibido a miña derradeira carta. Hoxe remítolle os dibuxos e a tapa pra o libro de Heriberto Bens. Iría no formato de Manuel María e seguindo a mesma distribución tipográfica e tipo de letra. Coidado co papel. Os dibuxos, que son catro, aparte da tapa, distribúienos vostedes coma conveña, non ilustran concretamente nengún poema, senón o esprito do libro. Que na imprenta sexan fideles coas coores da tapa. Perdóneme todas estas indicaciós. Nós marcharemos a meiados do mes que vén e estaremos fóra seis ou sete meses. A miña direición na Cruña é: Paseo de Ronda 15, 6º izquierda. La Coruña, por si vostedes necesitan algo de min, xestiós ou o que sexa.
As mostras de adhesión da coleitividade deiquí con motivo do ataque estúpido de A Nosa Terra foron moitas. O periódico Galicia púxose á miña disposición e pubricaron no derradeiro número a carta que lle remito. O autor da nota contra min foi un señor, Benito Cupeiro, con quen non falei, penso, nunca, e que fixo, con seguranza, por enfermo. Mais o ataque raposo é probábel que seña da persoa que está disposta a gobernar esta coleitividade.

Un saúdo pra tódolos amigos, e a súa dona e vostede reciban o moi cordial da miña e meu:

[Seoane]

Nota: Permítome pubricar un poema do libro de Heriberto Bens en Cuco-Rei. Dígame si fago mal e si podo anunciar a súa pubricación.

1971-10-19 Mencionado/a
Carta de Palmás a Seoane. 1971
Bos Aires
Transcrición

Transcripción da epistola Carta de Palmás a Seoane. 1971 en 19/10/1971


Buenos Aires, 19 de outubro de 1971

Meu querido Seoane:

Sen dúbida a nosa correspondencia anda desnorteada, xa que debéronse perder cartas suas e miñas. Cómo van Vd. e máis a Maruja? Supoño que o seu traballo co monumento de homaxe ao emigrante debe estar ben adiantado. Eu estou con muito traballo, ademáis do de turismo estou nun equipo que está a elaborar o plan regulador da cidade de Olavarría, unha esperiencia mui interesante ainda que non me deixa muitos cartos. Na faculdade perdeuse cuase totalmente o ano deica hoxe non puiden esaminarme en ningunha das asignaturas que me faltan; o mércoles prósimo poderei esaminarme en Antropoloxía, sempre que non suceda nada denantes.
Pra falar dos nosos vellos “amores”, direille que da coletividade pouco lle podo dicir. Hai unhas semanas atopeime con algúns dos homiños da Irmandade –Cupeiro, Florez e Dapresa– pidíronme contas pola miña conferencia en Barcelona, e dahí orixinouse unha discusión mui forte. O proieto que Vd. presentou no C[entro] Galego caíu xa nas maos da xentiña de sempre, sei por Martínez Romero que andan con el ao lombo o Cupeiro, o Molinari e algún outro que non lembro quen é; consecuencia de todo non farán nada ou farán o de sempre, unha trangallada. Respeito disto teño mentes de falar con Lorenzo Varela pra ver si podo publicar na coleción “La historia popular” do Centro Editor de América Latina un traballiño sobre a nosa emigración na Arxentina (cuio índice temático lle adxunto). Por culpa del estou escribindo uns contos con estorias de emigrantes e de fillos de emigrantes, eu non estou mui conforme, pro Varela pensa que están ben.
Xa estará enterado do golpiño de estado que tivemos a semana derradeira, continuan os rumores sobre posibles levantamentos militares. Antonte correu o rumor da sublevación de Campo de Mayo, pro non pasou de ser un rumor destinado á especulación financeira, o que si houbo foi un asado que pode ser o prólogo dunha conspiración (entre chourizo e chourizo un militar pode matinar muitas falcatruadas). O certo é que semella haber polo menos tres golpes en marcha; un liderado por López Aufranc de corte liberal na liña económica e brasileiro en ideoloxía; outro no que estarian misturados elementos nacionalistas e desenrrolantes con Onganía, Levingston e xente fondicista, e non podía faltar o sempiterno golpe de coroneles supostamente peruanistas. Por outra banda o governo segue xogando ao GAN (Gran Acuerdo Nacional) namentras siguen actuando grupos parapoliciales metendo bombas (tocáronlle duas ao Centro Editor e máis outra á Editorial Galerna) e raptando xente que na mor parte dos casos non aparece nin viva nin morta. O deterioro económico é cada vez maior e non se albisca no horizonte posibilidade de solución. Os militares están mosqueados polo ésito brasileiro, sen se decatar que foron eles mesmos os que botaron abaixo esa posibilidade cando botaron a Frondizi e que hoxe os EEUU teñen xogadas as suas cartas no Brasil onde o rexíme semella ter desartellado á oposición de esquerda legal e aos grupos insurrecionales. Os radicales seguen co seu vello esquema de recrutamento de afiliados e o peronismo participacionista indo e vindo de Madrí –a nosa nova Meca– pra negociar e enfrentar ás liñas supostamente socializantes dese movimento. É tremendo ver muita xente moza universitaria que pensa que unha volta de Perón ao poder pode representar o camiño pra instauración do socialismo ou dun certo tipo de socialismo chamado “nacional” na Arxentina. Cada vez que falo con algún deles –mellor dito que discuto– quédome parvo; cheguei a escuitar cousas tan peleriñas como que o pensamento de Perón, nin que fose Mao, era verdadeiramente dialéctico. Supoño que o poderá ser o día que poida atinxir a síntese. Como verá a cousa élle ben entangarañada.
Mañán estrease Outubro de Eisenstein, e ainda que pareza sorprendente vai nunha sala comercial de Corrientes. Niste intre hai media dúcia de filmes francamente bons. O conformista dun italiano Bertolucci que é unha reflesión sobre o fascismo através dunha historia particular un pouco ao estilo do que fixo Visconti co nazismo, mais con persoaxes pequeno-burgueses. Trampa 22 unha sátira anti-bélica de orixen norteamericano do tipo de MASH. Verán do 42 tamén norteamericana que conta con muita poesia o pasaxe de nenez á adolescencia a través da iniciación sexual dun rapaciño de 15 anos. Leva meses de esibición Morte en Venecia de Visconti, que é unha maravilla, penso que polo tema tan “equívoco” pra un censor non a van dar en España, se cadra cecais nalgunha das prósimas “aberturas” do réxime. A cinemateca continua organizando uns ciclos estupendos e os fins de semana repoñense muitas películas en cine-clubes e outras asociaciós, escollidas con mui bó criterio.
Xa saberá do ésito de Paco Ibáñez e máis Raimon. O primeiro actuou no Opera nunha sala cheiña. Foi pena que dera un único recital. Na miña vida vin tanta xente sentada nun escenario. Sorprendeume ademáis que o público soupera os nomes de canciós e que berraran pedindollas. Pro muito mais me sorprendeu o ésito de Raimon. Os cataláns estaban pasmados, eles contrataran por tres días a saliña do Payro que é ben pequena e atopáronse con que a demanda esedía todo o previsto, tiveron que repetir na semana seguinte os recitales. Por certo hoxe pola noite no Gran Rex preséntase Raimon novamente xunto con Mercedes Sosa, o uruguaio Viglietti e o conxunto chileno Quilapayun.
De esposiciós pouco lle podo falar. Soio fun ver unha de xoias e obxetos de ouro precolombinos, no San Martín e agora quero ir ver a de arte precolombino peruano que se fai en Belas Artes, pra que Marica Varela prestou algunhas pezas.
Se vai polo Castro pídalle ao Xosé ou a Mimina que me manden uns exemplares da bibliografía de Castelao.

Unha forte aperta pra Maruxa e Vd, de

Ricardo

[Manuscrito na marxe esquerda:] Soupen por Martínez Romero da esposición que fixeron con gravados de Picasso e máis Miró. É comovedor pensar que iso se fixo nunha aldeíña.


[Anexo.]

La inmigración gallega

1.- Gallegos, gaitas y yoyegas

2.- La época colonial

2.1.- los primeros gallegos en el Plata
2.2.- los establecimientos patagónicos
2.3.- las invasiones inglesas
2.4.- los “ilustrados” gallegos
2.5.- gallegos por la libertada

3.- El aluvión inmigratorio

3.1.- formación y desarrollo de una colectividad
3.2.- el gallego frente a los argentinos
3.3.- influencias en la vida argentina

4.- Presencia de la Argentina en Galicia


Material gráfico

soldado del Tercio de Galicia
bandera del Tercio de Galicia
pendón del Tercio de Galicia
Casa de Cerviño (Rivadavia y Chacabuco)
Retrato de Cerviño
Deembarco de inmigrantes en Bs. As.
orfeones gallegos en el carnaval de antaño
orfeón gallego en la fundación de la Plata
caracterización de un gallego en el sainete porteño
carátula de la música del tango “Galleguita”
Almacén “La flor de Galicia”
Pizzeria anunciando empanadas gallegas
caricatura de José Ma. Cao
Acto de adhesión a la Rep. Española o autonomía gallega
foto con periódicos y revistas gallegas editadas en Bs. As.
edificio del C. Gallego
Manifestación gallega de adhesión al 150 aniversario de la Rev. de Mayo
Escudos argentinos y otros elementos decorativos del Pasatempo de Betanzos
Escuela “La Argentina” en alguna localidad gallega

[Manuscrito:] Si Ud. sabe de otros materiales hágamelo saber, en especial para graficar la presencia argentina en Galicia