PROXECTO EPÍSTOLAS

----
Epístolas
Mencionado/a [4]
Remitente [1]
Data Relación Remitente - Destinatario Orixe Destino [ O. ] [ T. ]
Data Relación Remitente - Destinatario Orixe Destino [ O. ] [ T. ]
1961-07-30 Mencionado/a
Carta de Ramón Otero Pedrayo a Lois Tobío Fernández, 1961.
Trasalba
Montevideo
Orixinal Transcrición

Transcripción da epistola Carta de Ramón Otero Pedrayo a Lois Tobío Fernández, 1961. en 30/07/1961

Trasalba 30-VII-61
Sr. D. Luis Tobío
Montevideo

Querido amigo: Moi ledo ca sua carta. Devolvolle o esquema xeografico. Coido que así vai ben. Trátase de un limiar xeográfico e non de unha xeografía. E concedín moito as chamadas dos ríos e da costa. Penso que a cartografía é do millor. Mandarei unha presa máis de fotos. Quixera saber en canto tempo. Eiquí domina a preguiza. Escríballe a Parga. Estou abraiado ca morte súpeta de Aquilino Iglesia Alvariño. Estiven co il o 27 en Sant Yago, tan bon e ledo e bebedan. Morreu o 28 cando xa eu estaba eiquí. Xa o libro tén de levar unha necroloxía. Hai que procurar quen faga a historia da lingoa pra pubricar polo común da Idade Meia. Quezais Isidoro Millán González Pardo, ¿? ativo de Pontevedra. Estarei en Sant Yago mañán e buscarei consello. Non sei si a Introducción vai coa Etnografía. Coido que non. Pois abultaría demais o volume. Estou contento agora novamente por mirar pubricada a Etnografía. O pior vaí ser a revisión. O Risco non está hoxe para traballos serios. De todos xeitos pídalle cando tería a sua idea xeneral da obra. Eiquí os mais desconfían ca longa demora. Hanse animare o locir a portada impresa. Saudos na casa. E ó filliño. Con apertas a Canabal grande, puro e cerme galego, e o apaixoado e consecoente Crestar.. Penso que M? Risco-Macías deixaria ben posto noso pabellón e seu nome. Adeus. Sempre o vello amigo
Ramon Otero Pedrayo [sinatura autógrafa]

1961-11-05 Mencionado/a
Carta de Ramón Otero Pedrayo a Lois Tobío Fernández, 1961.
Ourense
Montevideo
Orixinal Transcrición

Transcripción da epistola Carta de Ramón Otero Pedrayo a Lois Tobío Fernández, 1961. en 05/11/1961

Ourense 5-XI-1961

Sr. Dn. Lois Tobío
Montevideo

Meu querido amigo: Abrazos. ¿Porque na entrada do inverno e cunhas voltas por Sant Yago lémbrase un máis vivamente dos amigos?. Agardo letras de Vde sobre a Historia. Precísase un novo sistema e nova finanzación. Eu entendereime direitamente con Vde. Escribireille todos os meses. Noso amigo Sebastián M. Risco Macías tróuxome recados e indicaciós. Hoxe limitareime a tres probremas:
O estudo de Aquilino Iglesia –q.D.t.– pode servir con algunha demudanza no tono que non caia na pura doutrina e teoria. Nisto estaba o propio Aquilino conforme. Aseguroumo xa no vran saíndo da catedral falando entramos na Quintana e na Rúa Nova e houberao il feito de non o coller de sutoque a morte.
Pra o grande mapa de Galiza compre saber o formato do volume. Si me di con xusteza as dimensios e outras notas de acomodamento mándase facer o Instituto Geográfico pidindo diante presuposto.
As modificaciós no traballo de Aquilino debíaas facer Vde que está en xornaleira relación co senso e esprito dos emigrados, de isa rexa Galiza. Pois coido que debe ire no principio da obra.
Eu teño 73, case 74 anos, con enerxia de abondo pero amingoada pola doenza da perna esquerda e tamén –entre vellos amigos pódese dicir– pola merma económica que supón a xubilación da cátedra e o cativo prodoito do capital en terras. Hoxe só é sentimento ó que me cingue os eidos herdados que non deixarei como non teña moita precisión. Hai que pensar noutro direitor mais novo e proveitoso. Farei e sigo traballando no meu XVIII e XIX.
Saudos a Canabal e sua boa xente. Escribireille. E a Crestar. E na sua casa.
Sempre o vello amigo
R. Otero Pedrayo [sinatura autógrafa]

1963-09-10 Mencionado/a
Carta de Miguel Vázquez Valiño a Lois Tobío Fernández, 1963.
Montevideo
Madrid
Orixinal Transcrición

Transcripción da epistola Carta de Miguel Vázquez Valiño a Lois Tobío Fernández, 1963. en 10/09/1963

MONTEVIDEO 10 de Setiembre de 1963

Dr. Luís TOBÍO FERNANDEZ
Madrid

Meu estimado amigo:
Confirmando a miña carta anterior, data 6 do mes de abril, escribo a presente co profundo desexo de que se encontre disfrutando dunha perfeita saude en compaña da sua honorable dona e fillos. Por eiquí continuamos loitando con un que outro ataque de reuma, se ven non de tanta gravedade como no pasado ano.
Na carta anterior acusaballe recibo dos tres mil pesos que o Banco de Galicia me abonou na miña conta, cousa que xa fixera denantes de eu ter recibido a sua carta, xa que por mor de folga dos empregados do correo desta cibdade a mesma me foi entregada con moito retardo.
Como vostede me anunciaba que me enviaria o saldo da conta para dentro de pouco, he polo que lle escrevo a presente por si lle fose posible facelo, pois ando apertado de diñeiro xa que estou construindo unha casiña nun terreo da miña propiedade, perto do Hipódromo de Maroñas, e quixera terminala pra poñela a venta. Pois o traballo anda moi escaso e non se ven posibilidades de que millore a situación. De non ser por necesidade xa vostede sabe que non lle poñería apuro ningún.
As cousas da colectividade transcurren máis ou menos como no pasado. No mes de xulio tiveron celebramento as "Xornadas de Cultura Galega", con conferencias, aito de homaxe a procer da nacionalidade uruguaya, e findaron con un xantar en "Casa de Galicia" que resultou moi concurrido.
Por si non tivera coñecimento direille que findou na Cruña a nai do noso bon amigo Dr. Pedro Couceiro.
He sin outra cousa a decirlle reciba saudos da miña familia, Meilán, Crestar e Villaverde e unha aperta do sempre amigo

Valiño [sinatura autógrafa]

[nota manuscrita de Lois Tobío escrita posteriormente:] Contestada 24 setbre. anunciándolle que se deu orde ó A. de G. pra pagar

1981-05-19 Mencionado/a
Carta de Valentín Paz-Andrade a Lois Tobío Fernández, 1981.
Vigo
Madrid
Orixinal Transcrición

Transcripción da epistola Carta de Valentín Paz-Andrade a Lois Tobío Fernández, 1981. en 19/05/1981

V. Paz Andrade
Abogado
––––––––––––
Policarpo Sanz, 22. Tº. 211562
Vigo

Vigo, 19 de mayo de 1981
Sr. D. Luís Tobío
Escritor
Bonetero, 5
MADRID-16

Querido Luis:
Conservo a dirección tua, que sin seguranza utilizo. Ogallá o Argos postal non teñan aínda perdido as vistas.
Estóu traballando n-un livro, Castelao na luz e na Sombra. Como estamos en risco de esmorecimento total os que fomos seus amigos, sin que despois de tantos anos ninguén lle metera o dente o unha verdadeira e completa biografía, botei as costas tan eisixente obriga. Levo redactados vinte e tantos capitulos, e ando no adicado as actuacións de Castelao no Uruguay.
Os nosos amigos de Montevideo, principalmente Meilán, brindaronme a sua axuda. Que non e tan completa como desexaran. Podias ti fornecerme algúns datos complementarios, senon son fundamentales? Por exemplo, os seguintes:
A) 05/12/1940 dá unha primeira conferencia, na Casa de Galicia. Sobre qué falóu? Quen fixo a presentación? Foi no local social ou en outro?.
B) O día 8 domingo, do mesmo mes, xantar ofrecido pol-a Casa de Galicia. No local social ou en outro? Quen falóu ofrecendo o acto? Falaron algúns mais, aparte o festexado?.
C) Entre o 5 e o 8 tuvo Castelao algunha actuación no Uruguay? En que hotel paróu en Montevideo?.
D) O 18 de abril de 1943, discurso no Estadio Centenario. Entre unha data e outra, non voltóu Castelao a Montevideo?. Despois do mitin celebróuse algún xantar aos oradores?.
E) O 15 de Nov. de 1944 constituiuse o Consello de Galicia en Montevideo, que xa funcionaba en Buenos Aires. Incorporaronselle algúns membros de residentes no Uruguay?.
F) Do 10 ao 25 de xunio de 1945, exposición das estampas que se editaron nos albums de Guerra. En que local. Falóu algún no acto?.
G) O 30 de junio de 1945 acto conmemorando a votación do Estatuto. Quen máis falóu? Onde foi celebrado?
H) Xantar do 10 de jul. de 1945. Quen falóu no ofrecimento ou nos brindis?
I) Calquera outro dato que deba ser lembrado das estancias de Castelao no Uruguay.
Supoño que na derradeira estancia de Castelao en Buenos Aires –1946-1950– non voltóu a Montevideo. Do livro de Palmás e o de Zubillaga, dispoño xa.
Perdóame ésta angueira, e recibe o meu afervoado agradecemento, con a mais forte aperta de
Valentín [sinatura autógrafa]

[Anotación manuscrita, a lápis na marxe superior esquerda:] Ollar na colección de "El Día" cousa doada pois teñénse as datas. Pode facelo Meilán, Couceiro ou Crestar. Ou algún dos rapaces novos da audic. S. en G ou do Patronato.