PROXECTO EPÍSTOLAS

----
Epístolas
Mencionado/a [1]
Data Relación Remitente - Destinatario Orixe Destino [ O. ] [ T. ]
Data Relación Remitente - Destinatario Orixe Destino [ O. ] [ T. ]
1981-06-02 Mencionado/a
Carta de Delgado Gurriarán a Paz Andrade. 1981
Guadalajara [nac. México]
Orixinal Transcrición

Transcripción da epistola Carta de Delgado Gurriarán a Paz Andrade. 1981 en 02/06/1981

Guadalajara, Jalisco, 2 de xuño de 1981



Benquerido amigo Valentín:

Inda que chegaron cando xa tiña enviado o meu traballo ao Instituto de Estudos Valdeorreses, gracias polos datos encol da túa odisea dos anos da guerra e das túas actividades políticas e galeguistas, pois permítenme coñecer a fondo as túas xeiras de perseguido e o teu espléndido labor a prol da Terra. Emporiso penso que, aínda que sen precisar datas, puiden recoller no meu traballo, de unha maneira polo menos decorosa, os trafegos da túa vida de Valdeorrés adoptivo e galego universal, que queira Deus se prolongue moito para ben da Terra e dos teus amigos, pois aínda hai moito que facer e compre traballar deica o fin e máis agora en que están á porta unhas eleizóns que ben levadas poden mitigar o desalento que a todos nos causou o apoucado espíritu que Galiza demostrou no Referendo.
Polo que me dís, os epígonos do vello Partido Galeguista non dan moito a talla que compre ter nesta emposta da máxima importancia para o pervir de Galiza e da Democracia. Esta túa opinión ven a confirmar a que lle ouvín a Roxelio Rodríguez de Bretaña cando voltou da súa viaxe á Terra fai un ano ¡Qué dor! Mais compre non perder os ánimos e ver que é o que se pode facer e máis en qué podemos axudar os que pola nosa sorte mala vivimos lonxe de Galiza co pensamento posto sempre nela e sentindo decote as súas moitas penas e as súas poucas ledicias. Quixera unha resposta túa, a que queira Deus me traia un pouco de razonabel optimismo.
Sei das xestións que fai o noso bon amigo Gayoso, as que de corazón lle agradezo, inda que non me extrañaría o que non deran resultado, xa que penso que a Diputación de Ourense andará arastora moi ocupada coa revolta política de hoxe en día e non terá tempo nin cartos para un asunto tan secundario coma é o da miña viaxe. De toda-las maneiras gracias polo que facedes por min.
Roxelio Rodríguez de Bretaña falóu fai uns días conmigo. Está tamén moi preocupado pola pouca efectividade do Partido Galeguista. Díxome que aínda non recibira a túa carta.
O Lois Soto tenciona ir a esa a fins deste mes. A ver se tes a sorte de que che dea os datos que lle pediches; mais penso que terás que prescindir deles, e perdón se son mal pensado. De todo-los xeitos penso que lle darás bon acabamento ao libro de Castelao que arelo coñecer.
Ogallá nos vexamos este ano. Dementre cordiais saúdos para ti e a túa dona, da miña muller e meus. Unha forte aperta

Florencio