PROXECTO EPÍSTOLAS

----

3 MENCIóNS A Alexandre Bóveda (1903-1936)

Político nacionalista galego, fusilado polos franquistas ao comezo da Guerra Civil. Foi un dos intelectuais máis relevantes da época en Galicia sendo o motor do Partido Galeguista, segundo palabras do propio Castelao.
Epístolas
Mencionado/a [3]
Data Relación Remitente - Destinatario Orixe Destino [ O. ] [ T. ]
Data Relación Remitente - Destinatario Orixe Destino [ O. ] [ T. ]
1932-10-19 Mencionado/a
Carta de Carballo Calero a Paz Andrade. 1932
Ferrol
Orixinal Transcrición

Transcripción da epistola Carta de Carballo Calero a Paz Andrade. 1932 en 19/10/1932

Ferrol, 19-X-32

Sr. D. Valentín Paz Andrade


Querido irmán:

Ignoro si obran no teu poder dúas cartas do Grupo Ferrolán do Partido, solicitando de ti a mercede de un mitin n-esta vila. O certo é que nin tí contestaches a esa petición nin Pontevedra â notificación oficial de constitución do Grupo.
Espero que de esta vez te molestarás en escribir dicindo cando pode ser eso, e con qué oradores podemos contar. Non pode faltar Picallo. Por min, que veñan os tres diputados. E de saber que falaría eu, e outro de eiquí faría a presentación. Creo que nos debedes proporcionar non menos de tres oradores. Castelao caería moi ben. O outro podes ser tí mesmo, ou Bóveda, ou quen querades.
Decatádevos do intrés que ofrece a conquista de Ferrol, colonia castrense de Castela, ulster e Gibraltar galego, quinto reino de Andalucía, etc, etc, etc. Xa veríades que o Grupo se move, pero apenas hai máis orador que eu, e diñeiro ningún. Non nos esquezades, ou nos pasaremos a Álvaro.
Ocurre que eu fun n-outrora Director de Prensa da FUE, pol-o cal facía «Scholarum». Dende entón, o Pueblo Gallego envíaseme gratuitamente. Pero como agora estóu en Ferrol, non o recibo, e o recibe a miña ex-patrona de Santiago, o que non é xusto. Rógoche que fagas a oportuna xestión pra que, si se empeñan en mandarmo, mo manden a Ferrol, Sinforiano López, 183,3º, e non a Santiago, Troya, 10 baixo; antre outras razóns porque en Troya non podo recibilo.
Espero que me responderás axiña, ante a ameaza de escisión. Escríboche ô Pueblo porque da túa direición somente lembro a verba «Urzáiz». Apertas.

R. Carballo Calero

1932-11-01 Mencionado/a
Carta de Paz Andrade a Carballo Calero. 1932
Vigo
Ferrol
Orixinal Transcrición

Transcripción da epistola Carta de Paz Andrade a Carballo Calero. 1932 en 01/11/1932

[Vigo], 1 novembre 1932


Sr. Don Ricardo Carballo Calero
Ferrol

Querido Ricardo:

Ainda hoxe me foi entregada a tua carta do 19 derradeiro, dirixida a-o Pueblo. Das outras cartas non sei, pois é a primeira que recibo d-ese Grupo, despois das que teño escrito a Valerio, en resposta a outras d-él.
Da Segredaría de Propaganda encarregouse de novo Núñez Búa, a-o que trasladaréi a tua petición. Mellor será que indiquedes xa o día, e posto que vides desenrolando unha laboura dinámica, podedes orgaizar otro pol-a tarde n-un pobo perto d-esa vila. Dende logo conven que vaian a-o mitin Picallo e Castelao, e cecais Bóveda. Eu iréi na segunda tanda, pra outro que se orgaice.
Felicítovos cordialmente por esa actividade. Non agardabamos tanto, os que do Ferrol tiñamos conocimento antigo e certo. Adiante, pois.
Farei mañán a xestión que encargas pra a adeministración do Pueblo.
Lembranzas a todol-os irmáns d-ese puxante agrupamento e ti recibe unha forte aperta do teu sempre amigo e compañeiro


[V. Paz-Andrade]

1974-04-17 Mencionado/a
Carta de Seoane a Fernández del Riego. 1974
Nova York
Bos Aires
Vigo
Transcrición

Transcripción da epistola Carta de Seoane a Fernández del Riego. 1974 en 17/04/1974

Buenos Aires, 17 de abril de 1974
Sr. D. Francisco Fernández Del Riego
Vigo

Meu querido amigo:
Recibín fai xa uns vinte días a tua carta. Agradézoche a reseña que ides facer dos meus álbumes derradeiros; e, no que se refire ó artigo de Corredor Matheos, o crítico de arte de Barcelona, apareceu no nº 27, Novembro do 73 en Bellas Artes 73 e teno Isaac en Sargadelos. Penso que é importante non soio pola autoridade que ten pola sua laboura de historiador de arte e crítico en Barcelona e Madride, senón tamén polo xeito de “situarme” en relación co arte galego e peninsuar. Podes pedirlle a Isaac que te remita unha fotocopia. Él remitíuma a mín. En canto ó “noso novo Curros” como o calificaron, refírome a C. E. F., non me preocupa moito o que escribíu. Proba o seu resentimento. Primeiro penséi en escribir un pequeno artigo referíndome ós seus romances de guerra, o que podería probar a sua precedencia, senón fose que ó mesmo tempo pubriquéi, en publicaciós galegas deiquí, algúns poemas referidos a Bóveda, a unha cubana da Cruña, etc., que non citei nunca e que quedan esquecidos. Gostaríame, eso sí, que pubricásedes o estudo que fixo Luz Pozo Garza, que a mín, aparte do agasallo que supón, paréceme un bon intento de facer unha cousa seria. Aledoume moito que se venda, aínda que sexa de a pouco, Comunicacións mesturadas. Preparo o segundo tomo que levaréi conmigo cando volte a esa. En canto ó libro sobre Maside teño moitas notas tomadas e refírense a Maside e tamén á nosa época compostelán. Vai ser encol do dibuxo social e grabados de Maside e ten de ser un traballo preliminar do gran libro que se faga mais tarde. Non teño mais que poñerme a escribilo defiñitivamente, prácticamente está feito.
Aledounos a todos moito o éxito da reedición do libro de narraciós en castelán de Dieste, é un grande libro. Leín as críticas do A.B.C., Informaciones, La Vanguardia, e as duas páxinas que lle adicáchedes en La Voz. Góstame moito que en xeral tivesen os críticos fixado a sua atención no aporte que Galicia fai á literatura española, o galeguismo que aportan obligados como están a escribir en castelán pra poder vivir do seu oficio de escritores.
O que me pon nunha situación difícil é Carballo Calero o ter aceptado vir no mes de Xulio. Trataréi de velo, mais non acudiréi a nengún dos actos que faga no Centro Galego, pois fai anos que non vou a ningún e nada me fará cambear. Por ahí debe de andar Castro Couso que non ten interés algún como dibuxante e pintor e que é un “servidor” de Valentín Fernández. A miña proposta de becas feita fai anos rematóu nesta que lla diron a un que non pode aproveitala.
A quen se ve moi mal é a Emilio Pita. Pergúntome polo seu libro e díxenlle que pensábades publicalo. ¿Por qué non o facedes?. É un libro pequeno e de un home como Pita a quen Galicia débelle moito polo seu traballo arreo encol déla. Ten unha arterioesclerosis moi avanzada.
Apertas pra os dous, Evelina e tí de Maruja e miñas:
Seoane

[Escrito a man na marxe superior dereita:] Montevideo, 1985-13º-Dpto. 68