PROXECTO EPÍSTOLAS

----

16 MENCIóNS A Fernando Dónega

Fillo de Marino Dónega Rozas e de Fernanda Sández Figueiras.
Epístolas
Mencionado/a [16]
Data Relación Remitente - Destinatario Orixe Destino [ O. ] [ T. ]
Data Relación Remitente - Destinatario Orixe Destino [ O. ] [ T. ]
1974-01-15 Mencionado/a
Carta de Seoane a Dónega. 1974
Bos Aires
A Coruña
Orixinal Transcrición

Transcripción da epistola Carta de Seoane a Dónega. 1974 en 15/01/1974



Buenos Aires, 15 de Xaneiro de 1974

Sr.
D. Marino Dónega Rozas
La Coruña

Meu querido amigo:

Agradézoche moito as tuas verbas de pésame con motivo do pasamento da miña nai. Pasaron xa algunhas semáns e aínda me atopo confuso e depresivo, sin ganas de facer ren. Un non sabe é un misterio, que fío segredo xungue un fillo a unha nai, de que xeito a desaparición de un dos dous afecta ó outro. Pasaron os días e un sorpréndese matinando no que perdéu, e, como de súbito, o tempo adiantóuse a un para ocupar nél o lugar da nai, dos pais. A un envelléceo a morte que o rodea, e moito máis si é a de aqueles que un mais quere, mais próisima a un. Agradézoche moito as tuas verbas.
Xa estóu reposto do accidente. Xa non uso o bastón e ando normalmente. No sei nada do pleito do auto, si se arranxaron ou continúa. Tampouco sei si se vendéu. Si me escribes fálame algo de esto. Coida que eu son un cliente malo mais que non aconsella os seus abogados.
Unha garimosa e grande aperta para Fernando, Fernando e pra tí de:

1974-03-20 Mencionado/a
Carta de Dónega a Luís e Maruxa Seoane. 1974
A Coruña
Bos Aires
Orixinal Transcrición

Transcripción da epistola Carta de Dónega a Luís e Maruxa Seoane. 1974 en 20/03/1974



A Cruña, 20 de marzo 1974
Maruxa e Luis Seoane
Buenos Aires

Amigos nosos benqueridos:

Podemos, ao fin, darvos noticias encol das actuacións xudiciáis verbo do accidente automovilístico que derradeiramente padecéchedes nos Cantóns. As cousas van, como veredes, amodiño. A rapidez na xustiza non deixa de ser unha aspiración coma outra calquera. Polo Xuzgado militar dictóuse auto de inculpación en contra do autor da tropelía. Quen, pola súa parte, consideróuse como tal na declaración que prestóu. Agora pende o choio da xustificación do montante dos danos. E xa lle encarguei ao Procurador que se fixera coas facturas referentes ao arranxo do “carro”. Do malfadado carro.
Pola súa banda, o Xosé Luis fíxome saber da venta do coche. O que non conocemos –porque non era cousa nosa– foi o precio, o nome do comprador nin as demais condicións da compraventa. Máis díxonos que xa vos tiña informados da operación.
Onte estivemos tomando o aperitivo co matrimonio Dieste. O Rafael estávos encantado da vida coa formidable acollida que tivo o seu Félix Muriel na súa segunda saída ao mundo. Tanto no público lector como nos xornáis e revistas. Pra moitos foi –fixádevos ben– unha revelación. Supoño que coñeceredes as dúas páxinas que argallamos na Voz. Levaban reproducidos dous dibuxos da edición americán. Falamos moito, e ben, de vosoutros. O Rafael díxonos que, por rara casualidade, era acreedor de carta vosa. Pra compensar, dixémoslle que nós, en troques, eramos deudores.
O problema do noso amigo, vai indo. E, asegún noticias oficiosas, a proba pericial –minuciosa e detida, exhaustiva– serálle favorable. Así, Diolo queira, polo ben de todos. E meigas fóra. Un destes días propoñémonos facer unha viaxata sargadelián como cicerones duns amigos de fora. E poderemos conocer o seu talante actual. Aínda que o desacougo é nel unha constante, que apenas deixa márxe ás sorpresas.
Presentóusenos unha ocasión pra facer un viaxe a Buenos Aires. Máis, co corazón magoado, refugámola. Sería pra nós unha ilusión fantástica abrazarvos sorpresivamente en Montevideo, 1985. Nembargantes, unha manchea de circunstancias aconsellaron a nosa dolorosa decisión. Xa volas faceremos saber, porque agora sería longo de verquelas ao papel.
A nosa vida vai camiñando paseniñamente polos vieiros dunha cotianidade resabida. Como única novedade, contamos co fin da carreira do noso fillo e coa súa estadía en Sevilla servindo ao Rei. Destinárono, como sarxento da Milicia universitaria, a un grupo de carros de combate. Está, logo, a facer un servicio lúdico. Quérese decir, xogando como cando de neno brincaba cos cocheciños de choque no Relleno.
Confiadamente ficamos na espera de boas noticias vosas. E namentras, recibide cinguidas apertas de nólos dous pra vólos dous.

Dónega

[Manuscrito] Nos acordamos mucho de vosotros y pensamos mucho en la cocina de Maruja.
Muchos abrazos

Fernanda

1974-04-26 Mencionado/a
Carta de Seoane a Dónega. 1974
Bos Aires
A Coruña
Orixinal Transcrición

Transcripción da epistola Carta de Seoane a Dónega. 1974 en 26/04/1974





Buenos Aires, 26 de Abril de 1974


Sr. D. Marino Dónega Rozas
A Coruña

Querido Dónega:

Recibín fai xa días a tua carta. Pola miña parte deixo nas tuas mans o arranxamento do asunto do Museo. Isaac coñece o meu pensamento nunha carta que lle remitín. Eu estou farto de todo esto. O que tí propós de deixar sin efecto o acordo de Cerámicas do Castro, tíñallo proposto a Isaac. Matino que é urxente crear o Patronato que de algún xeito interveña en todo esto. Unha laboura como é a de un Museo non pode ficar suxeta a ningunha vontade persoal. O museo é ó meu xuicio, unha das creaciós mais importantes, co Seminario denantes, con Galaxia, Penzol e Sargadelos hoxe, feitas en Galicia en moito tempo, matinando as facetas culturaes que pode abarcar, un xeito enmáis de impoñer un orden ó pasado inmediato artístico e de estabelecer un cauce, sen cánones, á creación futura, ourentada pola laboura que realice o Museo.
Agradézoche moito o teu traballo no “pleito” en que nos metemos que tivo sido remate do accidente. Eu estou traballando pra as mostras de Buenos Aires, Montevideo e San Pablo, a derradeira ten de se concretar.
Paréceme moi atinada a proposta de Mariñas del Valle pra a Academia. Fai falla que a xente que se leve as instituciós tivesen probado ser merecentes delo pola sua obra, e, enmáis pola sua consagración a Galicia nos anos de proba, que foron todos os derradeiros.
Lembrámonos moito de vos, de Fernanda e tí, e dos amigos comúns que estiveron con nós, acompañándonos, os dous meses do accidente. A actitude de todos vos, ós que estamos moi agradecidos, fixo que ficásemos con desexos de voltar. Eu estaba anímicamente desfeito polos asuntos que ti coñeces. Bueno, as miñas noticias cecáis chegan tarde, mais penso que ti coñeces o meu pensamento como o coñece de fai tempo Isaac. Pola miña parte sinto moito terme metido no asunto do museo sacrificando enmáis unha chea de obras que conservéi durante mais de coarenta anos co soño de facelo, tendo pola miña parte, o éisito que esperaba pola axuda dos amigos que siguen sendo o millor de Galicia.
Unha grande aperta pra os tres de Maruja e miña, pra Fernanda, tí e mais Fernando:

1974-05-23 Mencionado/a
Carta de Seoane a Dónega. 1974
Bos Aires
A Coruña
Orixinal Transcrición

Transcripción da epistola Carta de Seoane a Dónega. 1974 en 23/05/1974





Buenos Aires, 23 de Mayo de 1974

Sr. D. Marino Dónega Rozas
A Coruña

Meu querido Dónega:

Débesme carta, mais hoxe escríboche pra te pedir que inicies os trámites referintes á legalización do Museo si non o iniciaches xa. Recibín unha carta de Isaac onde me fala do pleito do Castro e ó remate refírese a que non estaría de mais que eu che escribise encol deses trámites. Matinaba, pola miña parte, telo feito xa. É moi importante a legalización do Museo e a desiñación do Patronato. Feito esto e o edificio teño moitos plans pra o futuro que serán moi útiles a Galicia, e de feito a Coruña e a todo o radio que vai de Santiago ó Ferrol, dos que xa falaremos cando regrese. E cuasi seguro que voltemos a fins deste ano, despóis de liberarme dos compromisos contraídos nesta, e fora xa o pleito que ti levaches cuio resultado nos alivióu, e mais aliviados estaríamos si soupésemos que non lle pasóu nada ó soldado, únicamente algunha amonestación por eso de defender a moral, algo que, xa se sabe, ten de facer un soldado.
Gostaríame tamén saber, si me contestas, si os dibuxos que estóu mandando deiquí siguen intresando ás xentes. Sei que a Pillado sí, mais gostaríamos coñecer a tua opinión.
Hoxe ren mais. Recibide Fernanda e tí, e Fernando, unha aperta moi garimosa de Maruja e miña.

1974-06-10 Mencionado/a
Carta de Dónega a Seoane. 1974
A Coruña
Bos Aires
Orixinal Transcrición

Transcripción da epistola Carta de Dónega a Seoane. 1974 en 10/06/1974




A Cruña, 10.6.74

Luis Seoane
Bs. As.

Meu querido e ademirado Seoane:

Contesto a tua do 23 do mes pasado. Debíache carta, sí. Ben vexo que levas unha boa contabilidade. Mais non o fixen denantes por mor dunha viaxata que argallamos polas terras do Al-Andalus pra lle facer unha visita ao noso fillo. E, xa sabes, entre o previaxe, o viaxe e o postviaxe ficóu todo demorado. Pasámolo mo ben. Impresionounos, especialmente, Córdoba. Alí batemos con vellos e conocidos amigos. Séneca, Averroes, Ibn Hassam, Maimónides, Góngora, Duque de Rivas e... mesmo Manolete, deixámolos, previo o conocemento abstracto que deles tiñamos, cáseque vivencialmente incorporados a nós. E Granada, Motril, Málaga, Ronda, Arcos, Sevilla, Cádiz, Huelva, Rábida, Palos, Moguer, pra voltar por Itálica, Mérida, Trujillo, Cáceres, Yuste, Guadalupe, Plasencia, Salamanca e Zamora. Como verás, polos camiños da millor historia galega. Porque xa sabemos, –tí nolo dixeches– que sempre haberá un paisán noso remexendo nos feitos que aqueles nomes evocan. E, claro está, non deixamos de lembrarte ao noso paso pola serranía xienense, afogada a súa soedade e desertización polos colonos galegos e cataláns –e alemáns católicos– asentados no XVIII por Carlos III nas vellas “Nuevas poblaciones...” Mais, vaiamos ao noso.
Fai xa máis de vinte días que fixen entrega ao noso amigo do anteproiecto dos Estatutos polos que se ha gobernar a nova Fundación. Entreguéillo pra que fixera nél as observacións que a ben tivera. Estóu en agarda das mesmas. Polo de pronto, vexo que do tidúo desaparez o nome de Castelao. Que era, si mal non recordo, idea túa incorporalo ao nome da Fundación. Tan axiña teña algunha nova verbo do choio, faréicha saber. Deica o de agora somentes falou de comenencia de estudar a incorporación ao Consello ou Padroado da Fundación dun representante dunha nonnata asociación de “Amigos” que, naturalmente, habería que constituír. Ben se ve que a simplicidade, que a sinxeleza e que a esencialidade non entran no canón estético e social do noso amigo. A impronta do seu delirante barroquismo fica sempre ben patente onde queira que toque. Con todo, téñolle lei.
O Día das Letras foi un éisito. Tivo moi boa acollida tanto nos medios populares como nos culturais e nos de comunicación social. Semella que é festa que callóu na concencia do país. O nome de Viqueira, cáseque esquecido, foi unha revelación pra moitos.
Tamén estivemos en Padrón co gallo da imposición a Álvaro Gil desa trapallada do Pedrón de Ouro. Vímonos amigos de toda Galicia. O Álvaro estivo algo amolado coa “festa”, mais non a puido refugar. Seica foi presionado por compromisos que non foi quen de vencer. O Isaac lanzou, no nome do Museo Maside, unha fermosa medalla conmemorativa. O etnógrafo portugués Santos Junior foi o mantedor do acto. E no xantar, en Rois, falou don Ramón Otero.
E pra rematar, queremos que seipades da nosa ledicia pola noticia do voso próisimo viaxe á Terra. Entramentras, de nolos dous pra volos dous, cinguidas apertas

Dónega

1976-04-11 Mencionado/a
Carta de Seoane a Dónega. 1976
Bos Aires
A Coruña
Orixinal Transcrición

Transcripción da epistola Carta de Seoane a Dónega. 1976 en 11/04/1976

Buenos Aires, 11 de abril de 1976

Sr. D. Marino Dónega Rozas
La Coruña

Meu querido amigo:

Non sabemos nada de vos, Fernanda, Fernando e tí. Escribín en Xaneiro dándovos noticias da nosa chegada e agradecéndovos as vosas atenciós e non recibimos resposta. Pasaron xa algo mais de dous meses e queremos que nos digades como estades, que proieitos tedes, etc. De aquí xa sabedes todo polas noticias dos xornaes. Botaron fora un goberno de delincuentes comúns, de gansters, e de momento os novos levan soio vinte días, respírase paz e traballo. Os que chegaron prometeron voltar pronto á normalidade. Imos ver. De momento, respetan a Constitución.

Buenos Aires está como sempre, inquedo no orde cultural, moito teatro, cine, café-concerts, etc., añadíndolle os domingos os programas para os nenos, arredor de trinta, con cine, teatro e títeres para eles, enmais de concerto, dous ou tres para nenos e neste caso tamén para adolescentes co propósito de inicialos no amor á música. Hoxe é domingo por eso falo desto. Poucas cidades teñen tantos espectáculos adicados á infancia. Mais, como xa deixamos por desgracia de ser nenos e estamos fartos de traballar ao ritmo que esixe Buenos Aires, gostaríanos voltar novamente á Coruña. Este ano teño cinco exposicións de óleos, grabados, o que siñifica facer unhas cen obras novas, e ten de sair, casi seguro, un Bestiario do poeta Alberto Girri con grabados meus en unha edición de luxo. Todo ¿para que? Non teño ganas de facer exposicións, mais teño que facelas. Fago unha vida pechado na casa, no meu estudo, e ás vegadas, vexo dende a fiestra o Rio da Plata, violeta, ou coor de lama, ou imitando a coor do mar, según lle de. Saímos pouco, cuasi soio a casa de amigos. Lembrámonos moito dos amigos de ahí, das reunións que con vos, Domingo, Piñeiro, etc. Para mín foi unha grande alegría a reunión derradeira na casa de Domingo con motivo do homenaxe a Del Riego. É a derradeira visión leda que lembro de Galicia neste viaxe.

Esto é todo hoxe. A tí, Dónega, prégoche ocuparte do Museo. Ten que ser unha obra de todos nos. Ponte de acordo con Isaac para tratar de arranxar os problemas que poda ter. Non se lle pode deixar soio. Agora non é cousa dél e miña, ten de sere do Patronato. Matinade que o Museo pode ser un centro de expansión cultural extraordinario. Non temos de perder esta oportunidade.

A Pillado remitinlle un artigo encol de “Los Precursores” no seu aspecto gráfico. Non sei si o publicou. Gostoume a reedición que fixo Santiago.

Repito, esto é todo hoxe. Escribide.

Unha aperta fonda para os tres, si Fernando o permite estendédea a sua moza. Saúde:

1976-09-16 Mencionado/a
Carta de Seoane a Dónega. 1976
Bos Aires
A Coruña
Orixinal Transcrición

Transcripción da epistola Carta de Seoane a Dónega. 1976 en 16/09/1976

Buenos Aires, 16 de setembro de 1976

Sr. D. Marino Dónega Rozas
A Coruña

Querido Dónega:

Recibín as tuas cartas, a derradeira con motivo do pasamento de Emilio que agradecemos moito e cando nos dispoñíamos a acompañarvos no voso sentimento polo pasamento da vosa cuñada. Mais non queremos falar, nin escribir desto. Estamos vivindo un clima proclive, dende fai moitos meses, a este tipo de angurias, sofrimentos. Eu refúxiome no traballo e na soedade. Nunca fixen as exposicións, en cantidade, que aceptei para este ano, xa fixen duas en Buenos Aires, quédame unha pra fin de ano. Inauguro o sábado vindeiro en Tucumán, en Outubro expoño en Rosario e en Decembro ou Xaneiro en Mar del Plata. A Galicia iremos no derradeiro mes de ano. Fixen moitos grabados, algúns deles para un Bestiario que sale conxuntamente con poemas de un gran poeta arxentino, Alberto Girri, etc. Leo bastante e vexo as películas policiales e as do Oeste por Televisión. Cavilo que eu, que endexamais xuguei a nada, gostaríame agora xogar a algún[s] xogos onde homes e mulleres consumen as horas e o inxenio, o tresillo, a canasta, as cartas, etc. Posibelmente en moitos éste é un síntoma de vellez. No meu caso é a necesidade de fuxir da realidade. Xa os espectáculos que un mais quere, cine, teatro, non nos fan fuxir dela, senón que a subraian e mostran, na maioría dos casos, a nosa impotencia individual para superala. Estou desmentindo a miña vida. Non me arrepinto dela. Mais é que un comenzou moi novo a querer cambear a realidade que vivíu e cree ten dereito a sentirse canso. Na Coruña un síntese moi ben entre os amigos que temos nos que contades vos como dos mais entrañabels. Lástima que a vida de un trócanlla o primeiro periodista que lle fai unha entrevista, como ocurre coa que fixo Freixanes. Nin na miña casa teño un sillón de bimbios dende onde falo, nin atopei o galeguismo en Buenos Aires, nin a muller que pintei con un cartel no peito era unha nai que teño ido (sic) a Xinebra a visitar ao seu fillo, senón unha traballadora analfabeta que iba á sua aldea de Ourense de vacacións, e puxéronlle o cartel adevertindo que non falaba francés, italiano e alemán e que era analfabeta para que a axudasen, etc. Fun abogado na Coruña, como ti sabes ben, e non de calquer modo desafortunado. Citei sempre a Laxeiro e non a Colmeiro como dibuxante importante. Meu pai non me mandou a estudar a Coruña, a escola, senón que vivía de neno cos meus pais na Coruña, meu pai nunca foi tendeiro e non foi home de moitos suores, nin me foron a esperar a Labacolla os amigos que dí, senón outros, e esto no 49 en Vigo, e non viñamos de Roma senón de Londres. Citei moito a Dieste, nome do que prescinde ao facer a nómina de intelectuales en Buenos Aires, etc. Mais o importante é o que se refire á emigración, pois non soupo recoller o que dixen con respecto a ela. Eu non defendín os canalles (sic) e menos os ricos soberbosos, etc., senón aos emigrantes na sua totalidade, algo que Celso Emilio e parece que tamén Blanco Amor non entenderon. Cando unha multitude emigra non son intelectuales os que influien no país que os recibe senón esa enorme masa que se desplaza. Ao país onde veñen a residir déixanlle costumes, virtudes, defectos, aspectos da sua cultura herdada, que proban seu paso por él, influíndo. E a Galicia, no caso dos galegos, remítenlle o que poden, fundacións no pasado, camiños, escolas, asociacións, e sempre, deica o 36, axuda económica. Os intelectuales influien de outro xeito. Nos herdamos moito como pobo de aqueles distintos que emigraron a Galicia, celtas, romanos, suevos, etc., e non viñeron a deixarnos nada os seus intelectuales. O dereito román nono trouxeron os xurisconsultos de Roma ou de Bizancio, en troques os soldados trouxéronos moito do que aínda somos o mesmo que os celtas e suevos, fadas, leendas, etc. A xenreira venlles con seguridade de ter querido ser tutores dos emigrantes. Eu non fun nunca tutor de ningúen. Fun empleado deles cando dirixín a revista do Centro Galego e fixen o mais que puden como empleado o outro fíxeno como galeguista, e así como en Galicia non fun amigo dos comerciantes de ultramarinos, por poñer un exemplo, tampouco o fun na emigración cos novos ricos, comerciantes, etc., galegos. Aos homes que coñecín estimeinos primeiro como homes sen me preocupar si eran ricos ou probes. Polo demais as miñas amistades tiveron sempre que ver coas miñas inquedanzas e non ten que ver con esto a nacionalidade. Cecáis escriba con tempo un ensaio encol dos emigrantes. Freixanes non acertou conmigo nin tampouco entendeu o problema dos emigrantes. Creo que xa din moito a lata. Perdoame e comprende.

Unha grande aperta para Fernanda, para tí, teu fillo, Milagro, etc., de Maruxa e miña:

1976-10-01 Mencionado/a
Carta de Dónega a Seoane. 1976
A Coruña
Bos Aires
Orixinal Transcrición

Transcripción da epistola Carta de Dónega a Seoane. 1976 en 01/10/1976

A Cruña, 1º.X.76

Luis Seoane
Buenos Aires

Meu amigo:

Comprendo. A túa non é canseira, non; é sabiduría vital. Na mocedade todo é pulo, puro e simple, no medio dunha sinxela e parva realidade. Mais co tempo, váise ún decatando da endiañada complexidade desa realidade. Vai ún conocendo, eso sí, verdades parciais ou, si se quer, anaquiños daquela realidade. E así cadaquén. Logo, necesariamente, imos perdendo dogmatismo ao comprender que, cando menos neste mundo, nunca saberemos da verdade absoluta, de la misa a la media. E facémonos liberáis. Comprendemos aos demáis, e aspiramos, simplemente, a que os demáis nos comprendan. Facémonos, en suma, comprensivos. Mesmo tamén cos xogadores de cartas. Eso é todo.

Claro que logo veñen os periodistas e non nos comprenden. Ou non nos facemos comprender. Vai ti a saber. Pero debemos tamén ser comprensivos. Non todos van se uns Eckermans a falar cuns Goethes. Porque, en definitiva, o importante, o verdadeiramente importante, é a obra que cadaquén deixe tras de sí. E a túa, Luis, é xigantesca, ciclópea. E pra sempre ficará chantada na memoria de Galicia. E aínda máis: na memoria do universo mundo. Fíxate tí si podes, ou non, ser comprensivo con canta burra peideira ande ceibe pola bouza da vida.
A vosa carta tróuxonos candia sí unha triple ledicia: a de sabéremos que estades ben, a de conocéremos da vosa farturenta obra, e a de comprobáremos que axiña estaredes connosco. Como chegaredes na forza do inverno, cuidaréi de non vos perder o paraguas que me deixáchedes. Milagrosamente aínda vai candia min nos dias de choiva. Que, pra desgracia do noso país, non son moitos.

E sin máis por hoxe, unha cinguida aperta de nós os catro –Milagro tamén entra no afecto– pra vos os dous.

Dónega

1976-10-15 Mencionado/a
Carta de Seoane a Dónega. 1976
Bos Aires
A Coruña
Orixinal Transcrición

Transcripción da epistola Carta de Seoane a Dónega. 1976 en 15/10/1976

Buenos Aires, 15 de outubro de 1976

Sr. D. Marino Dónega
A Coruña

Querido Dónega:

Recibín a tua carta e estou de acordo con casi toda ela menos co que se refire á miña obra. Toda ela non é mais que un intento de expresarme, de afirmar a miña existencia no mundo, e trátase de un mundo que existe, é real, ou polo menos é real en min, que é un xeito de ser real. Son comprensivo, sempre o fun, como sempre fun liberal, con un liberalismo que non é deste mundo, mais tamén sempre odiei aos tortos de intención, aos conscentemente, calculadamente, desaprensivos; aos demagogos, etc. Por esto loitei, o mais dos seus anos, soio, de acordo coa “inmensa minoría” como escribíu Juan Ramón. Pertenezo a un pasado do que me exiliei e teño medo de comenzar a esquecer algúns sentimentos que teño matinados moi firmes en min. Inventáronse, fai algúns anos as separacións no terreo das ideas, por xeneracións, e as mais mozas están perdendo todo o que tiñamos perdido nos fai coarenta anos. Repiten a historia. As xeneracións anteriores non contan, como non contan os vellos. Nos aínda creíamos néstes, un pouco menos cecáis que os nosos pais. E posible que nun deses ciclos en que se repite a historia, os fillos volten a comerse aos pais co pretexto de herdar as virtudes déstes. Un pretexto hipócrita que serviu pra non axudalos na súa decrepitude. Naturalmente, non serán así todolos fillos. Endexamáis existe unanimidade nos propósitos dos homes, neste caso por fortuna para os vellos pais. Mais a realidade en canto a min é que son para sempre, casi con seguridade, emigrante dun país extraño, soñado mais que vivido. Emigrante dun pasado moi lonxano, de fai coarenta anos. Un sobrevivinte que aínda traballa. Marcharei de aquí con duas exposicións abertas, unha en Mar del Plata e outra mais en Buenos Aires, a derradeira con oleos moi pequenos, paxaros e testas, e acuarelas de viaxes. Expuxen en Tucumán, unha cidade culturalmente moi importante, con unha gran Universidade pola calidade do seu profesorado, onde estivo tamén de profesor Tovar, Corominas o matemático, etc., entre os profesores españoles.

Moi pronto estaremos con vosco na Coruña, nos derradeiros días, matinamos, de Decembro ou nos primeiros de Xaneiro.

Unha grande aperta moi garimosa de Maruxa e miña para vos os catro, incluíndo a Milagro:

1978-02-08 Mencionado/a
Carta de Seoane a Dónega. 1978
Bos Aires
A Coruña
Orixinal Transcrición

Transcripción da epistola Carta de Seoane a Dónega. 1978 en 08/02/1978

Buenos Aires, 8 de Febreiro de 1978


Sr. D. Marino Dónega Rozas
A Coruña

Querido Dónega:

Fai uns días escribínche unhas letras de presentación de un médico mozo, Martín Baudizzone, para que ourentases no seu paso por A Coruña e o levásedes, si podíades, a Sobrado. Cecáis constituía esta petición un abuso meu, mais non sei a quen recurrir nestes casos que teña o (sic) teñan a vosa simpatía e amabilidade.

Chegamos eiquí o día 2 de xaneiro, eu con unha gripe moi forte collida en Madride, é esta unha cidade que me enferma, e pasei bastantes días con ela en Buenos Aires. Por agora estou pasando o período de adaptación previo ao meu traballo, aínda que fun facendo algunhas cousas, moi poucas. O vrau decorre como sempre nesta cidade, calor, baixa presión, fresco, choiva, trebóns, alagamentos, grandes ventos, todo alternando ás vegadas nun soio día. Cheguei a tempo para a inauguración de unha mostra de coarenta e cinco grabados meus no Museo de Arte Contemporáneo, propiedade do Museo. Esto é todo no que se refire a este mes que pasou. En canto á casa atopámola como a deixamos, con unha chea de cartas sobor da taboa, e, entre elas, unha do mes de marzal de 1977 de un Museo de Milán, invitándome a unha exposición. Contéstoa estos días non aceptando, agradecéndoa, síntome canso e pensamos continuar dividindo, mentras poidamos, os nosos anos entre esta cidade e Galicia. Cecáis algún día teñamos que decidir.

Recibín unha carta moi eloxiosa de Peregrín Otero con motivo do tomo Obra poética que lle remitín xuntamente cos álbumes que fixen nesa. Agradézolla moito. Non sei nada da preautonomía en Galicia, nin quen constituie a Xunta. Gostaríame me contases algo de todo esto. Unha carta leva menos tempo que un escrito, escríbeme.

Remato con unha aperta moi forte de Maruja e miña para vos os catro, incluio a Milagro e Fernando:

1978-03-07 Mencionado/a
Carta de Dónega a Luís e Maruxa Seoane. 1978
A Coruña
Bos Aires
Orixinal Transcrición

Transcripción da epistola Carta de Dónega a Luís e Maruxa Seoane. 1978 en 07/03/1978

A Coruña, 7.III.1978

Maruxa e Luis
Buenos Aires

Queridísimos amigos:

Ao fin, soupemos de vós. Tiñámos noticias indirectas, via Paris, verbo dunha perturbación na saúde de Luis. E preocupámonos. Logo enterámonos de que a cousa non fora seria. E tranquilizámonos. Despois xa nada nos extrañóu a vosa tardanza porque sabíamos do mes que precisades pra vos readapar á vida porteña.

Nós, coma sempre. Fernanda, a todo gas, correndo, bulindo, ordenando, mandando, conducindo, traballando, xestionando e aconsellando sin acougo. Agora quéixase dunhas sístoles e diástoles camiñando ao par dela velozmente, atoladamente, axeitadamente, intermitentemente. Eu non séi que vai ser da miña Fernanda con tanto trafego. O Fernando, cabaleiro namorado, clásico e fillo, neto e bizneto de burgueses, prestando os seus servicios profesionáis a un sindicato obreiro, correa de transmisión –como agora se dí– dun partido político á esquerda do PC. Cousas da vida. E eu, atufado polo bufete e máis polo García Sabell na Academia sin esquecer aos acreedores da Corporación, que andan atrás miña, como tesoureiro, para cobrar.

Falando da Academia, ingresaron nela coa lectura dos seus discursos Eduardo Moreiras (poesía e realidade), Valentin Paz Andrade (o idioma galego no Brasil) e Xenaro Mariñas del Valle (público e teatro). Contestamos, respectivamente, del Riego, Cunqueiro e máis eu. Foron uns belidos discursos, aínda que o Valentin dóunos a murga cunha mala lectura, debida, sin dúbida, polos seus atrancos visuais.
Da nosa preautonomía, nada. O Goberno pisou o freno, paróu o choio e semella virar á dereita. Con todo, vénse observando nestes ultimos dias unha tímida actividade nos partidos políticos galegos, e unha lixeira presión dos parlamentarios sobre o Goberno. Veremos. A min o tema xa me ten aburrido.

O Isaac, como de costume. Quérese decir, argallando. Sigue ás voltas co xornal, coa apertura da tenda de Sargadelos en Santiago, e coas obras do edificio que ha albergar provisionalmente ao Museo. E coa teima iglesiascorrialán. O Rafael Dieste, estupendo. Perfecta, intelixentemente adaptado á súa perda visual, está máis falangueiro que nunca e xeneroso na comunicación dos seus saberes aos demáis. Eu xa lle digo que vou levar un magnetófono disimulado candia min para cando el morra editar libros co meu nome e as súas ideas. Ríse e dí que non estaría mal.

Estou arranxando as miñas cousas para unha viaxata a Salamanca, onde o del Riego, o Baliñas e mais eu estamos invitados –días 16, 17, 18 e 19– a un coloquio sobor La convivencia de culturas en la península Ibérica. Asistirán intelectuáis portugueses, cataláns, vascos e casteláns.
Levamos un inverno bravo. Frio e auga a esgalla. E vós, tan ricamente, coas vosas idas e vidas, vivindo nun perpétuo vran. Así calquera.
Cinguidísimas apertas de nós os catro pra vós os dous.

Dónega

1978-04-05 Mencionado/a
Carta de Seoane a Dónega. 1978
Bos Aires
A Coruña
Orixinal Transcrición

Transcripción da epistola Carta de Seoane a Dónega. 1978 en 05/04/1978

Buenos Aires, 5 de Abril de 1978

Sr. D. Marino Dónega
A Coruña

Querido Dónega:

Recibimos a tua carta do 7 de Marzal. Enchéunos de contento o recibila, e de ter noticias vosas e de algúns amigos. Nos estamos preguiceiros para escribir cartas e xa matinamos con ledicia nas respostas que recibiremos con novas noticias. Alegréime moito do ingreso dos novos académicos, pois os tres, por distintas razóns, merecen a designación. Tiven noticias da designación de Rosón para Presidente da Xunta de Galicia e perdín xa calquer clase de fe no porvir desta. Sempre pensei que os parlamentarios galegos, por moi romos que fosen, serían capaces de xunguirse para designar unha persoalidade do seu país. García Sabell ou Ramón Piñeiro tiñan de ser, ó meu xuicio, os candidatos mais claros, entre os poucos que pode contar a Galicia de hoxe, con unha conducta de moitos anos ao servicio dos ideales galeguistas. Alegreime tamén da noticia de que de vez en cando ves a Dieste, tan xenerosamente comunicativo do seu grande talento e intuición. Cando chegou a Buenos Aires deslumbróu ao público dunha sociedade cultural de aqueles anos, polo 1939 ou 1940, coas suas conferencias encol de Velázquez e Edgar Poe. O análisis da pintura de un e o desmiuzamento de técnica narrativa de Poe, foi extraordinaria. Causou sorpresa, como anos mais tarde a que pronuncióu encol da laboura das Misións Pedagóxicas durante os anos da República. Dieste é un dos mais grandes exemplos do inxenio galego, e, tamén o é da disipación dese talento en conversas con amigos e tertulias. Moita xente débelle moito. Moitos que hoxe trunfan en Madrid ou en México, ou en Buenos Aires. Un dos seus grandes méritos é a xenerosidade. Estimulóu a moita xente para que escribisen ou pintasen. Débenlle moito os pintores, mais tamén bastante os escritores dos que foi amigo.

De Isaac non sei nada dende fai un mes aproximadamente. Debe estar moi ocupado. Eu estou matinando publicar unha nova revista semestral, Cuco Rei que siga a de seis páxinas feita xa fai moito.

Cóntame do viaxe a Salamanca e dime si pode haber convivencia en España de culturas.

Unha gran aperta para Fernanda, Milagro e Fernando, e para tí de Maruxa e miña:

1978-04-25 Mencionado/a
Carta de Seoane a Dónega. 1978
Bos Aires
A Coruña
Orixinal Transcrición

Transcripción da epistola Carta de Seoane a Dónega. 1978 en 25/04/1978

Buenos Aires, 25 de Abril de 1978

D. Marino Dónega
A Coruña

Querido Dónega:

Rematamos, fai uns intres, de falar con Fernanda por teléfono. Enchéunos de contento a tua designación e desexábamos felicitarte. Onte recibimos a tua carta e facía dous ou tres dias uns recortes de xornaes que me remitíu Piñeiro. Mais, tiñamos que sabelo de outro xeito e recibimos a tua carta. Non temos que decirche da nosa emoción e contento porque tí, un galeguista, integres a Xunta de Galicia. É como un soño que recobrásemos do 1936. É como un soño que haxa ao fin un galeguista nunha Xunta en que tí soio, ao meu parecer, entre todos os que a compoñen, merece en xusticia formar parte dela. Non está, teño entendido, Domingo, nin foi designado Presidente, como algúns eiquí agardábamos, Piñeiro, nin coñezo aos designados polas outras diputacións. Ti, pois, representas lexítimamente a todos nos, os que durante coarenta anos, dentro ou fora da terra, con pasaporte español ou sin él, fixemos o que poidemos por Galicia, soñando con ela, padecendo con ela, traballando por ela e sendo sempre leales aos grandes homes da nosa historia e á nosa historia. Como eu, estarían hoxe moi ledos, os desaparecidos fai anos ahí e fora desa, os Vilar Ponte, Plácido Castro, Castelao, Casal, os dous Picallo, etc., todolos irmáns esquecidos, soio lembrados por nos.

Onte decíamoslle a Fernanda deste sentimento, desta emoción, como xa dixen. Chegas ao cárrego por méritos dabondo, por ter mantido unha conducta honesta, intelixente e patriota dos vellos galeguistas. Sentimos moito non estar ahí para ter celebrado contigo e os poucos irmáns que quedan de outros tempos, probados de moitos xeitos polas circunstancias que vivimos, a integración tua na Xunta de Galicia.
Non quero decirche, hoxe, mais. Escribe. Unha aperta moi fonda de Maruxa e miña para cada un de todos vos, Fernanda, Fernando, Milagro e tí, e os agoiros para tí no teu cárrego. Repito, escribe.

1978-07-04 Mencionado/a
Carta de Seoane a Dónega. 1978
Bos Aires
A Coruña
Orixinal Transcrición

Transcripción da epistola Carta de Seoane a Dónega. 1978 en 04/07/1978

Buenos Aires, 4 de Xulio de 1978

Sr. D. Marino Dónega Rozas
A Coruña

Querido Dónega:

Recibín a tua carta fai dias, uns dez dias cecáis, e alegróume moito a noticia do voso viaxe a Caracas. Teño concencia da tua responsabilidade no cárrego que aceptache sabendo nos que ti eres o único que ten idea do que é Galicia e que tes unha vida consagrada a ela. Si eu pódote servir de algún xeito, fareino con moito gosto. Matino que mais necesario é, ao meu xuicio, programar a futura vida cultural atendendo, sobre todo, as pequenas vilas, na súa maioría centro de bisbarras. Do fomento cultural nelas depende o porvir de Galicia. Constituien a influencia mais directa sobre os concellos e as parroquias. Dende elas pódese facer moito, ourentando as xentes sobre moitos problemas da vida diaria que constituien o fondamento dunha vida cultural mais amplia. Téñense de facer equipos de divulgación compostos por técnicos mozos. Fai anos fixen un programa encol destas custións que rematóu nun Sargadelos adicado ao turismo supostamente intelectual no mellor dos casos. Un amplio centro cultural en cada vila, e un modesto boletín mensual coa vida cultural galega que divulgue o que se fai mesmamente hoxe en Galicia, con destino as relaciós públicas e cos outros países da penínsua, e co estranxeiro. Un boletín de 24 páxinas en formato pequeno, sin ilustracións e perfectamente diagramado, feito en galego, castelán e en algún outro idioma, francés e inglés, en edicións separadas. Podo ampliar o proieto estructurándoo.

Con respecto a Buenos Aires, Caracas é Centro América, Buenos Aires é Europa, e os socios cambeos que teríades son os de estación e hora. Nesta época do ano temos un clima invernal benigno, bastante parecido ó desa cidade, o da Coruña. Mais supoñemos que algo teredes visto por T.V. do mundial de fútbol os dias pasados, desta cidade, e da Arxentina enteira, fai unhas semáns. O que pasou co pobo non é pra escribilo agora, nin narralo, tense que ter visto. Millóns de xentes nas rúas manifestándo seu xúbilo, de todas clases sociaes, sen agredir a ninguén, sin borrachos, sin asaltos a tendas, irmanados na sua ledicia. Un espectáculo que non tivo par en nengunha parte, que sepamos.

Lembrámonos moito das pequenas reunións da Coruña. Non sabemos aínda cando voltaremos. Teño moito que facer e aínda casi non fixen nada. Complicóuseme todo moito. Agardamos por Domingo que virá para o Dia de Galicia, e prometémonos acompañalo no tempo que o deixen libre.

Escribídenos. ¿Casaron Fernando e Milagro?. Tédenos ao tanto da boda. Gostaríame chegar a tempo pra che facer un retrato co peito condecorado de gobernante.
Unha grande aperta para os dous, e Fernando e Milagro. Tamén para os amigos que pregunten por nos.

1978-10-20 Mencionado/a
Carta de Seoane a Dónega. 1978
Bos Aires
A Coruña
Orixinal Transcrición

Transcripción da epistola Carta de Seoane a Dónega. 1978 en 20/10/1978


Buenos Aires, 20 de Outubro de 1978

Sr. D. Marino Dónega Rozas
A Coruña

Querido Dónega:

Onte escribinlle a Diaz Pardo e dígolle que fai meses que non teño noticias tuas, pois suponme informado de moitas cousas das que non teño noticia en absoluto. A tua derradeira carta foi do 5/VIII, na que me invitábades, en nome do Museo, a participar nun xantar a Alvaro Gil, e na que me anuncias poñerme duas letras mais adiante. Non recibín nada e supoño o moito traballo que o impedíu. Pola miña parte traballo arreo no que poido. O 21 remátase a cuarta exposición deste ano e o 9 de Novembro inaugúrase outra de pasteles, sempre con temas de Galicia, que é un país que está a morrer por falta de información axeitada no corazón dos emigrantes. O único que trouxo noticias foi Domingo, que por outra parte confirmou polas suas conferencias a ademiración que xa lle tiñan as xentes de eiquí. Para nos non podo decir canto siñificóu, a pesares de ser recente a nosa estancia en Galicia, e ternos dadas tantas probas de amistade.
Falando de outra cousa, agora en novembro salirá á rua o libro meu, Imágenes de Galicia, setenta e dous grabados en madeira e un prólogo bastante extenso en castelán e galego. Na coleición onde van incorporados os idiomas castelán e inglés. Fáloche de min, non teño outra de que che escribir. En febreiro ou marzo estaremos Maruja e eu nesa. Non sabemos aínda si definitivamente ou por outro ano mais. Non podemos decidirnos.
A fin de ano ou nos comenzos da temporada artística do ano que ven inauguro unha mostra importante da miña obra no Museo da cidade de Santa Fe, un dos grandes museos da Arxentina. (Teño que che decir que as sociedades de “Amigos do Museo” eiquí, e nos Estados Unidos, teñen a sua residencia nos mesmos Museos, tal como o proietaba eu coa esperencia de pertenecer ás sociedades do Museo Nacional de Bellas Artes e Museo Municipal de Arte Moderno de Buenos Aires. O mesmo en todo o resto do meu proieto. Mais non importa. Ese é un capídoo rematado da miña vida social en canto a Galicia e súmase á perda de tantos anos de vida nela, da obra feita por Galicia, fora dela, de tanto soño perante coarenta anos, e das obras de arte galegas que trouxen ao exilio que gardei, adequirín, troquei, etc., e o que mais amei. Cada unha delas ten para unha historia. Unha historia soio pra min).
Supoñemos xa casados a Fernando e Milagro, supoñemos a todos ben. Nos lembrámonos moito de todolos amigos. Non contestes si non tes lecer pra facelo.
Unha grande aperta para ti, Fernanda, Milagro e Fernando, de Maruja e miña:

1979-01-09 Mencionado/a
Carta de Dónega a Seoane. 1979
Santiago de Compostela
Bos Aires
Orixinal Transcrición

Transcripción da epistola Carta de Dónega a Seoane. 1979 en 09/01/1979

Xunta de Galicia

Santiago, 9.1.1979

Luis Seoane
Buenos Aires

Benquerido Luis:

“Año Nuevo, vida nueva”. E veleiquí unha novedade. Estaba xa moi amolado pola miña tardanza en contestarche. Estaba na linde do intolerable, e tiña rebasado a descortesía. Sabía, e séi, da túa bondade e da túa xenerosidade cos amigos. E, abusivamente, acollínme a elas. Con todo, “ando emputesido de la cabesa”, como decía un meu amigo arxentino, malevo e atorrante. Xa non séi, ás veces, por onde ando. Non ben encetéi a miña praxis política, e xa batín coas súas interquinencias. É unha servidume non doada de aturar. Fai falla unha firmísima vocación. Descubrín en min algunhas boas dotes de político. Pero tamén descubrín a miña carencia absoluta de outras non menos necesarias. A paixón do mando, poño por caso. Eu non séi mandar. Sempre obedecín. E mesmo agora non trato máis que de obedecer aos mandados da terra. A falta de ambición é outra grave interquinencia. Unha visión irónica da vida e dos homes tampouco axuda. Pero non seguiréi co meu catálogo de carencias. Completareino nun futuro libro de Memorias. A Xunta foi ganando amodiño a confianza do país. Non a nivel popular. Porque a nivel popular ninguén ten implantación no país. Nin os partidos políticos, nin os sindicatos, nin nada. Pero sí a nivel dos estamentos sociaes (partidos, sindicatos, colexios profesionais, grupos empresariais, plataformas culturais, etc.) Todos acudiron á chamada da Xunta cando lles pediu colaboración. E así fóronlle chegando suxerencias, observaciós, bases e textos articulados para a confección dun borrador de Estatuto Galego. Mañán asistiréi en Santiago a unha xuntanza do Grupo de Traballo constituído. As cousas iban indo, mais a convocatoria de elecciós detivo a marcha do proceso autonómico. Proceso que se viña deslizando suavemente e sin estridencias gracias á sensatez, á modestia, ao bó senso e mais á paciencia do Presidente Rosón. Que dende o primeiro intre comportóuse como un galego e non como un home de partido. É de xusticia reconocelo así. Decíache que o proceso autonómico ven sufrindo unha paralización por mor das elecciós convocadas. Mais, ¿somentes por tal motivo?, ?desaparecerá o atranco cando aquelas se celebren? Os acontecimentos que estamos a vivir en España fanme pasar dun optimismo moderado a un pesimismo mesurado. Parece o mesmo e nono é. A operación de tránsito, que non deixaba de ter a súa orixinalidade, está chea de dificultades. E, incomprensiblemente, hai xentes que nonas ven, porque non as queren ver. Ou porque están cegas. Pero, en fin, 40 anos de aplicación masiva de antibióticos ao corpo social español deixárono debilitado e apenas sin defensas biolóxicas. Trataron de matar aos que coidaban infecciós e, de paso, medio acabaron coa flora social. Supoño a túa door pola perda de Lorenzo Varela. Porque si para nós desapareceu un finísimo poeta e un gran intelectual, tí, por riba, perdiches un amigo entrañable, compañeiro de exilio, de doores, de gozos e de esperanzas. Pero así veñen as cousas neste desgraciado país noso. Que vai perdendo aos seus millores homes cando máis os precisa. Non quero ser pesimista, nin fatalista. Pero os feitos non axudan. E remato por hoxe. Estanme agardando xentes que veñen cos seus problemas. E que non poderéi resolverllos. Entramentras, prometo non descuidar tanto a miña comunicación contigo. Recibe, con Maruxa, cinguidas apertas de Milagro, de Fernando, de Fernanda e miñas.

Dónega