PROXECTO EPÍSTOLAS

----

LOCALIZACIóN: Doutor Teixeiro, 11

Epístolas
23 mencións
Data Relación Remitente - Destinatario Orixe Destino [ O. ] [ T. ]
Data Relación Remitente - Destinatario Orixe Destino [ O. ] [ T. ]
1959-03-28
Carta de García Sabell a Seoane. 1959
Nova York
Santiago de Compostela
Bos Aires
Orixinal Transcrición

Transcripción da epistola Carta de García Sabell a Seoane. 1959 en 28/03/1959

28-III-1959
Sr. D. Luis Seoane
BUENOS AIRES

Querido Luis:

Fai moito tempo que penso escribirche unha longa e detida carta. Nunca dispoño de tempo abondo pra facelo. Excesivas obrigas i o agobiante traballo profesional impídenme corresponder contigo como ti mereces e como eu desexo.
Ante todo, o meu fondo agradecemento polo envío de teu álbum das Doce cabezas. É unha obra espléndida que marca un camiño ascendente na tua rexa e disparada traieitoria artística. O que eu anunciei no ensaio encol da tua arte vai agora tomando mañífica realidade. Por iso estás connosco e por iso connosco permaneces, porque a tua obra, dun valor inaudito na nosa terra, testemuña e perennidade do que non morre, do que sempre sobrenada na turbulencia da hestoria. Que sigas dise xeito e que eu, algún día, poda escribir o traballo definitivo sobor do teu profundo inquérito pictórico.
Agora, un pedido. Por fin vai saír o número de Ínsula adicado á Cultura Galega. Como pasou tanto tempo é mester modificalo un tanto. Por de pronto, estimo que nele non deben faltar o nome de Rafael Dieste i o teu. Prégoche, pois, que da miña parte encargues a Rafael un traballo sobor da paisaxe galega. Que o enfoque como lle acomode mellor. Debe estar escrito en castelán i as súas dimensións serán as corrientes nos traballos de revista. Tí remésame algún dibuxo ou reproducción dun cuadro teu que estimes representativo do intre aitual no teu arte. Endemáis poderías mandar tamén algún pequeno dibuxo (un ou máis) que poideran servir pra ilustrar as diversas páxinas do número. Dispoñemos dalgúns de Maside, pro, en parte, xa foron pubricados. O direitor da revista dispuxo deles ó ver, fai tempo, que o número galego non tiña viabilidade.
Todo isto ten certa présa e debe estar eiquí o máis tarde a finales de abril. Non te esquezas. Teño empeño en que Rafael e tí colaboredes niste número de Ínsula que, a bon seguro, há resultar de gran trascendencia.
Como no primitivo proieito, tamén niste, van os anuncios das diversas editoriales galegas. Acontece que os precios, como é natural, cambiaron. A plana enteira custa 4.000 pts. e a media plana, 2.000 pts. Penso que Citania deberá ocupar unha plana enteira, igoal que o farán algunhas outras editoriales de eiquí. Tí dirás, por tanto, si insertamos ou non o voso anuncio. En caso afirmativo xa dispondrás o aspeito tipográfico do mesmo.
Saúdos cordiales ós amigos. Saúdos moi garimosos de Elena e meus pra Maruxa. Recibe tí unha forte aperta de

Domingo

1959-06-04
Carta de García Sabell a Seoane. 1959
Nova York
Santiago de Compostela
Bos Aires
Orixinal Transcrición

Transcripción da epistola Carta de García Sabell a Seoane. 1959 en 04/06/1959

4-VI-1959
Sr. D. Luis Seoane
BUENOS AIRES

Querido Luis:

Xa fai días que recibín os materiales teus pró número galego de Ínsula. O artigo de Rafael é moi bó e as reproduciós das tuas obras sinxelamente espléndidas. Espero que a revista quede decente.

Non escribín antes porque nistes días aconteceu algo moi tráxico: a morte cáseque repentina de Manolo Alvarez Alvarez, a quen tí xa conocías e que pra min máis que un compañeiro de profesión representaba un verdadeiro irmán. Sucumbíu a unha espantosa hemorraxia cerebral que acabou con ele en poucas horas. Fai pouco máis dun mes tivera outra, leve, da que se repuxera por completo.

É unha gran perda prá meiciña galega a deste home que en plena maturidade conseguira chegar a ser un dos mellores médicos do país.

Todos estamos abraiados e sin humor pra nada. Decididamente, hay que refuxiarse no traballo pra poder superar istas mágoas.
Máis adiante escribireiche con outro vagar.

Apertas de Elena e miñas pra Maruxa. Pra ti unha moi grande de

Domingo

1959-08-01
Carta de García Sabell a Seoane. 1959
Nova York
Santiago de Compostela
Bos Aires
Orixinal Transcrición

Transcripción da epistola Carta de García Sabell a Seoane. 1959 en 01/08/1959

1-VIII-1959
Sr. D. Luis Seoane
BUENOS AIRES

Querido Luis:

Hoxe, por correo aéreo, envieiche o número de ÍNSULA adicado ás letras galegas. Coido que non saiú mal. Tén, naturalmente, os seus fallos, pro todo o que se podía conseguir está alí. Houbo innúmeras dificultades. Dá ideia delas o feito de que iste número estivo ¡cinco anos! atascado na censura.

Suprimiron unha das tuas ilustraciós, mais esto formou parte da poda xeral que eisixía o axuste dos traballos. Elimináronse moitas fotos e ainda algúns traballos –por exempro o meu– van cercenados.

Teño entre mans moitos proieitos que hei de darte a conocer noutra carta máis longa. O meu discurso de ingreso na Academia Galega causou moita sensación. O aito tivo gran fervenza galega. Paréz que estou denunciado, pro non me importa. Son cousas dos tempos e hai que saber aturalas.

Prohibiuse en toda Galicia a representación do Don Hamlet, por inmoral. Retiraron os exemprares que había nas librerías. E velahí.

Xa me entregaron a película dos teus Murales. Penso proieitala a moita xente e quero facer unha sesión adicada exclusivamente ós rapaces universitarios pra que eisí coñezan máis a fondo a túa espléndida obra.

Moitos cariños de Elena e meus pra Maruxa. Pra tí, unha forte aperta de

Domingo

[Escrito a man]

Moito agradecería, que me enviases as tapas para encoadernar Galicia Emigrante. Quero conservar a coleición.
Faláronme dun derradeiro libro de Alberti. Non teño idea. ¿Podería recibilo adicado?

1959-11-30
Carta de García Sabell a Seoane. 1959
Nova York
Santiago de Compostela
Bos Aires
Orixinal Transcrición

Transcripción da epistola Carta de García Sabell a Seoane. 1959 en 30/11/1959

DR. DOMINGO GARCÍA-SABELL/DR. TEIJEIRO, 15/TELÉFONO 1330/SANTIAGO

30-XI-1959
Sr. D. Luis Seoane
BOS AIRES

Querido Luis:

Alégrome moito que che gustara o número galego de Insula. Ten os seus defeitos, inevitábels, pro en xeral estou de acordo contigo. En Galicia e no resto de España causou moita sensación. Canito, o direitor, recibiu cartas de felicitación a eito. Todos coinciden en que o número é moito mellor que o que se adicou ás letras catalanas i eso que nós non dispoñemos das facilidades de tipo económico que teñen os nosos amigos. O artigo de Rafael é moi fermoso i o de Blanco Amor está realmente ben. Suprimiron algunha foto dos teus coadros i algunha outra ilustración por razós de espacio. Satisfáceme enormemente que fora do teu agrado o meu traballo. En realidade, penso que era mellor do que saiu na revista xa que iste apareceu seriamente mutilado. Cousas que pasan. De todos xeitos, hai que estar contentos. Non esquezamos que o número quedou parado catro anos na censura i aquí xa non nos facíamos moitas ilusiós sobor da sua aparición.

Falei moito de tí, e de todos vós, con motivo do enterro de D. Ramón Cabanillas. Acudiu xente de toda Galicia e foi unha demostración máis de cómo o noso esprito está vivo, alerta e vixiante, incruso nas xeraciós novas que non poseen vivencia algunha de moitas cousas pasadas.

Vexo que traballas como un forzado. Iso é bó. Canta máis obra teñas, máis se enriquecerá a nosa terra. Non estás esquecido nin moito menos. Ó contrario. Arredor de tí e da tua siñificación artística hai un verdadeiro halo de curiosidade, de ademiración e de respeto. Unha vida honesta e creadora non se perde endexamais. O coadro teu que eu teño na miña casa i os dibuxos que colgan na cabeceira do despacho da miña Clínica son visitados e contemprados a cotío por xentes de toda índole que coinciden no fervor hacia o arte auténtico e, por tanto, hacia Seoane. Tí eres, sin dúbida, a figura máis outa da plástica galega contemporánea e isto, que non se formula nos periódicos nin nas revistas oficiaes, o saben universitarios, artistas, inteleitoales e traballadores da nosa entrañabel Galicia. Luis Seoane, penso e digo en moitas vegadas en púbrico, é como un neno galego que se nos foi prás Américas e que alí tivo a nobleza de desenrolar un traballo heroico non pra empetar cartos senón pra aumentar, esgreviamente, o caudal artístico da nosa Patria. E Seoane sigue sendo un neno que vai pra maior e que sabe tapar as bágoas pra que a visión creadora non se lle tolde. E todo isto feito alá en Bós Aires, naquele balbordo lonxano no que ele, o artista, escoita sempre como un profundo rumor do profundo e calado pobo galego. Eisí pasan os anos, lentos e doorosos, e Seoane alá está, firme e fecundo. Galicia ten algún día de pagar a deuda contraída con este neno galego que envellece, loita e suscita inéditos mundos de fermosura.

E non sigo, querido Luis, non sigo.

Eu tamén traballo o que poido. Iste inverno teño eiquí unha xeira de dez conferencias, unhas médicas i outras de tipo cultural. O pasado 27 din a pirmeira en Lugo no Círculo de las Artes. E nela demostrei compridamente como o paisán galego pasa fame, fame material, i as consecuencias que isto trae consigo. Houbo un verdadeiro desborde emotivo no público e a inquedanza quedou suscitada. Aparte dun libro sobor da Meiciña antropolóxica, preparo outro de ensaios que espero rematar na primaveira. O “Manuel Antonio” está xa moi adiantado. Na Editorial Labor de Barcelona vai a saír un libro dun médico alemán, Heyer, con un estenso prólogo meu. E iso é todo polo momento.

Adxunto as facturas de Insula polo anuncio de Citania i o da Editorial Nós que se refire ás Cruces de Pedra… de Castelao. Xa están abonadas por mín de xeito que vós podedes remesarme o importe na forma e na data que creades máis comenente.

Elena i eu temos moitos desexos de voltar a veros. Si vés a Europa ¿non haberá maneira de que, cando menos, vos achegásedes a Portugal? Poderíamos pasar un día xuntos en Valença e iríamos varios amigos a darvos unha aperta. Pensa nisto.

Saúdos moi cariñosos de Elena e meus pra Maruxa. Lembranzas a todos os amigos. Pra ti unha aperta inmensa de,

Domingo

1962-02-26
Carta de García Sabell a Seoane. 1962
Nova York
Santiago de Compostela
Bos Aires
Orixinal Transcrición

Transcripción da epistola Carta de García Sabell a Seoane. 1962 en 26/02/1962

26-II-1962
Sr. D. Luis Seoane
Buenos Aires

Querido Luis:

A túa carta conmoveume fondamente. Tes a mellor das memorias, a memoria entrañabel. Eisí se esprica isa fermosa lembranza da nosa mocedade que traba no teu esprito a música de Debussy ca figura esvaída de miña nai.

¡Si souperas deica que punto a morte de miña nai revolveu en min tódolos pousos da miña ialma! Habería que falar moito diste sucedo. Da serea enerxía con que afrontou o pasamento, da leición que a todos nos donou ca sua derradeira dignidade humán, da sua elegante conformidade, ¡qué sei eu!
E de pronto, apareces tí e falas da nosa xuventude, das xuntazas en Xelmírez, da tertulia no Suizo. Agroma en mín unha época de ledicia i espranza. Ledicia porque o mundo i a nosa Galicia –a túa e a miña– andaban farturentas de vida. Espranza porque os rapaces matinábamos –os rapaces coma tí e coma eu– en ampriar e fecundar isa vida. Tiñamos sensibilidade, concencia dos problemas da terra –que son os do pobo– i unha moi concreta arela de xustiza. Xustiza en todo. Na cultura e no que non é cultura –si hai algo que nono seña. En fin, o tempo foi pasando. Tí convertíchete nun gran pintor. Eu, nun médico metido no seu burato. Pro os dous seguimos sendo novos. Porque seguimos creendo nas mesmas cousas. E porque sabemos, con saber que se non formula en palabras, que a nosa mocedade non está perdida de todo.

Unha forte, unha conmovida aperta de

Domingo

Apertas tamén de Elena e miñas pra Maruja.

1962-08-02
Carta de García Sabell a Seoane. 1962
Nova York
Santiago de Compostela
Bos Aires
Orixinal Transcrición

Transcripción da epistola Carta de García Sabell a Seoane. 1962 en 02/08/1962

2-VIII-1962
Sr. D.
Luis Seoane
BUENOS AIRES

Querido Luis:

O señor Díaz, ó que non tiven ocasión de ver persoalmente, deixoume na casa o mañífico libro co poema de García Lorca i as tuas ilustraciós. Elena i eu agradecémolo moi de veras e sobor de todo a garimosa adicatoria. Gustounos moito. Os grabados son, como tódolos que tí fás, dunha forza i unha calidade esceicionales. Sinxelamente, eu penso con toda sinceridade que hoxe non hai ninguén que chegue á tua maestría i a tua outura expresiva na arte da ilustración. Cúmprese o que eu sempre teño dito: que tí eres o grande artista por excelencia da nosa terra. Xa te decatas por todo isto que cada nova obra túa é na nosa casa sazón axeitada pra unha auténtica festa do esprito.

¿Cándo nos veremos? ¿Cándo voltaredes vós por eiquí, xa que nós é difícil que vaiamos a isa? ¿Cándo che podrei dar a entrañábel aperta que teño gardada pra tí nos recantos máis fondos do meu corazón? Namentras non chega ise día, velahí vai, ca nosa ademiración e lembranza de sempre en Elena i en mín hacia Maruxa, un cordialísimo apretón de máns.

Domingo

1964-01-16
Carta de García Sabell a Seoane. 1964
Nova York
Santiago de Compostela
Bos Aires
Orixinal Transcrición

Transcripción da epistola Carta de García Sabell a Seoane. 1964 en 16/01/1964


16-I-1964
Sr. D. Luis Seoane

Querido Luis:

Moitas gracias polo Catálogo. Xa sei que a Exposición tivo gran éisito. Era de esperar. Sentín de veras que a miña vida atrapallada me non permitira ir á inauguración.
¿Cando te veremos por eiquí?
Dieste dounos a coñecer o outro día un estupendo Ensaio. Rafael está en plena forma.
Saúdos e apertas cordiales prós dous de Elena e de mín.

Teu incondicional,

Domingo

1965-02-17
Carta de García Sabell a Seoane. 1965
Nova York
Santiago de Compostela
Bos Aires
Orixinal Transcrición

Transcripción da epistola Carta de García Sabell a Seoane. 1965 en 17/02/1965

DR. DOMINGO GARCÍA-SABELL/C/DR. TEIJEIRO, 11/TELÉFONO 1330/SANTIAGO



17-Febrero-1965
Sr. D.
Luis Seoane
BUENOS AIRES

Querido Luís:

Recibín o Homenaje a Venecia. Penso que é unha das cousas túas máis logradas. Sigues no camiño ascendente. A axeitada medida do teu formidable progreso é a distancia que media entre o Homenaje a la Torre de Hércules e iste derradeiro homenaxe. Xa sei que son obras de distintos alcances pro, con todo e con iso, o senso de progreso que hai entre elas é evidente. O teu prólogo é dos textos máis fermosos que teñas escrito i está moi por riba do poema de Whitelow.
Un distes días entregarei a Galaxia o texto do meu Limiar pro teu libro.
Saúdos moi cordiales de Elena e meus pra Maruxa. Tí recibe unha forte aperta do teu constante amigo e incondicional ademirador

D. García Sabell

[Escrito a man]
¿Cando vos teremos por eiquí?

1965-06-15
Carta de García Sabell a Seoane. 1965
Nova York
Santiago de Compostela
Bos Aires
Orixinal Transcrición

Transcripción da epistola Carta de García Sabell a Seoane. 1965 en 15/06/1965



15-junio-1965
Sr. D.
Luis Seoane
BUENOS AIRES

Querido Luis:

Moitas gracias polo teu novo álbum de xilografías. Estamos tan acostumbrados ós teus fabulosos achádegos que xa cáseque nos parece normal recibir, con certa frecuencia, unha obra maestra túa. E nembargantes, haberia que celebrar cada unha delas como un extraordinario acontecemento da nosa cultura.
Supoño que un distes días aparecerá ó album de Galaxia. Apertas garimosas de Elena e miñas pra vós os dous.

Domingo

[Escrito a man]
O limiar de Fattegno está moi ben

1967-01-13
Carta de García Sabell a Seoane. 1967
Nova York
Santiago de Compostela
Madrid
Orixinal Transcrición

Transcripción da epistola Carta de García Sabell a Seoane. 1967 en 13/01/1967

DR. DOMINGO GARCÍA-SABELL/C/ DR. TEIJEIRO, 11/ TELÉFONO 581330/SANTIAGO


13-xaneiro-1967
Sr. D.
Luis Seoane
MADRID

Querido Luis:

Non sabes cánto me alegro de que te atopes en Madrid. Iso supón que non tardaremos en verte eiquí, en Galicia. Tamén eu teño vivos desexos de falar contigo.
Tomo nota da túa direición e do teu teléfono. Si algún día vou por Madrid xa che avisarei.
Grandes abrazos de Elena e meus pra Maruja e pra tí. Teu sempre amigo certo e rendido ademirador,


Domingo

[Escrito a man]

As monografías de Lorenzo Varela e de Mújica e Whitelow son espléndidas. Craro que tí mereces iso e moito máis.

1969-08-01
Carta de García Sabell a Seoane. 1969
Nova York
Santiago de Compostela
Bos Aires
Orixinal Transcrición

Transcripción da epistola Carta de García Sabell a Seoane. 1969 en 01/08/1969







1º-agosto-1969
Sr. D.
Luis Seoane
BUENOS AIRES

Querido Luis:

Adxunto isas breves notas pra cumprir, e con moito gusto, a miña deuda co estupendo D. Vicente Puente Castelao. Desexaría que llas amostres ó interesado, pro que quedes tí con elas como dono incondicional pra que as publiques onde tí consideres máis axeitado.
Non te esquezas do poema autógrafo de Alberti.
Supoño que pronto vos teremos connosco. Fortes e cordiales apertas de Elena e miñas pra Maruxa e pra tí.

Domingo

A direición de D. Vicente Puentes Castelao é: Juan Agustín García, 5924/26. Teléfono: 64-5784. Buenos Aires

[Escrito a man]

Si puidera ser, gustaríame que o poema de Alberti fose o adicado a Van Gogh en A la pintura.

1970-07-14
Carta de García Sabell a Seoane. 1970
Nova York
Santiago de Compostela
Bos Aires
Orixinal Transcrición

Transcripción da epistola Carta de García Sabell a Seoane. 1970 en 14/07/1970

DR. DOMINGO GARCÍA-SABELL/DR. TEIJEIRO, 11/ TELÉFONO 581330/SANTIAGO


14-VII-1970

Querido Luis:

Hoxe, por correo aéreo, remeseiche a foto da caricatura de Bagaría. Tamén vai outra que se refire á participación das escuadras alemá e italián na nosa guerra civil. Non sei onde sería publicada.
Un distes días mandarei os versos de Valle-Inclán.
¿Cómo van as tuas cousas?
Eu, eiquí, estou traballando moito. Teño varias cousas entre mans. Xa che darei noticia delas.
Unha moi forte aperta.

Domingo

Prégoche que non te esquezas do autógrafo de Alberti.

1971-03-29
Carta de García Sabell a Seoane. 1971
Nova York
Santiago de Compostela
Bos Aires
Orixinal Transcrición

Transcripción da epistola Carta de García Sabell a Seoane. 1971 en 29/03/1971

DR. DOMINGO GARCÍA-SABELL/ DR. TEIJEIRO, 11/TELÉFONO 581330/SANTIAGO

29-marzo-1.971
Sr. D. Luis Seoane
BOS AIRES


Querido Luis:

Entereime por Rafael Dieste que pronto voltaredes por eiquí. Prégoche non esquezas o poema autógrafo de Alberti.

Temos moito que falar, e falaremos.

Apertas garimosas de Elena e miñas pra Maruxa e pra tí.

1972-01-28
Carta de García Sabell a Seoane. 1972
Nova York
Santiago de Compostela
Bos Aires
Orixinal Transcrición

Transcripción da epistola Carta de García Sabell a Seoane. 1972 en 28/01/1972

DR. DOMINGO GARCÍA-SABELL/DR. TEIJEIRO, 11/TELÉFONO 592116/SANTIAGO

28-I-1972
Sr. D. Luis Seoane
Buenos Aires


Querido Luis:

O asunto do noso amigo non vai nada ben. E non polo que se refire ao seu problema cerebral, hoxe xa resolto. Refírome ao problema afectivo. Tiven unha longa, longuísima conversa con ele: sete horas arreo. Nega moitas cousas, pro ademite outras. A máis grave é que a sua vida conyugal xa non ten ouxeto. Pensa separarse definitivamente. Si deica agora non tomou unha resolución seria, é porqué eu o evitei. Pro a resolución virá de seu. O programa está moi elaborado, mesmo nos seus máis mínimos detalles. Naturalmente, a dona non sabe ren disto.

I agora vamos ao que máis importa. Coido que o namoro pola mociña –que ele nega tercamente, mais que é moi evidente– xoga un papel accidental. Ainda que é un namoro antigo, como eu xa che tiña dito, e como tí agora me confirmas, ainda con todo, a cousa é secundaria. Ao meu ver, o importante é a realidade atroz do acabamento da relación matrimonial, o desexar afastarse pra sempre da dona. A tremenda incompatibilidade que ele amostra cabo de sua muller.

Como os bruídos dos ouvidos continuaban, mandeille facer unha exploración a fondo do laberinto, ouvido interno, etc. O Dr. Baquero non atopou nada e, sin imaxinarse siquera o que lle acontece ao doente, afirmoume que tales bruídos eran meramente psicóxenos, desencadeados por algún conflicto íntimo.

O noso amigo, en consecuencia, vai levando a cabo o seu plan, con moita parsimonia, pro con enorme tenacidade. Como ao mesmo tempo a súa dona escomenza a amostrar uns celos cáseque agresivos, isto está ben dramático. É un drama xordo, calado e sumamente anguriante.

De todo isto din noticia aos Dieste. Xa non estamos dediante de unha afección cerebral, nin tampouco dunha neurosis, ou mesmo psicosis, alarmantes.

Estamos dediante dun xiro na vida dun individuo que, máis ou menos estrambótico, vai ter algún día cumprimento. A Meiciña soio pode dar sedantes, ou facer psicoterapias e psicoanálisis. O resultado é sempre ben probe.

Entón o que compre é axudalo como amigo, como entranable amigo que é. Eu vou seguir usando toda a miña influencia sobor dele. E, niste senso, recabei endemais a axuda i o consello dos Dieste. Eles están en todo conformes conmigo. Dígoche isto porque nista carta, por forza esquemática e sin probas ouxetivas, podería parecerche a miña maneira de pensar un tanto arbitraria. E nono é. Ogallá o fora.

Xa vín a carta que Maruja lle escribiu á dona do noso amigo. Aconsellei que nona entregaran á destinataria. Tal e como están as cousas, potenciaría, cecais perigosamente, os celos dela e, de retruque, as agresividades verbales dele. Comprendo que Maruja, e tí tamén, queirades axudar. Pro como non estabades ao corrente dos derradeiros sucedos, non pudéchedes calibrar a importancia dos vosos datos unha vés lidos eiquí. Si algunha outra cousa sabedes, decídema a mín.

Craro que xa ando a pensar no libro teu. Calisquer días distes remesareiche a lista das cousas que teño encol de tí.

Moitas gracias polas xestiós do Lawrence. Hai que ter pacencia. Supoño que haberá axiña outra edición. A ver si atopas isto: Frieda Lawrence: The memoirs and correspondence, edited by E. W. Tedlock. (Knopf).

Fai tempo remeseiche a conferencia do Castro. Quedou moi ben.

Apertas de Elena e miñas pra Maruja. ¡Cánto vos botamos de menos! E unha moi fonda de

Domingo


[Escrito a man]

Onte estiven no Ferrol. Por casualidade fixéronme unha entrevista prá radio. Preguntáronme, entre outras cousas, por tí e por Díaz Pardo. Lanceime, e falei cáseque media hora. Especialmente do valor universal do teu arte.

1972-06-13
Carta de García Sabell a Seoane. 1972
Nova York
Santiago de Compostela
Bos Aires
Orixinal Transcrición

Transcripción da epistola Carta de García Sabell a Seoane. 1972 en 13/06/1972

DR. DOMINGO GARCÍA-SABELL/DR. TEIJEIRO, 11/TELÉFONO 592116/ SANTIAGO

13-VI-1972
Sr. D. Luis Seoane
BUENOS AIRES


Querido Luis:

Acabo de recibir a tua cariñosa carta que me anima moito e que che agradezo de veras.
Estou traballando arreo. Xa rematei o Manoel-Antonio. O libro encol do erotismo avanza con certa parsimonia, pro avanza.

Por eiquí hai boas novas, e outras non tan boas. Unha espléndida foi a Esposición do libro galego en Barcelona. Mañífica laboura de todos i, en especial, de Isaac e Xosé. O Catálogo é xeneroso i a túa portada totalmente acertada; (coma sempre).

O Isaac sigue na sua aititude frente a Mimina. É un asunto sumamente íntimo no que se non pode facer rén. Xa falaremos cando veñades por eiquí. Eu animo a Mimina canto poido, e percuro que non perda pé na realidade.

O Sr. Millares invitóume pras festas do Centro Galego. Refuguei.

Adxunto unha lista das cousas túas que obran no meu poder. Vai un tanto revolta, pois foi escrita conforme aparecían os teus traballos na miña biblioteca. Remésame aquelo de que dispoñas. A ver si niste outono escomenzo o ensaio. En verdade, o libro.

Teño uns enormes desexos de que voltedes o máis axiña posible. ¡Hai tan poucos amigos cos que falar!

Unha grande aperta pra Maruja e pra tí de Elena e de mín mesmo. Teu decote

Domingo


[Escrito a man]

Pasado mañá saio pra París onde teño un Coloquio. Soio estarei dous días. Logo, eiquí en Santiago, outro sobor da Epistemoloxía da interdisciplinaridade. Un tema moi complexo e pouco craro.

Escomenzo a notar un certo cansacio. Agardo con impaciencia o mes de Agosto pra estar na Cruña sin facer rén. Dedicareime –¡Asómbrate!– a
dibuxar. De súpeto, entroume ista teima.


[Escrito a man anexo]
Homenaje a Venecia.
Llanto por I. S. Mejías.
O conde asesino de Sobrado e outros grabados.
Muiñeira (con soio 2 litografías das cinco que compoñen o coaderno).
Segundo libro de tapas.
Libro de tapas.
O Meco.
El toro Jubilo
O pulpo.
Doce cabezas.
Diez xilografías originales.
La dama y otros grabados en madera.
Paradojas de la torre de marfil.
Figurando recuerdos.
Lorenzo Varela: Seoane.
Tres hojas de ruda y un ajo verde.
Testimonio de vista.
Luis Seoane; (Galería Viau). (1951)
Luis Seoane; (Galería Viau). (1952)
Luis Seoane, (Amigos del Arte) (Montevideo, 1946)
Luis Seoane (Galería Viau). (1953)
A. Cuadrado: Dibujos de Seoane.
L. S.: Castelao artista.
L. S.: Na brétema Sant-Yago.
Lorenzo Varela: Lonxe (con 10 grabados de L. S.)
L. S.: Tres estampas de la traición.
L. S.: Exposición retrospectiva 1948-1968. (Art Gallery International).
L. S.: Graphik (Städtische Kuustsam-lumgen Bonn).
L. S.: Solene o ceos (M. L. Maside).
L. S.: Exposición.
L. S.: Homaxe a un paxaro.
L. S.: Una confusión cotidiana por Kafka. Grabados de L. S.
L. S.: Grabados. Galería F. Fé.
L. S.: Maside grabador.
Folrsheim: Ist die Malerei ja Ende?
Alberti: A la pintura.
E os dous ensaios meus sobor de tí.

1972-06-27
Carta de García Sabell a Seoane. 1972
Nova York
Santiago de Compostela
Bos Aires
Orixinal Transcrición

Transcripción da epistola Carta de García Sabell a Seoane. 1972 en 27/06/1972



27-VI-1972
Sr. D. Luis Seoane
BUENOS AIRES

Querido Luis:

Acabo de recibir a tua carta –despois de un longo viaxe meu– e contesto axiña.
Denantes de nada, hei de decirche que o que máis me preocupa dela é o anuncio de posíbels aititudes tuas máis ou menos drásticas encol do Museo Maside e do Laboratorio de Formas. A tua colaboración direita nistas instituciós é esencial e de ningún xeito pode fallar. Todo podería botarse a perder si tí deixas de lado as suas aitividades, deica agora ben valiosas.
Respeito ao proieito de Isaac –refírome á constitución dos Padroados– penso que nele se toman precauciós escesivas, e mesmo innecesarias. Cando hai que protexer algo de futuros perigos, toda virtual defensa é pouca. Pro, afortunadamente, iste non é o caso do Museo, nin do Laboratorio. As súas funciós estrictamente artísticas e de pescuda estética nada teñen que temer de ninguén. Isaac, posibelmente por estar soio e por sentirse aguilloado en diversos e simultáneos frentes –o cultural, o político i o familiar– non dispón da serenidade percisa pra ver con craridade o inútil da sua estratexia. Agora ben, eu estou seguro de que todo o por ele planeado foi levado a cabo con ausoluta boa fe e sin tolería de ningún xénero. Compriría, pois, percurar convencelo do seu trabucamento. Pro, insisto, tí non debes, nin en teoría, alonxarte.
O resto de carta de Isaac forma parte, no que se refire aos fillos e a Mimina, dunha vella preocupación dele da que xa falaremos algún día co vagar indispensabel a tan serio asunto.
O que trata dos problemas económicos, eu nono entendo por descoñecer as interioridades da organización societaria. Niste respeito, tí dispós seguramente de mellores puntos de referencia. I engado que supoño que pra tí iso non é o esencial.
Non fagas rén que poida toldar a tua relación amistosa con Isaac. O home necesita de todos nós. I a obra que está realizando é, sinxelamente, ademirable.
Supoño que recibirías unha miña na que falaba das tuas cousas e remesaba unha lista do que eu teño de tí.
Apertas de Elena e miñas pra Maruja. Unha moi forte de,

Domingo

[Escrito a man]
Eu falaría con Isaac pra tirarlle da cachola os proieitos, pro non teño conocemento “oficial” deles. E, naturalmente, non podo usar a túa carta.

1972-10-27
Carta de García Sabell a Seoane. 1972
Nova York
Santiago de Compostela
Bos Aires
Orixinal Transcrición

Transcripción da epistola Carta de García Sabell a Seoane. 1972 en 27/10/1972

DR. DOMINGO GARCÍA-SABELL/DR. TEIJEIRO, 11/TELÉFONO 581330/SANTIAGO




27-X-1972

Sr. D. Luis Seoane
Buenos Aires

Querido Luis:

Soio duas letras pra comunicar que recibín o paquete coas cousas tuas. Xa estou reunindo, en carpetas, todos os papeles, catálogos, etc, que a tí se refiren.
Mimina operouse e todo resultou moi ben. Agora parez que os problemas conyugales andan unha miga mellor. Ogallá ista melloría se consolide e mesmo se amplíe. Como tí vas vir en Xaneiro, falaremos longo da custión. E dos fillos.
Eu saio mañá pra Madrid. Un Congreso de Meiciña psicosomática encol da Gran Cidade. Teño unha Ponencia. Cando se publique –axiña– remesareina. Despois, noutra xuntanza, participarei nun parladoiro sobor Baroja. Tamén recibirás isto.
Deica pronto. Apertas de Elena e miñas pra Maruxa. E outra pra tí, moi entranable.

Domingo

1974-12-18
Carta de García Sabell a Seoane. 1974
Nova York
Santiago de Compostela
Bos Aires
Orixinal Transcrición

Transcripción da epistola Carta de García Sabell a Seoane. 1974 en 18/12/1974




18-XII-1974
Sr. D. Luis Seoane
BUENOS AIRES

Querido Luis:

Hai moito tempo que soio teño novas de tí pola vía de algúns amigos. Sei que traballas moito –como decote–. E sei, tamén, que en Xaneiro hemos de contar contigo eiquí. Estou desexando que iso aconteza. Eu na Cruña apenas me entrevisto con Dónega e, nalgunha vegada, con Dieste.
Por certo, o libro euclideán diste debe sair agora do prelo. A pedido do autor, fixen un pequeno prólogo. O que me non remata de gustar é o tídoo que lle diu ao libro, Testamento geométrico.
Agora o que desexo é facerche presente a tí e a Maruxa o noso agarimo pra o Aninovo que, mesmo que semella duro abondo, pra todos nós ha sere fecundo e, en máis de un senso, compensador.
Apertas cariñosas de Elena e miñas pra os dous. E deica pronto. Teu

Domingo

1976-03-23
Carta de García Sabell a Seoane. 1976
Nova York
Santiago de Compostela
Bos Aires
Orixinal Transcrición

Transcripción da epistola Carta de García Sabell a Seoane. 1976 en 23/03/1976






23-III-1976
Querido Luis:

Recibín o dibuxo de Caparrós. Xa o ten ele. Entregueillo nunha pequena festa na nosa casa. Quedou tolo de ledicia e sumamente agradecido. Supoño que terá escrito dándoche as gracias.
A mín paréceme un dibuxo espléndido. É difícil de comprender cómo por unha soia foto, e apenas conocendo ao modelo, se pode chegar a isa especie de adiviñación psicolóxica que tí amosas en todas e cada unha das liñas. Por outra banda, é dunha extraordinaria seguridade de trazo. En suma, un novo acerto das túas mans miragreiras.
Xa apereceu, no derradeiro número de Grial, o texto de miña pequena intervención cando apresentei o teu álbum na librería Arenas. Vai co dibuxo da cabeza de Maruxa ao que aludo nas miñas verbas. Díme si precisas que o remita, e fareino deseguida.
Respeito a Lorenzo Varela, descuida. En coanto chegue por eiquí, atendereino como ele se merece. Endemáis teño moitos desexos de escoitalo, de que falemos de tantas cousas interesantes e curiosas como están acontecendo. Gardo do poeta un bó recordo, e arelo anovalo.

[Escrito a man]
Apertas de Elena e miñas para Maruxa. Unha moi fraternal para tí.

Domingo

1976-09-02
Carta de García Sabell a Seoane. 1976
Nova York
Santiago de Compostela
Bos Aires
Orixinal Transcrición

Transcripción da epistola Carta de García Sabell a Seoane. 1976 en 02/09/1976

DR. DOMINGO GARCÍA-SABELL/DR. TEIJEIRO, 11/TELÉFONO 592116/SANTIAGO


2-IX-1976
Querido Luis:

Non sabes como agradecín as túas verbas, tan xenerosas, tan abertas e tan aleicionadoras. Os amigos, coma tí, axudan a aturar tódalas incomodidades do diario traballo. E as inquedanzas do país. Estamos confusos, inritados, sufrindo inxusticias e malas valoracións. Pro, ¿qué vou eu a contarte a tí que tanto levas apañado pola iñorancia e a mala intención dos demáis?
O que escribiches sobor de Maletvich e Rodchenko é moi bó, e sorprendentemente adiviñador.
Eu aproveitei o mes de Agosto –as miñas vacacións– para dar unha paseata por Bélxica e por Holanda. Os Memling de Bruxas e o Van Eyck de Gante deixáronme estupefacto. O Museo Boymanns-van Beuningen de Rotterdam, que de seguro tí xa conoces, contituie unha mostra sumamente completa do Arte do noso tempo. Matinei moito en tí e na tua obra, en tantos respeitos ben superior a gran parte da que alí se exhibe. E tomei notas que están xa no meu Xornal. En suma, que voltei fortecido, tonificado, e con desexos de traballar. O novo libro de ensaios anda, por ende, a ritmo decente.
Agardo o catálogo da túa nova Mostra. Non deixes de remesalo.
Apertas moi cordiales de Elena e miñas para Maruxa e para tí. E que regresedes axiña. Necesitamos de vós.

Domingo.

[Escrito a man]
Teño carta de Otero Espasandín. Operárono dún cáncer no colon. Está recuperándose. Penso que debías escribirlle.

1976-10-18
Carta de García Sabell a Seoane. 1976
Nova York
Santiago de Compostela
Bos Aires
Orixinal Transcrición

Transcripción da epistola Carta de García Sabell a Seoane. 1976 en 18/10/1976







18-X-1976
Querido Luis:

Recibín a túa derradeira carta na que me contas o ben que o pasáchedes en Tucumán. E o eisito da tua Mostra, cousa que, como sempre, se produz en coanto a xente contempla as túas creacións.
Agora entréganme a monografía de Squirru. Leereina axiña e xa che darei a miña impresión. Polo de pronto, a parte gráfica é espléndida. E supoño que tamén o será o texto.
A idea do libro a base dos anacos do meu Xornal nos que trato de tí ou da tua obra paréceme moi interesante. Dende logo, queda aceptada. Cando veñades, falaremos. E cecais nos poñamos ao traballo rápidamente.
Por eiquí, as cousas vánse acrarando. Son outimista, a pesares das aparencias contrarias. Coido que o camiño da libertade é irreversibel. E ainda que se cometen moitos erros, tanto oficiales como da oposición, o pobo está cada día máis lucidío e con maior pulo de decisión política. Ista é, polo menos, a miña impresión. Craro está que a realidade vira unha e outra vegada dun xeito desconcertante, pro con todo, o resultado final é espranzador. É cáseque como un proceso biolóxico que ninguén pode deter. Ir contra a libertade é ir contra Natura.
Culturalmente, hai poucas novedades. Non me lembro si xa che falei do libro Unha ducia de galegos. Si ainda nono tes, podo remesalo. Os que dín cousas valiosas son Piñeiro, Beiras, D. Ramón e tí1. Hai algún entrevistado que é lamentabel. A mocedade, en xeral, desnortada e petulante.
Vinde pronto. Agardamos día a día por vós.
Velahí tes a direición de Espasandín: 7501 Democracy Blvd. B-215. Bethesda, Maryland, 20034. USA.
Grandes apertas para Maruxa e para tí de

Domingo



1 Neste punto aparece unha marca a man que remite ao pé de páxina onde se escribe a man: “E Araúxo”

1978-02-23
Carta de García Sabell a Seoane. 1978
Nova York
Santiago de Compostela
Bos Aires
Orixinal Transcrición

Transcripción da epistola Carta de García Sabell a Seoane. 1978 en 23/02/1978



23-II-1978
Sr. D.
Luis Seoane
BOS AIRES

Querido Luis:

Recibín a tua carta. Sinto o da gripe, pero é cousa que hoxe resulta inevitabel. Coidate sempre. Tí eres forte –xa o teñes demostrado– e non me preocupan isas pequenas doenzas, sin maior transcendencia.
Vexo que sigues a traballar dun xeito sistemático, contínuo e fecundo. Non te esquezas de remesarme, cando saian, os teus novos libros de grabados. Interésanme moito.
Sinto que non espoñas en Milán, aínda que comprendo o teu cansacio. A mín, no meu eido, acontéceme o mesmo. Son escesivas as obrigas que cangan sobor de ún. En fin, non nos laiemos.
Eu ando metido nunha actividade cáseque frenética. O Senado, as Comisións que me visitan e piden a miña intervención, –hoxe mesmo viñeron uns paisáns das Encrobas a pedir que eu os apoie, pois o resto dos parlamentarios non fan ren, e axiña lles dixen que estaba disposto a loitar polos seus dereitos onde fora e cómo fora–. Imos preparar, xa que logo, unha estratexia axeitada a ver si acadamos que non rouben o que é deles. Xa che terei ao tanto diste choio.
As conferencias –niste mes levo dadas sete, cinco en Galicia e duas en Madrid–. E, derradeiramente, o oficio de curador, que pide moito. En suma, un trafego contínuo. Agora estou tan esgotado que marcho á Coruña a descansar tres días seguidos. A leer e a escoitar música.
Os López de Gomara –apelido de conquistador español– aínda non apareceron por eiquí. Cando veñan, atendereinos con todo agarimo.
Por correo aparte envieiche a reseña periodística dunha intervención parlamentaria da Totora. Verás por ela que a miña calificación de conducta circense estaba plenamente xustificada. ¡Cánto dano fai ista muller ao bó nome de Galicia!
Xa saberás que ardeu gran parte do Pazo de Meirás. O incendio foi provocado. Por fortuna, salvóuse a biblioteca da Pardo Bazán. O resto, polo que nos contan, era morralla, bisutería, mala pintura e obxetos de valor arqueolóxico froito da rapiña disa curuxa que é a viuda do dictador. ¡Coarenta anos roubando, amasando millóns, e nin tan siquera un cadro de firma importante! Un mal gusto de militar español.
Pasado mañán ingresará na Academia Galega Mariñas del Valle. Denantes xa o fixeron Eduardo Moreiras e Valentín. Nún mes, tres numerarios novos. Coido que a cousa non vai mal. Tamén salvei un atranco económico. E o domingo celebraremos a primeira sesión ordinaria na nova casa. Polo de agora soio é unha ocupación provisional. A inauguración oficial terá lugar cando rematemos algúns detalles de instalación para os que precisamos cartos que eu ando a pedir por todas partes.
Unha apreta ecumenica de Elena e miña para Maruxa e para tí. Sempre voso,

Domingo

1978-06-06
Carta de García Sabell a Seoane. 1978
Nova York
Santiago de Compostela
Bos Aires
Orixinal Transcrición

Transcripción da epistola Carta de García Sabell a Seoane. 1978 en 06/06/1978

DR. DOMINGO GARCÍA-SABELL/DR. TEIJEIRO, 11/TELÉFONO 592116/SANTIAGO


6-VI-1978

Querido Luis:

Somentes dúas liñas para comunicarte que, por diversas razóns, aceptei a invitación do Centro Galego e asistirei iste ano ao Día de Galicia ahí, en Bós Aires.
Estaremos xuntos, e iso é o que máis me anima do viaxe. Como a miña actividade quedará ben programada e non será excesiva, dispondrei de tempo para que falemos e convivamos moitas xeiras bonaerenses. Hai moito de qué tratar. Irá tamén Elena que se atopa francamente mellorada.
É unha ledicia pensar en vós e en nós ahí, xuntos. Espléndido.
Pensamos chegar arredor do día 23. A data de regreso xa non ten urxencia pois o mes de Agosto coincide coas miñas vacacións.
De palabra respostarei á tua derradeira carta.
Fortes apertas de Elena e miñas para os dous,

Domingo