Proxecto epístola

Agrupación de coleccións epistolares para a páxina institucional do Consello da Cultura Galega.

Buenos Aires, 25 de Abril de 1978

D. Marino Dónega
A Coruña

Querido Dónega:

Rematamos, fai uns intres, de falar con Fernanda por teléfono. Enchéunos de contento a tua designación e desexábamos felicitarte. Onte recibimos a tua carta e facía dous ou tres dias uns recortes de xornaes que me remitíu Piñeiro. Mais, tiñamos que sabelo de outro xeito e recibimos a tua carta. Non temos que decirche da nosa emoción e contento porque tí, un galeguista, integres a Xunta de Galicia. É como un soño que recobrásemos do 1936. É como un soño que haxa ao fin un galeguista nunha Xunta en que tí soio, ao meu parecer, entre todos os que a compoñen, merece en xusticia formar parte dela. Non está, teño entendido, Domingo, nin foi designado Presidente, como algúns eiquí agardábamos, Piñeiro, nin coñezo aos designados polas outras diputacións. Ti, pois, representas lexítimamente a todos nos, os que durante coarenta anos, dentro ou fora da terra, con pasaporte español ou sin él, fixemos o que poidemos por Galicia, soñando con ela, padecendo con ela, traballando por ela e sendo sempre leales aos grandes homes da nosa historia e á nosa historia. Como eu, estarían hoxe moi ledos, os desaparecidos fai anos ahí e fora desa, os Vilar Ponte, Plácido Castro, Castelao, Casal, os dous Picallo, etc., todolos irmáns esquecidos, soio lembrados por nos.

Onte decíamoslle a Fernanda deste sentimento, desta emoción, como xa dixen. Chegas ao cárrego por méritos dabondo, por ter mantido unha conducta honesta, intelixente e patriota dos vellos galeguistas. Sentimos moito non estar ahí para ter celebrado contigo e os poucos irmáns que quedan de outros tempos, probados de moitos xeitos polas circunstancias que vivimos, a integración tua na Xunta de Galicia.
Non quero decirche, hoxe, mais. Escribe. Unha aperta moi fonda de Maruxa e miña para cada un de todos vos, Fernanda, Fernando, Milagro e tí, e os agoiros para tí no teu cárrego. Repito, escribe.

O teu navegador non soporta PDFs incrustados. Por favor descarga o documento aquí.
Ficha documental [Imprimir]
  • Forma parte do conxunto:
  • Fondo: Luís Seoane depositado na Fundación Luís Seoane.
  • Data:
    25/04/1978
  • De:
    Luís Seoane
  • Para:
    Marino Dónega
  • Orixe:
    Bos Aires
  • Destino:
    A Coruña
  • Ficha descriptiva:
    [Carta mecanografada con firma autógrafa]
  • Localización física:
    Fundación Luis Seoane
  • Termos clave: