Proxecto epístola

Agrupación de coleccións epistolares para a páxina institucional do Consello da Cultura Galega.

Carta de Seoane a García Sabell. 1978

12/09/1978
Domingo García-SabellLuís SeoaneMaruxa Seoane
Compartir en




Buenos Aires, 12 de setembro de 1978

Sr. D. Domingo García Sabell
Santiago

Querido Domingo:

Recibín a tua carta do mes pasado. Escribo a moitos dias de recibila, pois foron moi atarefados, desbotados. Fixen unha mostra de grabados na Plata, outra no centro de Estudos Brasileiros désta e inaugurei o dia 5 unha de 35 oleos escolleitos, gardados no meu obradoiro, na Galería Bonino, onde expoño dende fai moitos anos, dura todo o mes. Ten moito éisito. Remítoche, como curiosidade, a primeira nota saída de La Nación. O dia 2 do mes que ben fago outra, duns sesenta grabados, en outra galería, Imágen. Por outra parte, rematei de facer o tomo de grabados, setenta e dous, que se chamará Temas Gallegos. Grabados en Madera. Sairá a fins de novembro. Recollo moitos temas históricos de leendas e costumes que nunca foron tratados plásticamente, moitas nin siquera literariamente. Traballei algún dia mais das oito horas prescriptas como xornada de traballo e quedei canso. O grabado en madeira require moita atención, por temor dos erros irremediables coas goibas ou buriles, e moita seguridade na man. Tamén require un esforzo físico, aínda que pequeno, moito maior que no dibuxo ou a pintura.
Agradecemos moito as liñas que nos adicas na tua carta. Non podo descrebirche a ledicia que a Maruxa e a min prodúxonos a vosa presencia e o ánimo que esta e as conversas nos infundiron. Facíanos falta, ou parecíame. Pola miña parte déboche moito. Na Coruña espérame a edición do teu traballo encol de min que quero sexa unha das mais fermosas edicións galegas. Déboche tamén esa monografía aínda inédita; como as anteriores publicadas tan xustas, ó meu ver, e tan belidas. Mais déboche ser un dos poucos compañeiros da miña xeneración que soupo ser fidel de adulto á nosa mocedade turbulenta como tiña de sere por desexos de xusticia, que fixeches unha das obras escritas mais lúcidas de cantas se publicaron en galego no que vai de século e que toda Galicia, como cada un de nos, débeche. Escrita, esto debémoste tamén, nun idioma que non esquence as verbas cultas e arcaicas cando sustituien os castelanismos e portuguesismos tan dos nosos dias. Escrita, sabendo que o idioma faino o pobo, a sensibilidade do ouvido e, non en pequena medida, os escritores. Estivemos gozosos da vosa estancia en Buenos Aires e orgullosos do éxito humán e intelectual que tivéchedes. Algún dia próximo lembraremos xuntos Buenos Aires. Do paseo ao Tigre, da pequena xuntanza céltica, coa asistencia de xudeos e italiáns, ou desta procedencia, na nosa casa e coa simpatía que despertáchedes nos asistentes. Todo, aparte das nosas conversas.
Agradecémosvos a estancia nesta cidade e a vosa amistade. Recibide Elena e ti unha fonda aperta de Maruxa e miña.

Ficha documental [Imprimir]
  • Forma parte do conxunto:
  • Fondo: Luís Seoane depositado na Fundación Luís Seoane.
  • Data:
    12/09/1978
  • De:
    Luís Seoane
  • Para:
    Domingo García-Sabell
  • Orixe:
    Bos Aires
  • Destino:
    Santiago de Compostela
  • Ficha descriptiva:
    [Carta mecanografada]
  • Localización física:
    Fundación Luis Seoane
  • Termos clave: