Proxecto epístola

Agrupación de coleccións epistolares para a páxina institucional do Consello da Cultura Galega.

Carta de Seoane a García Sabell. 1976

16/02/1976
William BlakeEdgar DegásDomingo García-SabellLuís SeoaneMaruxa SeoaneElena Tormo
Compartir en


Buenos Aires, 16 de Febreiro de 1976

Sr. D. Domingo García Sabell
Santiago

Querido Domingo:

Recibín a tua carta de fins do mes pasado, que te agradezo moito por todo o que dís de Insectario, tan ben dito e tan de acordo co que tratei de facer. A min levoume a este tipo de temas a miña creencia na unidade do universo, a irmandade que sinto con todas as criaturas, aínda as mais insignificantes, aínda que todo esto non poda axustalo en forma algunha relixiosa, pois é un sentimento que nasceu conmigo. Dende neno conmóvenme os ollos das xentes, dos animales, aínda dos bichocos cando se lle poden percibir; paréceme que os ollos unen a todolos seres comprendéndonos a nos. Sei que os hay (sic) cegos como as toupas, pero sinto frente a elas parecida perplexidade, a que me producen os homes cegos. Dibuxei, pintei e grabei a moitos animales, o touro, o can, o pulpo, paxaros, peixes, caracolas e insectos. Fixen centenares de testas humáns directamente recollidas. Cada prigo dun rosto paréceme un milagre, como cada testa dun bichoco ou dun animal grande, cada par de ollos, sempre en todos, en éstas e nas das xentes. Os bichocos son en xeral pérfidos, molestos, asesinos, mais en todos eles, como nos homes, existe unha inocencia primeira que os salva. Son ruíns porque eso pertenesce ao orde do universo, a misión para a que xurdiron ou foron creados. Cumplen enmais dun logar práctico, eficaz na natureza, un logar no mundo da nosa fantasía. Ocorre igoal coas outras bestas. A mesma forza enigmática que conduce os homes conduceos a eles e están tamén suxetos a eso que chamamos destino. Mais son así os misterios do universo. As plantas fanse amigas ao seu xeito da man que as coida e acaricia. Creo que todo esto forma parte da miña natureza galega, a que se fai evidente nas nosas creencias e leendas, en San Andrés de Teixido onde se nos fai coidar dos reptiles ou calquer animal que atopemos no camiño, na perduración das pedras da serpe e en algunha creencia como a de supoñer aos Cabaleiros da Taboa Redonda convertidos en mosquitos en certa lagoa de Ourense agardando pola volta do Rei Arturo. Eu teño iniciado, fai anos, un pequeno bestiario escrito pra publicar algún dia cos significados de moitos animales. Foi, aos comezos, unha conferencia que fixen para o Colegium Músicum de Buenos Aires, ilustrado con diapositivas de bestas no arte universal. A Edade Meia foi pródiga na sua representación. As xentes na pantasía meieval transformábase facilmente en dragóns, cóbregas, escorpións e vermes en xeral, cecais, dixeron, polos seu pecados mortales ou por encantamentos. Mais o misterio non se detén nin siquera na xeoloxía. Vulcano e Neptuno facían da terra e do mar seus axentes e nos sabemos hoxe que os antigos non fixeron mais que preveer o home científico de hoxe. Nos, inocentes galegos, sabios celtas en potencia, sabíamos que algo contiñan as pedras, a terra e as augas nas que creíamos dende sempre. Mais, non che distraigo mais. Blacke, poeta celta, cando quixo ferir a un veciño dibuxouno e escribíu ao pé “O espectro de unha pulga”, non matinou en ningunha clase de máquina, maiúscula ou minúscula, sinón nese bichoco aparentemente insignificante.
O dibuxo de Caparrós fareino e mandareino un destes días, mais provisional, pois prefiro facelo do natural cando volva a Galicia, e non porque non poda facelo de unha fotografía. Degás e Picasso fixeron escelentes dibuxos por este procedimento.
Agradézoche as tuas verbas e todo canto fas por mín. Recibide Elena e tí unha aperta moi garimosa de Maruxa e miña:

Seoane.

Ficha documental [Imprimir]
  • Forma parte do conxunto:
  • Fondo: Luís Seoane depositado na Fundación Luís Seoane.
  • Data:
    16/02/1976
  • De:
    Luís Seoane
  • Para:
    Domingo García-Sabell
  • Orixe:
    Bos Aires
  • Destino:
    Santiago de Compostela
  • Ficha descriptiva:
    [Carta mecanografada]
  • Localización física:
    Fundación Luis Seoane
  • Termos clave: