Proxecto epístola

Agrupación de coleccións epistolares para a páxina institucional do Consello da Cultura Galega.

Carta de Francisco Fernández del Riego a Lois Tobío Fernández, 1969.

10/02/1969
Conde de GondomarFrancisco Fernández del RiegoLois Tobío Fernández
Compartir en

EDITORIAL GALAXIA, S. A.
Reconquista, 1 - Teléfono 218204
VIGO - 10- febreiro-1969

Sr. D. Luís Tobío
Madrid

Meu querido amigo:
Producíronme gran alegría a túa carta do día 3 e máis o traballo sobre Gondomar, pra "Grial". Paréceme francamente interesante e unha calificada aportación prá revista. O que ocurre é que xa non poderá ir no número que temos no prelo. Tivemos que apresurar a presentación de probas por mor da censura, pra que poida saír dentro de plazo. Publicarase, pois, o teu traballo no número correspondente ó segundo trimestre diste ano. Fareiche, cando apareza, 25 ou 30 separatas. Tan axina como se compoña correxirei eu as probas de galerada e remesareiche despóis as de páxina pra que tí as repases antes de as imprimir.
Alédame moito que veñades pasar o vran a Vilagarcía. Acompañareite na túa andadura pola terra de Gondomar. Conozo ó herdeiro do vello Conde e procuraréi del autorización pra visitar o pazo, que, por certo, é cousa moi probe.
Escríboche moi a presa porque acabo de chegar de Coimbra e atópome eiquí cunha chea de traballo atrasado, que teño que despachar decontado.
Garimosos saúdos de nós os dous pra túa muller e o teu fillo, e pra tí a cordial aperta de sempre, de

F. del R. [sinatura autógrafa]

O teu navegador non soporta PDFs incrustados. Por favor descarga o documento aquí.
Ficha documental [Imprimir]
  • Forma parte do conxunto:
  • Fondo: Lois Tobío no seu arquivo persoal
  • Data:
    10/02/1969
  • De:
    Francisco Fernández del Riego
  • Para:
    Lois Tobío Fernández
  • Orixe:
    Vigo
  • Destino:
    Madrid
  • Ficha descriptiva:
    [Carta mecanografada, con sinatura autógrafa e con membrete: EDITORIAL GALAXIA, S. A.].
  • Notas:
    Carta enviada dende a Editorial Galaxia da que era director Francisco Fernández del Riego:
    EDITORIAL GALAXIA, S. A.
    Reconquista, 1 - Teléfono 218204
    VIGO
  • Termos clave: