Carta de Francisco Fernández del Riego a Lois Tobío Fernández, 1963.
09/11/1963Vigo
9 - nov.
1963
Sr. D. Luís Tobío
Madrid
Meu querido amigo:
Fai unha chea de tempo que recibín a túa carta. Esperaba que no vran viñeses dar unha volta por Galicia. Pero ô parecer, as túas ocupaciós non cho permitiron. Sentíno ben. Tiñas moitos desexos de falar contigo, longo e de vagar.
O principal ouxeto distas liñas é o de che pedir un favor, por si o podes atender. Un amigo noso, ô que ti conocerás tamén inda que soio seña de nome, Celso Emilio Ferrreiro, quería completar os seus ingresos –xa que ten varios fillos– con algunha representación. Pedíume que che escribise a ti, por si a empresa na que traballas necesita un representante en Vigo e Pontevedra; i en caso afirmativo, que nomease a Ferreiro pra desempeñar isa misión.
Estimaríache moito que, de ser posíbel, atendeses o pedido. En calquera caso, rógoche que me comuniques o que haxa, pra que Ferreiro vexa que fixen a xestión. Moitísimas gracias, por adiantado.
Don Manuel Puente escribíume dúas cartas. Pídeme que nos encarguemos da distribución dos dous tomos da Historia. Xa chegaron algús exemplares co ise fin. Pero o 30% de desconto que ofrece é moi escaso, pois de facer as vendas a traveso de librerías e representantes, hai que lles dar o 25 de comisión.
Dime tamén que me poña â fala contigo, pra ver de proseguir a edición da obra. Garantizándoo e aconsellándoo ti, non ten incomenente, en principio, enque os prósimos tomos se editen en Madrid baixo a túa direición.
O traballo da Prehistoria, que deixóu Cuevillas manuscrito, estáo revisando Xocas e poñéndoo ô día. Incorporaralle material gráfico, e unha vez mecanografiado o texto, mandaramo todo a min.
Tamén os fillos de Iglesia Alvariño parecen dispostos a entregar o orixinal sobre o Idioma que se refugara polas razós que conoces. No caso de que o solicitáramos de novo, habería que llo entregar a Ferro, pra que suprimise todo o que resulta inaxeitado. De calquer maneira, non sei ate que punto resultaría comenente meter ise estudo nun tomo co da Prehistoria. Haberá primeiro que mirar si a estensión diste abonda pra encher un volume de tamaño semellante ô dos xa publicados. En fín, ti dirás.
Sería ben que me transmitises tódalas suxerencias que se che ocurran, pra lle eu escribir a Puente.
Si vou un día a Madrid, antes de que ti veñas a Galicia, ireite ver.
Entrentanto, espero as túas novas.
Moitos saúdos â túa muller e ô teu fillo, da miña dona pra todos, e pra tí a cordial aperta de sempre, de
F. del R. [sinatura autógrafa]
[Na esquina superior dereita, escrito a man con bolígrafo azul: Cont. 6-XII-63]