Carta de Lois Tobío Fernández a Isaac Díaz Pardo, 1978.
15/02/1978Madrid, 15 de febreiro de 1978
Sr. D. Isaac Díaz Pardo
Sargadelos
Meu querido amigo: Moito me aledaron as novas que me das na túa carta verbo dos proieitos da empresa "F. de C. Sargadelos S.L." de abrir unha galería en Santiago e, co gallo da súa inauguración, facer homaxe ao Seminario de Estudos Galegos, lembrando o que foi aquela institución e vendo a posibilidade de facela rexurdir. Pra mín, ollando cara adiante, coma sempre, os fitos que o Seminario se propuxo ao sere fundado siguen tendo valencia e vixencia na nosa Terra. Hai necesidá de que eisista un centro de cultura que xunte e unifique, de xeito formativo, os esforzos a prol do desenrolo de todolos aspeitos da nosa cultura, despois dese longo inverno en que se viu coutada e asoballada.
Pareceme ben que se tomen todalas cautelas precisas pra desbotar de entrada toda connotación politica precisa. Mais por desgracia, foron e son os outros os que puxeron e poñen as etiquetas e por ela estriron o Seminario. No Seminario nunca se fixo politica, e nel, ben sabido é, coincidiron persoas de moi diferentes tendencias. Soio o amor a Galicia e á súa cultura os xunguía. O que pasa é que, queirase ou non, loitar pola cultura dunha terra tamén é facer politica.
Estou por enteiro á vosa disposición en todo canto poida axudar a esta laboura que vos propoñedes levar a termo. O guión que me mandas semella en principio ben. Abrangue o sustancial dos temas posibeles. Estes e outros temas poderían cicais tratarense nun coloquio, despois de ben elaborado o temario e de ben mediado polos que foran a participar nel. Hai que contar tamén coas institucións que podan ter avencellamento direito co asunto como a Academia, o I. P. Sarmiento e outras. O Seminario rexurdido teria demanter estreita relación con todas elas.
Velahía algunhas das cousas que se me ocurren arestora encol da vosa felís iniciativa. Que teñades un eisito comprido. Atal é o meu sinceiro desexo.
Unha aperta do teu vello amigo