Proxecto epístola

Agrupación de coleccións epistolares para a páxina institucional do Consello da Cultura Galega.

Carta de Isaac Díaz Pardo a Lois Tobío Fernández, 1978.

18/01/1978
Isaac Díaz PardoXosé Filgueira ValverdeLois Tobío Fernández
Compartir en

SEMINARIO DE SARGADELOS
CERVO - LUGO - TLFNO. 580811

18 de xaneiro de 1978

Sr. Don Luis Tobío Fernandez
Madrid

Meu querido amigo:
Formula a presente pra lle comunicar que a empresa "Fábrica de Cerámica de Sargadelos, S.L." tomou en arrendo un local en Santiago de Compostela, no número 16 da Rúa Nova, pra adicalo a Galería de Arte, Libros e Cerámica, semellante a os establecementos que xa ten en Madrid e Barcelona, si ben o local de Santiago a mais de levar unha librería especializada en libros galegos ou referentes a algo de Galicia quérese que traballe tamén o libro portugués.
Coa inauguración desta Galería, que quixeramos facer pra a segunda mitade de marzal, vai a coincidir a saida do prelo da edición facsimilar do "Terra de Melide" cun limiar xustificativo do profesor Filgueira Valverde, publicado pola nosa asociada Ediciós do Castro.
Coincidindo con estas e outras circunstancias pensamos que a Galería Sargadelos de Santiago debería inaugurarse cunha mostra-homaxe da tarefa cumplida polo Seminario de Estudios Galegos, e dentro de esa mostra, entre outros actos culturales que se celebraría, estaría a presentación da edición facsimilar do "Terra de Melide". Coidamos que é un bó comenzo que Sargadelos, que te un siñificado pra Galicia, empece en Santiago por rendir un homaxe a unha institución tan galega, e tan de Santiago, como foi o Seminario de Estudios Galegos.
Cara esta mostra fixemos un ante-proieto do seu posible esquema:
a)- Publicaciós do Seminario e consecuentes da tarefa do Seminario.
b)- Iconografía referente ao Seminario.
c)- Gráficos coa organización do Seminario.
d)- Gráfico cronolóxico da tarefa cumplida polo Seminario comparándoa coas tarefas cumplidas por outras instituciós que traballaron en campos paralelos en Galicia, Madrid, Barcelona; os feitos históricos que foron determinando a concencia do Seminario; a influencia que exerceu o Seminario, etc.
e)- A Institución que recolleu parcialmente o esprito do Seminario logo da nosa guerra civil –o Instituto Padre Sarmiento– e que de algún xeito poido manter alcendida unha chama de él.
f)- O siñificado do Seminario coma unha Insitución interáreas no coñecemento particular de Galicia e na investigación total.
.../...
Unha proieción contínua de audiovisuales podería completar esta información e tocar outros temas paralelos ou derivados sobre materias que preocuparon ao Seminario coma son o arte popular e a súa correlación co arte culto, eco-sistemas, etc.
A mostra tería reflexo nun importante catálogo que servise xa de tratado pra o coñecemento do que foi a Seminario de Estudios Galegos.
Dentro da mostra celebraríase un ciclo de conferencias pra afondar no coñecemento do Seminario e discutir, si cabe, a posibilidade da súa restauración conservando dentro de ela o Instituto Padre Sarmiento cuia especializada pro moi importante labor cumplida non se pode abandonar.
Os fundadores do Seminario e os que colaboraron nel e que viven habería que facelos participar de algún xeito nesta mostra, que debería ter un carácter eminentemente cultural tratando de recoller dun xeito, o máis centífico posible, o caracter exemplar que tivo aquela institución. O feito de que o Seminario tivese enxangamentos oblíganos a vixilar que o caracter que se quere destacar poidese dar lugar a consideraciós de tipo político que restarían o gran valor de coincidencia que o Seminario, coma institución cultural, ten pra todos, nós.
Este ante-proieto de guión ou esquema do que pode ser a mostra que nos propoñemos facer ten que ser sometido á consideración das personas interesadas neste tema, polo que nos diriximos a vostede suplicándolle nos faga chegar as súas suxestiós sobor deste ante-proieto.
Agradecéndoas aproveito pra saudalo, coa mais outa consideración
Isaac Díaz Pardo [sinatura autógrafa]

[Palabras manuscritas:] Apertas tensas
Isaac

O teu navegador non soporta PDFs incrustados. Por favor descarga o documento aquí.
Ficha documental [Imprimir]