Proxecto epístola

Agrupación de coleccións epistolares para a páxina institucional do Consello da Cultura Galega.

Carta de Seoane a Piñeiro. 1978

07/02/1978
Salvador García-BodañoRamón PiñeiroJosé Ruibal ArgibayLuís SeoaneMaruxa Seoane
Compartir en


Buenos Aires, 7 de Febreiro de 1978

Sr. D. Ramón Piñeiro
Santiago

Querido Piñeiro:

Poucas verbas pra che agradecer os recortes que me remitiches encol da preautonomía. Na prensa de eiquí non se publica nada sobor Galicia, ou moi pouco. O que se publica son noticias de moi pouco interés, o que non ocurre cos problemas bascos e cataláns. A xente está, en xeral, informada da eisistencia da preautonomía de eses dous países, mais non se dou a noticia da referida a Galicia, a pesares de que a axencia Efe está chea de periodistas galegos, e é da que se nutren nas referencias a España os xornaes arxentinos.
Cheguei mal a Buenos Aires, con unha gripe collida en Madride e pola que estuve mal uns dez días, mais xa estou traballando, aínda que non coa intensidade que acostumo, en parte, penso, polo clima déste mes de vran, calor, tormentas, inundacións, fresco, ao mellor nun mesmo día todo. Estes dias inicio os grabados dun libro de cen estampas de grabados en madeira adicados a Galicia para unha editorial arxentina. Esto é todo hoxe.
Unha gran aperta pra Isabel e pra tí de Maruja e miña. Tamén para Sara

Nota: Ao finar esta carta chegáronme as probas de Galicia 2002 que foron remitidas a Coruña o 24 de Xaneiro. E da Coruña aquí uns sete dias. Na imposibilidade de poder comprir co plazo que sinalaba o Vicerrector pra entregar as probas correxidas, pregaríache que ti ou Ruibal, ou García Bodaño, ou quen dispuxeses, as correxisen, suprimindo as miñas intervencións, mal recollidas polo aparello grabador e transformadas adiviñando o que eu dixen por quen interpretóu, coa mellor intención, o que eu dixen. Por exemplo, en unha delas fanme decir que os italians viñan a Arxentina en millores condicións de alfabetismo que os galegos, facendo o eloxio da escola primaria en Italia. E esto é inexacto, os italiáns viñan a este país en condicións similares aos galegos, resto dos españoles e portugueses. Penso que nos primeiros trinta anos déste século con maior proporción de analfabetos que os galegos. Por eso penso que deben de borrarse as miñas intervencións verbales. Eu sinto moito todo esto, non me importan demasiado as erratas cando non alteran o que se escribe. Mais estas non son erratas, senón malas interpretacións do que o aparello grabador recolleu mal polo que fose.
Nunca me pasou nada similar a esto. Perdóademe, mais eu non quixera que a xente matinara que non sei o que digo.

O teu navegador non soporta PDFs incrustados. Por favor descarga o documento aquí.
Ficha documental [Imprimir]
  • Forma parte do conxunto:
  • Fondo: Luís Seoane depositado na Fundación Luís Seoane.
  • Data:
    07/02/1978
  • De:
    Luís Seoane
  • Para:
    Ramón Piñeiro
  • Orixe:
    Bos Aires
  • Destino:
    Santiago de Compostela
  • Ficha descriptiva:
    [Carta mecanografada]
  • Localización física:
    Fundación Luis Seoane
  • Termos clave: