Proxecto epístola

Agrupación de coleccións epistolares para a páxina institucional do Consello da Cultura Galega.

Carta de Piñeiro a Seoane. 1976

00/11/1976
Ramón PiñeiroLuís SeoaneRafael Squirru
Compartir en

XI-1976

Querido Luis:

Recibín a tua carta e onte chegou o fermoso libro que che adicou Rafael Squirru. Dá xenio velo. Sería interesante un exemplar para a Fundación Penzol, porque é importante que estes libros figuren nas bibliotecas públicas do noso país. Desde logo, a nós prodúcenos, ademáis da alegría amistosa, un verdadeiro goce espiritoal.
Por aquí, as cousas van indo cara adiante. Certo que con atrancos, que a maior parte das veces proceden da ultra-dereita e ás veces tamén da ultra-esquerda. Estes, de seu, móvense nunha dirección utópica, pero a súa acción violenta beneficia grandemente ao bunker. De todolos xeitos, a ultra-dereita ten perdida a partida –e de ahí os seus esforzos desesperados por estrangular o proceso aperturista–, porque o Rei necesita afianzarse como “Rei dos españois” en lugar de ser o “Rei posto por Franco”, a alta finanza e sectores importantes da economía queren entrar no Mercado Común e a presión europea é favorable á democratización, presión á que se suma, con moitas cautelas, a mesma U.S.A. Os bunqueriáns queren “arxentinizar” o ambiente político para provocar a dictadura militar –os seus berros sempre son: “¡Ejército al poder!”– como único medio de impedir a evolución democratizadora. Pero, hoxe por hoxe, e coido que cada dia con máis firmeza, o Exército está na liña do Rei, así que respalda a apertura.
En Galicia, o ambiente está moi sensibilizado para as reivindicacións colectivas do noso pobo como tal. Nunca houbo tanto galeguismo. A actuación dos partidos é polo de agora demasiado doutrinaria e un tanto confusa –cousa inevitable despois de tantos anos de clandestinidade–, pero pouco a pouco, van madurecendo. Polo de pronto, conqueríuse que a oposición incluía as libertades autónomas de Cataluña, Euzkadi e Galicia nas súas bases de negociación co Goberno.
O libro de Freixanes tivo un éxito grande. En dous meses, vendéronse dous mil exemplares. Coméntase moito e, en xeral, foi acollido con moita simpatía. No teu caso, son de lamentar esas inexactitudes de que me falas.
Nós publicaremos encantados no Grial ese teu traballo sobre os emigrantes cando o escribas.
Cando veñades, atoparedes esto bastante animado.
Apertas nosas para os dous

Ramón

O teu navegador non soporta PDFs incrustados. Por favor descarga o documento aquí.
Ficha documental [Imprimir]
  • Forma parte do conxunto:
  • Fondo: Luís Seoane depositado na Fundación Luís Seoane.
  • Data:
    00/11/1976
  • De:
    Ramón Piñeiro
  • Para:
    Luís Seoane
  • Orixe:
    Santiago de Compostela
  • Destino:
    Bos Aires
  • Ficha descriptiva:
    [Carta manuscrita]
  • Localización física:
    Fundación Luis Seoane
  • Termos clave: